Dec 15 2006

Como NON facer unha guía

Published by makeijan at 4:59 pm under Actualidade, Gastronomía, Persoal

Andaba eu a buscar se realmente perdera O Loliña de Carril, unha estrela Michelín (cousa que me soaba, pero non está de máis comprobalo), e atopeime con esta xoia de ElPais.com. Atopei o local que buscaba pero non a información, pero ó ser do día de hoxe (iso pensaba eu), lino.

De entrada, só con ver onde ubicaba La Taberna de Rotilio xa me deron arcadas (eu sonche así, e iso que traballo nunha empresa onde estamos suscritos á edición en castelán do D.O.G.). Igualmente, decidín lelo dende o inicio, e tiven que deixalo cando cheguei á recomendación de O Ceboleiro, en Noia.

Hai pouco máis dun ano, andiven polo Barbanza seguindo unha guía do Gourmet de Provincias onde nos recomendaba xantar no mesmo lugar. Cando chegamos a Noia, damos un par de voltas, e o no atopalo, preguntamos nun quiosco, situado perto de onde debería estar o restaurantes. A muller toda aflixida, dixo, pero iso xa pechara había máis dun ano, que ía para dous. E engadiu:  iso seguro que o víchedes nunha guía, habería que avisalos. A nosa guía era do chepas, pero canta xente chegará coa última edición correxida e actualizada, na que apareza o Ceboleiro.
Sempre o comento, pero non sei se o escribín algunha vez. Nas Festas do Cristo, xa hai anos, entre copa e copa, comezamos unha conversa sobre os medios de comunicación. En resume, o amigo Miguel (que por certo coido que anda currando por Sidney e calquera día sae na prensa por alguún traballo de investigación), puxo un exemplo, para demostrar nas mans de quen estaban as nosas opinións. A idea era máis ou menos esta: pensa en algo do que saibas (cada un ten unhas afeccións, ou un traballo que lle aporta unha relativa competencia á hora de opinar en según que temas), agora colle un xornal, e le as barbaridades que escriben. Ti sabes que non están no certo porque se sabes algo do asunto, podes contrastalo cos teus coñecementos, pero qué pasa cando descoñeces a materia e queres informarte?.

Outro exemplo sería o dos tertulianos radiofónicos (xa non quero falar dos televisivos), que o mesmo che falan de política internacional, economía, relixion, futbol... é posible saber de todo?. Afortunadamente os da prensa rosa están especializados e xa teñen bastante co seu. ;-)

Chuzame! chuzame -

7 Responses to “Como NON facer unha guía”

  1. Colinetaon 16 Dec 2006 at 10:35 am

    ¡Certo que acabo de pulsar unha tecla que non debía!

    Certo, quería dicir, que nos xornais se publican moitas bobadas. O mesmo que na radio, na televisión, nas páxinas webs, nos blogs, nas películas, nos libros, nas tertulias, nas conversas de bar…

    Neste país todos opinamos de todo, así que acostumamos a meter moito a pata.

    Pero o xornalista non expresa opinións propias, senón que transmite a información que, previamente, outros lle transmitiron a el. A obriga do xornalista é ir, ver, escoitar e contar o que veu e escoitou. O fodido do caso é unha conferencia de Ferrán Adriá, por poñer un caso. Se fala ante 200 persoas ao remate da mesma vai haber 200 versións diferentes, cada un falará do que conseguiu entender.

    En todo o proceso da información podense dar miles de momentos de incomprensión. Pode suceder que o xornalista non entenda o que lle contan, pode que entenda algo diferente do que en realidade lle contan, pode que o contador o saiba todo… menos como contalo (caso de Ferrán, seguramente) e así pasa o que pasa.

    Todo esto vese agrandado e multiplicado pola falta de especialización dos meus colegas, que un dia lles toca cubrir a visita da ministra de Pesca a Galicia, outro as inundacións en Cee e outro o concerto de Nordestinas. As empresas xornalísiticas teñen tamén a súa parte de culpa: prefiren novatos recén saídos da facultade, dispostos a traballar a calquera prezo, e non a experiencia dos que levan máis anos na profesión que, ás veces, tampouco teñen moitas gañas de traballar.

    E non esquezamos que ás veces a experiencia é a persistencia no erro. Nos xornais pódense publicar moitas bobadas sobre medicina, pero os médicos tampouco son infalibles; sobre economía dínse infinidade de bobadas, pero os economistas tamén erran; e por moi profesionais que sexa os taxistas ou camioneiros tamén teñen accidentes, aos cociñeiros péganselles as papas, e os curas tamén pecan.

