Dec 27 2006

La casa de las 5 puertas

Published by moraiminha at 9:33 am under Gastronomía, Restaurantes

Como non, eu tamén tiven unha cea de Nadal. Como na miña empresa somos poucos (concretamente, un só), nestas datas xúntome cuns amigos cos que normalmente non estou, pero temos en común que nun momento ou outro, todos traballamos no mesmo sitio.

Para escoller o sitio das ceas contamos sempre coa premisa de intentar non coller o coche, por razóns obvias. Este ano, alguén suxeriu La casa de las 5 puertas, local moi de moda en Pontevedra dende que abriu, pero que a min non me acaba de convencer.

La casa de las 5 puertas está nun lugar verdadeiramente privilexiado, na zona vella (co valor engadido de ser zona peonil), moi pertiño da Basílica de Santa María. Para min, unha parte realmente bela da cidade. A decoración do local non desmerece para nada a súa ublicación: madeira de wengué e pedra son os dous elementos que destacan nunha rehabilitación realmente boa. Para tomar uns viños, é un sitio perfecto, dada a posibilidade, como vinoteca que é, de probar cousas diferentes. Lembro a primeira vez que fomos, que pedimos un Ribera del Duero por copa, e nos serviron un Pago de Carraovejas: certo que o viño é bo, moi bo, pero tamén que nos cobraron 6 euros.

Antes desta cea de Nadal, estivera só dúas veces alí. A primeira, ós poucos meses de abrir, fomos unha noite de verán cun amigo que viña de visita dende Madrid, e a experiencia foi desastrosa: non lembro xa o que tomamos, que non me pareceu nada do outro mundo; pero si que o servizo deixaba moito que desexar: case nos tiran a cestiña do pan como se dun disco voador se tratase, e a pregunta "y de beber que", en lugar de preguntarnos se queriamos ver a carta de viños, por exemplo. A segunda vez, o ano pasado, foi por casualidade; unhas amigas e máis eu acordamos en ir cear, e como era xa algo tarde i estabamos perto, decidimos ir alí. Tampouco lembro a cea, pero si que comentabamos que era o sitio ó que nunca ir nunha comida de compromiso: "menos mal que temos conversación", dicía unha. A lentitude á hora de servir os platos era pasmosa.

Así que, con estes antecedentes, eu non saín da casa moi animada. A miña primeira sorpresa, moi agradábel, foi que se trata dun local para non fumadores (unha boa opción para os que non lles gusta chegar afumados á casa); salvo no pequeno reservado onde nós ceamos, segunda sorpresa agradábel, pois a verdade é que se trata dun comedor moi acolledor, con pouca luz, e onde nos sentimos verdadeiramente a gusto.

La casa de las 5 puertas. Pontevedra

¿E a cea que? Pois non sei que dicir... Tiñamos xa o menú medio pechado. Para nove, puxéronnos, en primeiro lugar, tres platiños de xamón. Correcto, pero sen ser o mellor da casa. Tardaron bastante en traer as zamburiñas á plancha, e o polbo con queixo de San Simón; platos que, curiosamente, chegaron algo fríos. O polbo é un dos platos estrela de La Casa de las 5 puertas, pero non estaba de todo bo; aparte de que o queixo fundido estaba xa algo teso, o polbo era de dúas coccións diferentes, e só unha era a correcta. E para rematar cós primeiros, dúas tortillas españolas polas que a súa cociñeira (que curiosamente non é española) gañou un premio fai un par de anos, e que a min non me chamaron a atención xa que non gosto do ovo bailando polo prato adiante.

Xa nos segundos; déronnos a elixir entre: espetada de rape con langostinos (que unha tomou e seica estaba moi boa), bacallau á vizcaína (que ninguén elixiu), bacallau á plancha (a miña elección, correcto sen máis), solombo de porco ibérico (con demasiadas salsas, alomenos en aparencia), i entrecot (que non tiña unha pinta moi alá).

Todo isto, regado cun Rioja de crianza do cal non lembro o nome, aínda que me sorprendeu que nolo puxeran en botella magnun; e auga, por suposto.

De postres, uns variados que semellaban moi de feituría e con exceso de nata montada, e dos que só probei o flan de café que tiña máis pinta de caseiro.

O prezo: 40 euros por persoa.

Na miña humilde opinión, este é un restaurante sobrevalorado; culinariamente, non aporta demasiado (a excepción do polbo con queixo de San Simón , por exemplo), o servizo deixa bastante que desexar, e ten unha mal relación calidade-prezo. Aínda que si o recomendaría para tomar un bo viño acompañado dun xamón de non menos calidade nun espazo libre de fume.

La casa de la cinco puertas está na Avenida de Santa María nº8 de Pontevedra.

Chuzame! chuzame -

6 Responses to “La casa de las 5 puertas”

  1. gourmetdeprovinciason 27 Dec 2006 at 10:23 am

    Pois mira que a minme falaran ben deste sitio, pero visto o menú (que non ten nada de especial) e o que comentas do servizo e, sobre todo, do prezo, non sei se pasarei por alí

  2. Janoon 27 Dec 2006 at 12:01 pm

    Yo lo tengo como uno de los sitios preferidos para tomarme un vino (siempre acompañado por una buena tapa), pero nunca comí, pero…..,como tu comentas me parece muy desfasado calidad-precio
    Saludos

  3. makeijanon 28 Dec 2006 at 6:03 pm

    E que para tomar un viño está moi ben, iso sí onte por dous Terras Gauda 5 €. Regalar non regalan ren.

  4. xmanoelon 30 Dec 2006 at 8:20 pm

    Semella que non me hei achegar (nen sequeira a probar viño)… visto o dito. Pena, porque o nome estaba ben. Isto das portas, é moi chulo.

  5. jurokenoon 02 Feb 2007 at 7:36 pm

    Pois verdadeiramente non sei como podedes decir algo asi. Eu son un cliente habitual das 5 puertas vou practicamente todalas semanas e pareceme un dos mellores locais de toda pontevedra(en prezo, nunca e pagado mais de 35 euros) con bo viño e comendo ben. Onte mesmo fun con dous amigos e puxemonos as botas. Comimos zamburiñas con foie(a prancha non, que nos 3 anos que levo indo ali nunca as vin asi)unha tortilla que estaba boisima, xugosiña e ben feita (un 1º premio ben merecido) de 2º eu tomei solombo iberico cunha salsiña de setas ,ben boa que estaba e meus amigos uns linguados que tiñan moi boa pinta. Un crianza non moi caro e un surtido de postres (que ben se notaba que eran caseiros e ben feitos) o final paguei 32 euros por persoa e saimos cheos,ledos e con boa cara. Coa miña humilde opinion os recomendo que pasedes por ali que e un bo sitio.

  6. makeijanon 02 Feb 2007 at 8:07 pm

    Cada un fala da feira segundo lle foi nela…

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume