Archive for Outubro 30th, 2006

Out 30 2006

Česká republika (I). Moravia (1)

Introducción

Os que me coñezades saberes que xa o ano pasado quixen ir visitar a Óscar e Sasa na República Checa (Chequia ou como se chame), pero Air Europa se interpuxo entre nos. Así que dende xa unha recomendación. NUNCA VOEDES CON AIR EUROPA (esta batalla contoa outro día). Finalmente Air Berlin en colaboración con LIDL (eu quédoche parvo!), fixo que por 58€ por cabeza puideramos visitar Berlín e Die Bahn habilitou un sitio nos seus trens por outro tanto para chegar a Praha (Praga para os non nativos).

Estes apuntamentos van ser moi longos, pero non vexo outra forma de contalos. Aquí vai máis ou menos o primeiro día... unha vez chegados a Praha, durmindo toda a mañá e cara as catro tirando cada a:

Němčičky

Este pequeno pobo está a poucos quilómetros de Brno (a segunda cidade máis grande do país e polo que me dixeron é moi industrial polo que non paramos a visitala) perto da fronteira de Eslovaquia.
O plan era pasar a noite nunha adega tradicional, onde iamos catar unha chea de viños e disfrutar dunha cea fría. Segundo os organizadores ;-), o ritual sería este aproximadamente:

  1. Recepción na porta da adega onde nos ofrecerían un chupito de licor de cereixa (se non estou moi errado).
  2. Pasar á adega e probar os viños.
  3. Cea.
  4. Música e cantos.

A cousa foi así, só que ó chegar algo cedo a Němčičky, sen parar para xantar, e estar a comida na mesa tivemos que atacarlle. Tomar o viño co bandullo baleiro podería traer complicacións non desexadas.

O viño

Debaixo temos ó noso mestre de ceremonias ataviado co traxe tradicional e chuchando o viño dos bocois cunha especie de pipeta xigante, cun depósito que logo tapaba co dedo por abaixo, e que só retiraba para servir ó viño. Unha cousa do máis simpático e tradicional, aínda que pode que non hixiénico.

Iso pénsalo co primeiro, cando tomas 10 distintos non che preocupa tanto.
Chuchando o viño

No video do final, pode apreciarse como o apoiaba no peito, mentres explicaba as variedades de uva utilizadas e outros datos sobre o viño, ademáis de botarlle algunha peza.

Os viños que probamos non nos chistaron especialmente. Se cadra o Müller-Thurgau foi o que máis nos gustou entre os brancos, e dos tintos mellor non falar. Anecdoticamente sinalo que hai unha uva chamada Modrý Portugal (Portugal azul), aínda que o noso anfitrión indicou que non tiña que ver co país e afortunadamente no veciño pais fan mellores caldos ca este.

Quero salientar que seguramente haberá viños excepcionales en Moravia, pero nos non tivemos ocasión de disfrutalos. Esperemos que isto cambie en vindeiras ocasións.

Ó ágape

Unha imaxe da mesa que tiñamos para 6 persoas.

Mesa coa cea
De arriba a abaixo temos un plato de embutidos varios, entre eles unha especie de morcilla fría (en calquera caso algo feito con sangue de porco) e outros que estaban bos pero non souben identificar. Iso sí nada semellante ó chourizo. Logo hai un prato de pan checo que é coma de centeo integral riquísimo. Seica é o pan máis barato que hai alí, e podería comer nel todo o día, por exemplo untado do paté de porco que se atopaba ó lado, ou co queixo fundido situado diante del. Finalmente temos unha fonte de encurtidos, cuns pepinillos xigantes e uns pementos todo en vinagre que aínda que non son un amante deste tipo de cousas, estaban ben boas (ou é que a fame era neghra?)

No medio da cea comezaron as pezas musicáis, e cara o final xa comezaron as tradicionáis (supoño eu porque eran coreadas por gran parte dos cincuenta e tantos asistentes.

Os tres galegos que alí estabamos amagamos un Miudiño, pero non era cousa de rifar, así que non insistimos moito.

Salterio Percutido

O grupo que amenizaba a velada estaba composto por un violín, un contrabaixo e este curioso instrumento. Un Salterio percutor (ou algo así). Non vira un destes na vida, e curiosamente onte nun documental de La 2 sobre Bulgaria, saiu un rapaz tocandoo. Vese que é algo típico daquela zona da vella Europa. Aínda que non ten nada que ver, nese mesmo programa saía unha gaita cun fol moi estraño. Haberá que ir por alí... a antiga Tracia.
Non me lío máis. Hai moitas cousas curiosas que comentar, mais coido que este pequeno e escuro vídeo, unión de 4 máis cativos, pode orientarvos sobre como foi a carallada. Pasámolo moi ben, pero non duramos moito porque estabamos baldados da viaxe.

Enderezos importantes

A adega que se ve durante todas as fotos e o escuro video é (por se a alguén lle interesa) Slovácký Sklep. Xa sei que non pon nin unha palabra en cristiano, pero se tedes un colega por alí que se defenda un pouquiño recoméndovos ir porque é unha cousa moi auténtica.

Aloxámonos nesta casiña. Ubytování Leona. Ten o mesmo defecto que a páxina da adega, pero o aloxamento e almorzo custounos menos de 20 euros por parella, e a festa outro tanto, aínda que subira un pouco máis polos músicos.

Próximo capítulo... Ceska Republika (II). Moravia (e 2). Iso sí non sei cando será que da moito choio...

Chuzame! chuzame -

4 responses so far

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume