II Salón dos viños e augardentes de Galicia

Entre os días 25 e 27 de novembro tivo lugar no Palexco de A Coruña o II Salón dos viños e augardentes de Galicia. Eu estiven o domingo pola mañán, e tiven a sorte de facelo acompañada de dous profesionais do mundo do viño (grazas, Roberto e Fernando, polas vosas ensinanzas). Como non teño costume de acudir a este tipo de feiras, non sei se o nivel de participación é o normal, pero eu esperaba atoparme coa presenza de máis adegas e viños.

Salón viños e augardentes de galiza 2006

Aínda que non eran demasiados os viños presentes, hei de decir que probei máis dos que un café con leite con magdalenas (caseiras, eso si) pode soportar. Como é lóxico, fixemos unha pre-selección dos que máis nos interesaban. Por novedoso (e non só para min), unha das nosas primeiras degustacións foi para un Rías Baixas macerado en neve carbónica. Non sei o que dirán os expertos, pero a min o resultado final non me sorprendeu demasiado; pero quizais eso sexa debido a que teño o paladar moi acostumado ó viño da casa. Como o meu avó era viticultor, dende sempre tiven a oportunidade (e a sorte) de disfrutar na casa do viño albariño (moito antes do cambio de nome e da aparición do Consello Regulador), así que teño unha querencia especial polos viños que saben a uva, e atopo que á maior parte dos que hai no mercado lles falta… non sei… esa frescura.

Salón viños e augardentes. Botellas D.O. Monterrei

Adiquei tamén, incitada en gran parte por Fernando parte da miña atención ós godellos, con un resultado bastante satisfactorio. Algo que non podo decir, por exemplo, dos viños de Betanzos, que catamos con moita curiosidade, pois non os coñeciamos, e que polo de agora non parece que poidan aportar moito ó mercado dos viños galegos. Para rematar, un Ribeiro de garaxe foi o elexido case por casualidade para poñer punto final á cata.

Hei de decir que ós augardente, aínda que parecían estar ben representados, non lles prestei demasiada atención.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | 4 Comentarios

O galego e google translate

Mirando o embigo era o primeiro título, pero non me parecía moi ilustrativo, e aínda menos impactante, así que se xa ten pouco interés o que escrebo, aínda terán menos estes desbarres.

De cando en cando gustame mirar as estatísticas. Como blogaliza.org, aínda non ten implementadas unhas, conformome cos referers de wordpress. Hai un par de semanas atopei unha tentativa de traducir a páxina ó inglés, pouco despóis falaba con xmanoel na Xantanza e comentaba este mesmo punto.

Hoxe vin un par de intentos de traducción e premin neles para ver que se lía. O resultado é paberísimo tanto dende o portugues coma do castelán.

Pequena comparativa

De entrada temos o titulo en inglés así que non hai nada que traducir, mais … e o subtitulo?

PT:Nothing that non you turn twenty veces for there…
ES:Nothing that non you turn vinte times by aí…

Nas categorías das ligazóns atopamos As que visitio a cotío:

PT: The ones that I visit cotío
ES: Ace that I visit councle (Ista é moi boa XD)

En xeral é coma escoitar falar un galenglish moi simpático. Rinme un ratiño eu só. Animádevos a facer a proba… aínda ides rir.

Como as entradas das que se piden traducción son fundamentalmente ás que se refiren ó AutoCAD, tentei facer unha filigrana. Que Google translate, traducira a conversión ó castelán do Instituto Cervantes. Google non tragou :-( . Agradecese calquera solución similar, que aínda sendo chapuceira, poida facilitarlle a comprensión a alguén que non domine nin a nosa lingua nin o castelán (que iso xa zafa co traductor do Instituto Cervantes).

A pregunta do millón é:

Para cando unha traducción automática de galego a inglés e viceversa?

Publicado en Batallas,Persoal | 4 Comentarios

Mofa e Befa. Teatro Principal. Pontevedra 23/11/06

Mofa e Befa

Xa sabedes o que fixen onte pola noite ;-).

presentaron o seu novo espectáculo Sempre ao lonxe, en Pontevedra. A parella formada por Victor Mosqueira e Evaristo Calvo, dirixidos por Quico Cadaval acompañados pola música de Piti Sanz que nesta ocasión comparte escenario con eles. É este un detalle que se agradece moitísimo e que sempre lembro das actuacións de Chévere en Santiago, xa hai anos. Música en directo.

Centrándome xa, o espectáculo vai claramente de menos a máis. Ten un comezo frouxo, non sei se é porque xa os vin varias veces, e xa non me sorprenden (igual que me pasou este verán con Faemino y Cansado), ou esa virtude da memoria que tende a enfatizar as emocións pasadas e as lembranzas en xeral. De feito o pequeno video que inserto non é de escachar á risa, como sí o é en especial o que anuncian como final do espectáculo: Los Romeros de Zumárraga, un trío flamenco-rumbero con sabor euskaldún, que esnaquiza calquera axioma do políticamente correcto. Foi este un momento inesquecible. Coas rumbas cantadas en euskera unhas (Una lágrima cayó en la arena, impresionante) , e outras con distintas referencias referencias, coma o Achilipú que foi sustituido por Askatu.mofa e befa

Este seica era o final do espectáculo polo que me comentaron, pero agora rematan cun epílogo que semella improvisado, no que recitan a Calderón de la Barca ó estilo de Bob Wilson (a quen non tiña o pracer de coñecer), que resulta nun perfecto remate.

En xeral, gustoume máis o anterior Cultura para dar e tomar, do que lembro especialmente un par de pasaxes: O Interrogatorio e un de cociña antropofágica. Na súa axenda vese que aínda o representan de cando en cando, botade un ollo.

Na páxina de Mofa e Befa hai un fragmento do espectáculo, que non é o mellor, pero está simpático. Os Varel.la

[gv data=”hi6b7dh_cr4″][/gv]

Publicado en Espectáculos,Teatro | 2 Comentarios

Galletas mariñeiras con tetilla e doce de alquequenxe

Cando un está afeito a determinados habitos, da por feito que a todo o mundo lle ocorre igual, isto leva a que moitas veces non apreciemos en toda a súa dimensión eses pequenos placeres exclusivos. Isto me pasou coa miña nai. Unha cociñeira excepcional, mais un só se da conta cando sae da casa e di: ¿pero qué raio come esta xentiña?. Un bico mamá. ;-)

O caso é que dúas afeccións que ten a miña nai son: facer licores de augardente con toda canta froita cae nas súas máns (e crédeme que é moita e moi variada, pero terá que quedar para outro día); e facer doces e marmeladas.

Así foi como tentando facer un doce de alquequenxe acadou unha especie de marmelada, que nos dou para probar. Tira_alquequenxes
Se combinamos a Feira do Outono (mercamos as galletas mariñeiras), co San Martiño (onde nos deron unha exquisita tetilla) e a I Xantanza Blogogastrónomica (de onde saíu O Caso Alquequenxe) sae esta pequena marabilla.

Encantame o sabor doce pero sen empalagar e a sensación que deixan no padal as sementes.
galletas mariñeiras
Qué tal pinta vos ten?

Publicado en Gastronomía,Receitas | 7 Comentarios

De PDF a DWG. Adobe e Autodesk non se levan tan mal

Xa chegou de cachondeo por agora, se ben a gastronomía é unha afección que pode confirmar o meu médico, hai que deixar que os que se adican a isto sigan co seu, e os demais andemos a falar de todo o que non sabemos, que é o bonito ;-).

Antecedentes

A semana pasada, unha compañeira de traballo preguntaba (porque un terceiro lle consultara) se era posible inserir unha imaxe en AutoCAD. A resposta era doada. Comando Image (o Imagen), e a inserir raster coma tolos. ;-)

Unha vez me proporcionou o enderezo, vin que se referían ó SITGA (onde se atopa a cartografía da Xunta a escala 1:5000, entre outras cousas) e que non se trataba exactamente de imaxes senón de PDF. Así que como fago en moitas ocasións, decidín pór fin á miña ignorancia e aquí temos o resultado. Folga dicir que cando menos espero recibir a cambio un copazo. Capisci?

PDF raster ou vector

Isto pretende ser unha pequena guía xenérica, apesares de facerse cun PDF do SITGA serviría con calquera PDF vectorial. Non sei explicar moi ben como diferencialos, dun xeito exacto (seguramente haberá algunha propiedade que descoñezo), pero para entendernos, se o documento orixinal é unha imaxe escaneada, o PDF sería rasterizado e nos atoparíamos cun problema serio. O traballo de vectorizalo pode non compensar fronte a opción de ser debuxado de novo. Pola contra se o PDF se xera a partires dun documento vectorizado, (penso que esta cartografía foi realizada sobre MicroStation), teremos un resultados bastantes satisfactorios.

Ingredientes

Hoxe estouche simpático así que vou tratalo coma se fose unha receita de cociña, así necesitamos:

  • Un documento PDF cunha orixe vectorial. Por exemplo unha folla do SITGA (a miña primeira elección foi a primeira folla (001-38), pero saía unha puntiña de Cariño, que non daba moito xogo así, que vou traballar coa 006-66, dado que non hai 069-69 ;-)).
  • Unha versión do AutoCAD, que supoño valerá calquera dado que imos abrir un DXF. Eu en particular traballarei coa LT2007.
  • O GSview de GhostGum Software Pty Ltd, que non é máis ca un interface gráfica para Ghostscript.
  • O propio Ghostscript, interprete PostScript e PDF.
  • Privilexios de administrador na máquina (só para instalar o software que non teñas claro). Se non sabes de que falo probablemente non os necesites.

Preparación

Botar todo nunha ola, plantarlle lume e remexer… . Humor inglés. ;-). Os pasos son moi sinxelos:

  1. Primeiro instalar todo o software necesario. GSview e Ghostscript será o que falte normalmente.
  2. Localizar a folla elexida e descargala do SITGA (a 006-66 é a miña. O número da besta ;-)).
  3. Executamos o GSview. Archivo -> Abrir e elexir o camiño ata a folla. Aceptar. (Isto pode tardar en función da complexidade do debuxo e da potencia da máquina).
  4. Editar -> Convertir a formato vectorial.
  5. Saltará un diálogo titulado PS a formato vectorial. Por defecto xa se selecciona o formato DXF. Tamén hai a opción DXF_S, que utiliza splines, pero eu non son moi amigo delas. Isto xa é cuestión de cada un. Nese mesmo diálogo hai unha serie de opcións coma Dibujar el texto usando polígonos que eu sempre desactivo pero parece ignorar, logo o veremos.
  6. Só falta seleccionar as follas. A cartografía leva unha así que non hai moito que pensar.
  7. E elixir un camiño para o DXF, gardalo e abrilo no AutoCAD (ou similar).

Resultados

Tiñamos un PDF de 974 KB, moi bonito pero que so poderiamos imprimir.

Folla PDF

E agora temos un DXF desaxeitado de 40 MB no que se poden facer marabillas.

DXF

A primeira vista xa se vé que está xirada 90º e podo engadir cas polilíñas teñen espesor o cal é moi incomodo; que case todos os textos están vectorizados e como texto; non está escalado, nin orientado, nin ubicado en UTM, e case o peor é que todas as entidades están na capa 0, pero xa é máis do que tiñamos así que… bo é!.

Para o segundo prato, teño previsto deixar un plano xeitoso. Tentarei facer un script que me separe entidades por cores e tipos en distintas capas e me solvente o problema das poliliñas. Non sei cando será… supoño que dependerá do rápido que me tome esa copa ;-).

Máis sobre PDF a DWG

Publicado en AutoCAD | 6 Comentarios