Xa chegou de cachondeo por agora, se ben a gastronomía é unha afección que pode confirmar o meu médico, hai que deixar que os que se adican a isto sigan co seu, e os demais andemos a falar de todo o que non sabemos, que é o bonito ;-).
Antecedentes
A semana pasada, unha compañeira de traballo preguntaba (porque un terceiro lle consultara) se era posible inserir unha imaxe en AutoCAD. A resposta era doada. Comando Image (o Imagen), e a inserir raster coma tolos. ;-)
Unha vez me proporcionou o enderezo, vin que se referían ó SITGA (onde se atopa a cartografía da Xunta a escala 1:5000, entre outras cousas) e que non se trataba exactamente de imaxes senón de PDF. Así que como fago en moitas ocasións, decidín pór fin á miña ignorancia e aquí temos o resultado. Folga dicir que cando menos espero recibir a cambio un copazo. Capisci?
PDF raster ou vector
Isto pretende ser unha pequena guía xenérica, apesares de facerse cun PDF do SITGA serviría con calquera PDF vectorial. Non sei explicar moi ben como diferencialos, dun xeito exacto (seguramente haberá algunha propiedade que descoñezo), pero para entendernos, se o documento orixinal é unha imaxe escaneada, o PDF sería rasterizado e nos atoparíamos cun problema serio. O traballo de vectorizalo pode non compensar fronte a opción de ser debuxado de novo. Pola contra se o PDF se xera a partires dun documento vectorizado, (penso que esta cartografía foi realizada sobre MicroStation), teremos un resultados bastantes satisfactorios.
Ingredientes
Hoxe estouche simpático así que vou tratalo coma se fose unha receita de cociña, así necesitamos:
- Un documento PDF cunha orixe vectorial. Por exemplo unha folla do SITGA (a miña primeira elección foi a primeira folla (001-38), pero saía unha puntiña de Cariño, que non daba moito xogo así, que vou traballar coa 006-66, dado que non hai 069-69 ;-)).
- Unha versión do AutoCAD, que supoño valerá calquera dado que imos abrir un DXF. Eu en particular traballarei coa LT2007.
- O GSview de GhostGum Software Pty Ltd, que non é máis ca un interface gráfica para Ghostscript.
- O propio Ghostscript, interprete PostScript e PDF.
- Privilexios de administrador na máquina (só para instalar o software que non teñas claro). Se non sabes de que falo probablemente non os necesites.
Preparación
Botar todo nunha ola, plantarlle lume e remexer... . Humor inglés. ;-). Os pasos son moi sinxelos:
- Primeiro instalar todo o software necesario. GSview e Ghostscript será o que falte normalmente.
- Localizar a folla elexida e descargala do SITGA (a 006-66 é a miña. O número da besta ;-)).
- Executamos o GSview. Archivo -> Abrir e elexir o camiño ata a folla. Aceptar. (Isto pode tardar en función da complexidade do debuxo e da potencia da máquina).
- Editar -> Convertir a formato vectorial.
- Saltará un diálogo titulado PS a formato vectorial. Por defecto xa se selecciona o formato DXF. Tamén hai a opción DXF_S, que utiliza splines, pero eu non son moi amigo delas. Isto xa é cuestión de cada un. Nese mesmo diálogo hai unha serie de opcións coma Dibujar el texto usando polígonos que eu sempre desactivo pero parece ignorar, logo o veremos.
- Só falta seleccionar as follas. A cartografía leva unha así que non hai moito que pensar.
- E elixir un camiño para o DXF, gardalo e abrilo no AutoCAD (ou similar).
Resultados
Tiñamos un PDF de 974 KB, moi bonito pero que so poderiamos imprimir.

E agora temos un DXF desaxeitado de 40 MB no que se poden facer marabillas.

A primeira vista xa se vé que está xirada 90º e podo engadir cas polilíñas teñen espesor o cal é moi incomodo; que case todos os textos están vectorizados e como texto; non está escalado, nin orientado, nin ubicado en UTM, e case o peor é que todas as entidades están na capa 0, pero xa é máis do que tiñamos así que... bo é!.
Para o segundo prato, teño previsto deixar un plano xeitoso. Tentarei facer un script que me separe entidades por cores e tipos en distintas capas e me solvente o problema das poliliñas. Non sei cando será... supoño que dependerá do rápido que me tome esa copa ;-).
chuzame -