Gardar as modificacións feitas nunha referencia externa

Visitando os foros de Autodesk onde me acabo de rexistrar para ver se me axudan cun temiña que xa contarei e me esta a tolear, decidín dar unha volta por ver se podía axudar a alguén. Deste xeito redescubrin esta posibilidade e o máis importante aprendín que era local.

Explícome. Se realizas modificacións nunha referencia externa (cambiar de cor unhas capas, desactivar outras) estes cambios por defecto non se gardan. Para que isto suceda hai que activar unha variable de sistema. VISRETAIN. Si amigos, esta é a culpable de tanto choio estragado. Se o valor é 1 gardaranse esos cambios que tanto tempo nos levaron.

Visretain

Hai outra posibilidade para os que non gostan da liña de comandos (pobriños ;-)), e está en:

Herr. -> Opciones -> Abrir y Guardar -> RefX -> Mantener cambios en capas RefX

Tal como se ve se premes no debuxo adxunto.

O máis salientable desta variable é que se garda co debuxo. Así que ou ben modificamos as nosas plantillas de debuxo poñendo VISRETAIN a 1, ou nos lembramos do seu nome, porque o de ir tantas veces a OPCIONES non pode ser bó.

Publicado en AutoCAD | 3 Comentarios

Filete tártaro

Dame no corpo que neste mundiño a especialización é a chave do éxito, así que dado que eu non teño ningunha visita máis cas da miña muller, e seica non entende o que escrebo, vou adicarme a escribir de máis cousas ;-).

Hai uns anos acompañei, por cuestións laboráis, á miña moza (sí daquela eras a miña moza ;-)), a Lugo. Sinto un especial cariño pola cidade da muralla bimilenaria. Voltando ó conto, non lembro que foi o que fixen mentres estiven só, pero cando nos xuntamos para xantar, si recordo perfectamente ó noso paso polo Alberto. Aquel xantar será sempre o do meu primeiro Filete Tártaro.

Un pouco de historia

Segundo teño lido, a orixe deste plato está no xeito que tiñan os xinetes tartaros de transportar a carne. Seica ía entre o cabalo e a silla, e se conservaba co sal do sudor do cabalo. Os tartaros foron os que fundaron o imperio mongol (para máis señas). Eu non andaba por alí, así que o que queira que crea e o que non…

Ingredientes

    Filete tártaro ingredientes

  • Un cachiño de tenreira galega
  • Cebola
  • Pepinillos
  • Alcaparras
  • Xema de ovo
  • Mostaza en gran
  • Salsa picante de chile habanero
  • Salsa Worcestershire
  • Aceite de oliva virxe
  • Vinagre de módena
  • Sal
  • Pementa

Preparación

É moi sinxelo de explicar, aínda que leva un tempiño a facer. O primeiro é coller a carne e limpala ben de fibras, graxa, pel, etc. Eu algunha graxa sempre lle deixo porque me gusta. Logo hai que picala pero a man para que non se pegue a carne. Afiar moi ben un coitelo e facer cubos coma dun centimetro cúbico. Non hai que medilos, que semellen chicharos está ben. Reservala na neveira para que estea fresca.

Picar miudiña a cebola, as alcaparras e os pepinillos. Reservar.

Nun bol botar a xema do ovo e o resto de ingredientes. Remexer. Engadir os elementos picados (carne, cebola, alcaparras e pepinillos), e amasar cun garfo. Cando teña pinta de estar repartido todo, emplátase.Filete tártaro

Aproveitei un aro que tiña por casa, ceboliño e unhas folliñas de leituga. Algo que non fixen e si debería, é escurrir un pouco a mistura para mellorar a presenza. Ó introducila no aro e premer para darlle forma, vaise o exceso de líquido. Aprender dos erros é importante.
Máis ou menos queda así.

Notas

  1. Eu fíxeno así. Hai receitas (poucas) que só se fan dun xeito, pero as que fago eu son ó meu aire. A carne recomendada normalmente é o solombo e de boi. Eu tiña un cachiño da pata así que a fixen con esa. Outras substitucións que fixen foron, o chile habanero (un día teño que falar disto) por tabasco, e o vinagre, que usei de módena porque me pareceu xa bastante forte o que levaba.
  2. Outros ingredientes que non usei son as anchoas e o ovo cocido.
  3. As cantidades sempre son apróximadas, todo o fago a ollo.
  4. A min gustoume, por iso lle fixen unha foto e agora o publico aquí. Non falo de orella, nin copio as fotos doutras páxinas (cousa que xa teño vista e que feo é).
Publicado en Gastronomía,Receitas | 6 Comentarios

Eqdist por Desfase. Qué pasa con Autodesk?

Atopo incrible este tipo de cambios. Cantos anos levamos usando EQDIST? E por riba Autodesk empéñase en que eliminemos a liña de comandos e usemos as súa Paletas. Afortunadamente os Alias (o famoso acad.pgp ou acadlt.pgp, según versión), poden facer que este cambio sexa transparente para nos. Chega con substituir un Eqdist por Desfase e asunto solventado.En fin, imos ó choio. Aquí temos a nova marabilla en acción.Autocad_desfase_eqdist

Non sei dende cando ten estas novas opcións, mais eu descubrinas desta volta. Agora podemos elexir entre:

  • Punto a atravesar : Unha nova opción que é similar a marcar unha distancia co rato, pero sen ter que utilizar interseccións ficticias.
  • Borrar: Que viría sendo o mesmo que en MIRROR (SIMETRIA). Por defecto, non se eliminará, pero este valor queda almacenado nunha variable, e repetirase en toda a sesión.
  • Capa : Podes elexir a capa de destino neste movemento, entre a de orixe e a actual. Por defecto, fara a copia como de costume, na de orixe.

Aínda non usei moito as novas opcións, pero de seguro a miña preferida vai ser trocar a capa actual o elemento desplazado.

Publicado en AutoCAD | 3 Comentarios

pFUEL. Controla o consumo do teu coche.

Xa hai tempo, andaba a buscar algún software que me permitira saber o custe real do meu coche. Andaba daquela preocupado, pola posibilidade de necesitalo para o traballo, e como o prezo que pagan por quilómetro é ridículo, necesitaba saber canto ía perder para ver se me compensaba a operación.

Hai moitos xestores de quilometraxe, pero a característica que eu buscaba non era que só puidera contabilizar o custe económico de encher o depósito, senon que puidese incluir dende a limpeza ata o seguro, pasando por revisións, multas, reparacións, etc… todos os gastos que xera.

Deste xeito atopei pFUEL. Aplicación para palm, de balde (moi importante), libre (tamén importante), e que me permitiu traducila ó galego facilmente.

Entre as súas características destacan:
pFUEL

  • En galego ;-)
  • Soporte para varios vehículos
  • Permite unidades Imperiáis e S.I.
  • Permite considerar gastos que non sexan o combustible
  • Alarmas. (para revisións, taxas, etc).
  • Gráficas de eficiencia e prezo/volume
  • … e máis que agora non acordo ;-)

Que eu saiba ten a triste honra de ser o primeiro software en galego para PalmOS. Ogallá estea errado, e me colguedes varios exemplos nos comentarios.
Próximamente porei unha mensaxe con capturas da versión en galego, que ademáis serán a cor que sempre fai máis bonito. A ver se lle interesa a alguén, e se digna a poñer unhas palabriñas por aquí ;-)


Ligazóns: Páxina principal de pFUEL

Publicado en Aplicacións,palm | 4 Comentarios

Un amigo famoso

Algunha vez me teño parado a pensar como cambiaría a miña vida se, de súpeto, me fixera famoso. Non é o meu caso, pero pode que sexa o dun amigo. Santiago González acaba de comunicarme que é o gañador do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, con “Game Over”.

Santiago GonzálezPara quen non saiba de que falo, trátase do VI PREMIO DE NOVELA POR ENTREGAS “LA VOZ DE GALICIA”, concurso convocado polo anteriormente mentado xornal, no que os premios son; a publicación da novela durante o mes de agosto, acompañada de ilustracións, na contraportada do periódico, durante o mes de agosto; igualmente aparecerá na edición dixital da publicación; ademáis de 6.000€.

Espero que unha parte a invirta en pagar uns Matusalem, cando volte de Francia, (onde se atopa facendo un curso), xa que según me ía comentando nas poucas ocasións que coincidimos este ano, hai algún personaxe que está baseado dalgunha maneira en min. Por todo isto, e por máis cousas que non veñen a conto, aproveito estas liñas para felicitalo dende aquí.

Que eu saiba é a segunda vez que se presenta a este premio. O ano pasado foi finalista con “E agora qué?”, a cal se ben era unha peza que me sorprendeu máis que positivamente en xeral, para os que o coñecen ten o aliciente extra, de tratar de primeira man, a algúns dos seus personaxes e incluso algún dos feitos alí relatados.

O ano pasado non gañou, porque non aparecía o meu carisma reflectido na historia. Vese que este ano andivo máis fino. ;-)

Actualización:

Acabo de engadir a nova de La Voz, na que aparece premiado. Santiago Lopo… estes artistas é o que che teñen XD.


Ligazóns: Nova dos Finalistas, Fallo do xuri, A novela día a día na edición dixital de La Voz de Galicia

Publicado en Persoal | 3 Comentarios