    En definitiva, que en realidade os xornais son un reflexo da sociedade en que vivimos.

  2. makeijanon 16 Dec 2006 at 8:17 pm

    A verdade é que como non coñecía ningún xornalista non me din conta de que lle podía tocar de perto a alguén coñecido ;-). Xa falaremos a próxima vez que nos vexamos.

    Dito isto, vexo que estamos fundamentalmente de acordo. Non quero que vexas nisto un ataque o xornalismo escrito, é só que lle estou collendo manía a El País, e en xeral, a calquera organismo ou institución que aplique o criterio “Cria fama y echate a dormir”.

    A miña crítica vai máis dirixida á desmitificar esa “oraculización” (neoloxismo by ©makeijan) ;-) dos medios. Ou é que ninguén escoitou discutir algo porque o dixeran pola tele(quen dí tv di calquera medio?. Xa o pode dicir o Papa (unha figura tan devaluada nestes tempos), se estou nunha caravana de saída de Madrid, e anuncian retencións de entrada de 20 km. Cando chego ó peaxe de Guadarrama, vexo que saen da peaxe e están en caravana. Iso son 45-50 km. Como estou alí sei que me minten, senon trago.

    Así voltamos ó mesmo, o que fale un bardallas nun bar ten unha repercusión limitada é non cobra por iso. As chorradas que conte eu aquí, non teñen interés. Ninguén paga por entrar, o que lea e diga: “Outro falabarato”, non volta entrar e punto. Os medios son outra cousa… Por algo son o cuarto poder. Por algo estamos a discutir sobre eles.

    Un saúdo.

  3. Colinetaon 17 Dec 2006 at 11:13 am

    Lamentoo por ti, pero a peaxe da AP6 está a 60 quilómetros de Madrid. Papaches unha boa, pero pensa que a radio que escoitache seguramente estaba transmitindo a información que recibeu da Dirección Xeral de Tráfico, que é quen ten cámaras nas estradas e controla estas cuestións.
    Evidentemente, non estou a defender a nin aos xornalistas en xeral nin ao sistema tampouco. Hai xornalistas bos e malos, como no resto de profesións. Hai medios bos e malos, como no resto dos negocios. Pero como en todo o que dominan son os términos medios. Que o Dioni roubara un furgón blindado non significa que tódolos conductores de furgóns blindados sexan uns ladróns.
    E, insisto, os xonais, radios e televisións son un reflexo fiel da sociedade en que vivimos, aínda que individualmente moitos non nos vexamos reflectidos neles. O exemplo máis patente é a telelixo. Se non houber audiencias non habería programas. Se as audiencias non foran millonarias non lles darían os mellores horarios.

  4. moraiminhaon 17 Dec 2006 at 5:59 pm

    Non é por defender a Makeijan :-), pero meter nunha guía ou recomendación un restaurante que leva alomenos un ano e medio pechado, é unha metedura de pata considerable, penso eu…

  5. gourmetdeprovinciason 20 Dec 2006 at 10:26 am

    Na defensa da miña “guía de peto para blogogastrónomos” direi que, como non é unha guía comercial, carece da infraestrutura e, sobre todo, dos medios para actualizar os datos coa periodicidade que seria desexable. Pero dito isto, e coas desculpas pola metedura de zoca (din por sentado que seguiría aberto, aínda que había xa certo tempo que non paraba comer en Noia), teño que dicir que concordo plenamente coas crítica ás guías convencionais e, especialmente, a determinados xornalistas (e non a todos, Miguel, que de todo hai) que “copian e pegan”, recurren ó refrito sen actualizar ou, simplemente, extractan de fontes máis amplas sen saber moi ben do que falan.

  6. gourmetdeprovinciason 20 Dec 2006 at 10:27 am

    E, por certo, para desfacer o feito, cando teñades prevista outra escapada polo Barbanza teño un par de novas referencias (que espero, desta volta, que sigan abertas cando vaiades por alí). ;-)

  7. makeijanon 20 Dec 2006 at 11:16 am

    Espero que a miña alusión á túa guía non fora mal interpretada. Vese que está feita con esforzo e peculio, por un avantaxado afeccionado á gastronomía, e aínda que xa o fixemos en reiteradas ocasións, sirva este comentario coma novo agradecemento polas recomendacións que alí nos fixeches.

    Dito isto, só quería comentar que a mención ía encamiñada a situar cronolóxicamente a información, salientando así o desfase dos datos da guía El Viajero.

    Algún día voltaremos ó Barbanza pero antes temos pendente a Mariña, que sempre nos cadra de paso, e temos ganas de visitala con calma. Gracias polo ofrecemento.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume