Ago 28 2006
Iván Ferreiro no Nautico de San Vicente do Mar

Hai unha semana un compañeiro do traballo díxome:
-"Teño que darche unha mala nova. Denunciaron ó Nautico e queren pechalo."
Independentemente da miña opinión sobre o tema, unha das consecuencias desta desafortunada situación, era que o concerto que ía pechar a temporada, e do cal estaban esgotadas as entradas, ía celebrarse no exterior do local, co que aumentaba considerablemente o aforo, e permitiume restarlle horas ó sono do domingo, para pasalas na actuación de Iván Ferreiro.
Do concerto en sí non sei que dicir, estivo ben, pero non toleei. Esperaba o trío formado por Iván, Amaro e Karlos (sen dúbida o mellor da noite), e atopei a un Iván que só cantaba, un guitarra máis e un baixo. Esta equación equivale aproximadamente a Los Piratas, e non era iso o que eu quería.
Soaban bastante ben, se temos en conta que se colaron dúas veces, e que non lle vía o xeito ó guitarra novo (dende logo nos temas de Canciones para el tiempo y la distancia, non pintaba nada). Tocaron varios temas novos, algúns clásicos dos piratas e nos bises saíu Quique González, que cantou a dúo un tema del (seica, que non o coñezo), e logo Tournedo que alongaron metendo versos de varios temas (ata In between days de The Cure), que si me sorprendeu.
Quedoume pena de non sacarlle unha foto ó setlist, que tiñan pousada na mesa de son, e serviría para que me lembrara dalgún título máis.
Definitivamente non era o que esperaba para o derradeiro concerto do Náutico, nin por dende logo para ver por primeira vez en directo a Iván Ferreiro.
Quedareime co concerto que teño gravado de Los conciertos de Radio 3.
chuzame -




