Dec 26 2006

Viño con mazás asadas

Published by makeijan at 9:06 am under Gastronomía, Receitas

Non sei se se trata dun costume extendido ou ben unha excentricidade da familia da miña nai, mais desde que teño uso de razón, lembro esta curiosa mistura de sobremesa con viño, enriba da mesa dende o comezo da comida.

A idea é asar unha mazá no forno, e así como ven quentiña, deitala nunha cunca, botarlle azucre, e rematar de encher con viño da casa. O calor da mazá trasmítese ó viño, quencendoo ó tempo que este inunda o corpo da froita. Remexer un pouco para disolver o azucre e acompañar con calquera comida tradicional destas datas. Bacallao con coliflor, cocido galego, capón ou polo ó forno...

Mazá asada con viño e azucre

É máis habitual en Noiteboa-Nadal e Noitevella-Aninovo, pero calquera día no que as temperaturas descendan máis do desexable é susceptible de ser amañado tomando un groliño desta cunca máxica. Como xa se sabe que o viño "é da casa e non fai mal" non se inxire unha grande cantidade de alcohol, pero coa temperatura que acada e o azucre engadido, entrase nun estado de sopor moi agradable, que incita a durmir ;-).

Está moi ben facer cousas novas na cociña, pero hai outros pratos que non deben ser necesariamente sustituidos e si reivindicados.

Frase lapidaria me quedou ;-)

Chuzame! chuzame -

6 Responses to “Viño con mazás asadas”

  1. gourmetdeprovinciason 26 Dec 2006 at 10:16 am

    Únome a esa reivindicación. Unha cousa non ten que ser substitutiva da outra. Son dos que desfrutan coma un tolo co prato máis moderno, pero onde estea, por exemplo, unha boa empanada de pan millo de berberechos (con concha)… Digamos que a cousa queda en empate técnico.

  2. xmanoelon 26 Dec 2006 at 10:37 am

    Non exactamente a receita que comentas, pero si que temos feito na casa e facer un pequeno burato na mazá e por azucre e viño, logo cando se asa no forno, queda un aroma moi especial na mazá (que vai absorbendo o viño).

    Interesante a vosa recetiña, ainda que tendo en conta os efectos do viño quente, espero que descansarades logo…

  3. Colinetaon 26 Dec 2006 at 12:41 pm

    ¡Esto teño que probalo!
    No Valadouro, e penso que en toda a Mariña de Lugo, a sobremesa tradicional da Noiteboa era, e en moitas casas segue sendo, a compota de mazás ou peras. Pélase a froita, quítase o carozo e córtase en cartos ou oitavos, segundo o tamaño da peza. Ponse nunha cazola, engádese azucre ao gusto, un pau de canela e cóbrese de viño (branco ou tinto, segundo o gusto de cadaquén), e ao lume, a cocer ata que a froita está ben blandiña. Pódese servir fría, morna ou quente, das tres maneiras está estupenda. Hai, ou había, incluso unha variedade de “peras da compota”, que se daban cara ao Nadal e so servían para comer cocidas.
    Hai uns días Toñi Vicente dicíame para Galicia Gastronomica que na súa casa era tradición poñer peras ao viño con xeado de vainilla. Vese que a tradición da froita con viño está ben extendida por Galicia.

  4. gourmetdeprovinciason 27 Dec 2006 at 10:27 am

    xmanoel, na miña casa faise prácticamente o mesmo que comentas coas mazás, pero engandido un pouco de manteiga e canela en pó (e o viño é branco). Simplemente asada están boísimas pero hai pouco argallei unha variante actualizada que non estaba tampouco nada mal: prepárase a mazá ó xeito tradicional e, unha vez asada, pélase e se tritura finiño cun chorriño de tona ou de leite. Pásasa por un colador, engádese un pouco de agar-agar, clara de ovo ou xelatina e se mete nun sifón ISI que se carga posteriormente ben de aire comprimido. Eu a servín como acompañamento dun coulant de chocolate e o resultado foi todo un éxito.

  5. xmanoelon 28 Dec 2006 at 3:28 pm

    Boas señor Gourmet…

    Gracias por me lembrar que tamén levaba canela. Pero na casa da aboa, era sempre viño tinto. O cal tiña á vez dun efecto no sabor un efecto na color.

    Dalle nome ó teu acompañamento de coulant, e escrebeo na web. Coido que sería ben interesante.

  6. makeijanon 28 Dec 2006 at 5:21 pm

    Andaba eu pensar algo para facer con esta receita e xa tivo que vir o “gourmete” a amolarme ;-).

    Agora xa queda para o ano que ven, pero teño que sacarlle unha volta máis. Iso sí, para min “coulant” son palabras maiores…

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume