Script de actualización dos postos de rede do m4PRO e m4PROet

Aproveitando que podo programar a publicación dos artigos, vai este para pechar o ano, mentres eu ando polo húmedo de León co duro traballo de campo que é ir tomar pinchos ;-)

Levo uns 3 anos administrando esta aplicación para uns 20 usuarios (non concurrentes), co que xa me topei cun feixe de caralladas. Algunhas van sendo solventadas, pero outras…

Unha que me parece un pouco cutre, é que nas actualizacións no paso de versión 3.X a 3.X+1, non se actualizan correctamente os postos de rede. A solución que che dan dende solinat é que copies un ficheiriño en cada posto de rede. Para os usuarios de terminal é ben doado porque só o tes que facer unha vez, pero no resto de clientes é unha historia, acender equipos e copiar manualmente.

Así que como son moi vago, decidín que tiña que atopar algún xeito de facer isto dun xeito menos traumático, e a solución que atopei foi crear un script que lanzar dende o netlogon.vbs. Así mediante un proceso composto por un pouco de aprendizaxe, e moito corta e pega, cheguei a este resultado.

‘ Script actualización postos de rede do m4PRO
‘ Por makeijan
‘ Agosto-Decembro de 2006
‘ http:\\acitc.blogaliza.org
‘ Se o usuario ten mapeada a unidade do servidor m4PRO e hai unha instalación local do posto de rede
‘ Copia a nova versión do cliente ó equipo no que se atopa.
‘ O mesmo para m4PROet

On Error Resume Next

Dim Fso, WSHShell

Set WSHShell = CreateObject(“WScript.Shell”)
Set Fso = CreateObject(“Scripting.FileSystemObject”)

If ((Fso.FileExists(“z:\m4PRO\tmp\m4red.exe”)) and (Fso.FileExists(“c:\solinat\m4PRO.RED\m4red.exe”))) Then
Fso.CopyFile “z:\m4PRO\tmp\m4red.exe”, “c:\solinat\m4PRO.RED\m4red.exe”
End If

If ((Fso.FileExists(“z:\m4PROet\tmp\m4red.exe”)) and (Fso.FileExists(“c:\solinat\m4PROet.RED\m4red.exe”))) Then
Fso.CopyFile “z:\m4PROet\tmp\m4red.exe”, “c:\solinat\m4PROet.RED\m4red.exe”
End If

WScript.Quit

Cada un que adapte os camiños ó seu contorno. O posto de rede xa se instala por defecto, en %systemdrive%\solinat, aínda que eu o teño cambiado no servidor, o que provoca que desapareza a icona de cando en cando, nada importante. A unidade mapeada supoño que cada un terá a súa. Sustituir e listo.

O que son as cousas, mentres pegaba e repasaba isto, dinme conta de que igual era máis doado facelo tendo en conta, que todos os usuarios que usan o m4PRO están no mesmo grupo. Aínda que ben pensado, seguirei o ancestral criterio informático.

Si funciona, nin o toques

Publicado en Cómo amañei...?,m4PRO | 1 Comentario

La casa de las 5 puertas

Como non, eu tamén tiven unha cea de Nadal. Como na miña empresa somos poucos (concretamente, un só), nestas datas xúntome cuns amigos cos que normalmente non estou, pero temos en común que nun momento ou outro, todos traballamos no mesmo sitio.

Para escoller o sitio das ceas contamos sempre coa premisa de intentar non coller o coche, por razóns obvias. Este ano, alguén suxeriu La casa de las 5 puertas, local moi de moda en Pontevedra dende que abriu, pero que a min non me acaba de convencer.

La casa de las 5 puertas está nun lugar verdadeiramente privilexiado, na zona vella (co valor engadido de ser zona peonil), moi pertiño da Basílica de Santa María. Para min, unha parte realmente bela da cidade. A decoración do local non desmerece para nada a súa ublicación: madeira de wengué e pedra son os dous elementos que destacan nunha rehabilitación realmente boa. Para tomar uns viños, é un sitio perfecto, dada a posibilidade, como vinoteca que é, de probar cousas diferentes. Lembro a primeira vez que fomos, que pedimos un Ribera del Duero por copa, e nos serviron un Pago de Carraovejas: certo que o viño é bo, moi bo, pero tamén que nos cobraron 6 euros.

Antes desta cea de Nadal, estivera só dúas veces alí. A primeira, ós poucos meses de abrir, fomos unha noite de verán cun amigo que viña de visita dende Madrid, e a experiencia foi desastrosa: non lembro xa o que tomamos, que non me pareceu nada do outro mundo; pero si que o servizo deixaba moito que desexar: case nos tiran a cestiña do pan como se dun disco voador se tratase, e a pregunta “y de beber que”, en lugar de preguntarnos se queriamos ver a carta de viños, por exemplo. A segunda vez, o ano pasado, foi por casualidade; unhas amigas e máis eu acordamos en ir cear, e como era xa algo tarde i estabamos perto, decidimos ir alí. Tampouco lembro a cea, pero si que comentabamos que era o sitio ó que nunca ir nunha comida de compromiso: “menos mal que temos conversación”, dicía unha. A lentitude á hora de servir os platos era pasmosa.

Así que, con estes antecedentes, eu non saín da casa moi animada. A miña primeira sorpresa, moi agradábel, foi que se trata dun local para non fumadores (unha boa opción para os que non lles gusta chegar afumados á casa); salvo no pequeno reservado onde nós ceamos, segunda sorpresa agradábel, pois a verdade é que se trata dun comedor moi acolledor, con pouca luz, e onde nos sentimos verdadeiramente a gusto.

La casa de las 5 puertas. Pontevedra

¿E a cea que? Pois non sei que dicir… Tiñamos xa o menú medio pechado. Para nove, puxéronnos, en primeiro lugar, tres platiños de xamón. Correcto, pero sen ser o mellor da casa. Tardaron bastante en traer as zamburiñas á plancha, e o polbo con queixo de San Simón; platos que, curiosamente, chegaron algo fríos. O polbo é un dos platos estrela de La Casa de las 5 puertas, pero non estaba de todo bo; aparte de que o queixo fundido estaba xa algo teso, o polbo era de dúas coccións diferentes, e só unha era a correcta. E para rematar cós primeiros, dúas tortillas españolas polas que a súa cociñeira (que curiosamente non é española) gañou un premio fai un par de anos, e que a min non me chamaron a atención xa que non gosto do ovo bailando polo prato adiante.

Xa nos segundos; déronnos a elixir entre: espetada de rape con langostinos (que unha tomou e seica estaba moi boa), bacallau á vizcaína (que ninguén elixiu), bacallau á plancha (a miña elección, correcto sen máis), solombo de porco ibérico (con demasiadas salsas, alomenos en aparencia), i entrecot (que non tiña unha pinta moi alá).

Todo isto, regado cun Rioja de crianza do cal non lembro o nome, aínda que me sorprendeu que nolo puxeran en botella magnun; e auga, por suposto.

De postres, uns variados que semellaban moi de feituría e con exceso de nata montada, e dos que só probei o flan de café que tiña máis pinta de caseiro.

O prezo: 40 euros por persoa.

Na miña humilde opinión, este é un restaurante sobrevalorado; culinariamente, non aporta demasiado (a excepción do polbo con queixo de San Simón , por exemplo), o servizo deixa bastante que desexar, e ten unha mal relación calidade-prezo. Aínda que si o recomendaría para tomar un bo viño acompañado dun xamón de non menos calidade nun espazo libre de fume.

La casa de la cinco puertas está na Avenida de Santa María nº8 de Pontevedra.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 6 Comentarios

Viño con mazás asadas

Non sei se se trata dun costume extendido ou ben unha excentricidade da familia da miña nai, mais desde que teño uso de razón, lembro esta curiosa mistura de sobremesa con viño, enriba da mesa dende o comezo da comida.

A idea é asar unha mazá no forno, e así como ven quentiña, deitala nunha cunca, botarlle azucre, e rematar de encher con viño da casa. O calor da mazá trasmítese ó viño, quencendoo ó tempo que este inunda o corpo da froita. Remexer un pouco para disolver o azucre e acompañar con calquera comida tradicional destas datas. Bacallao con coliflor, cocido galego, capón ou polo ó forno…

Mazá asada con viño e azucre

É máis habitual en Noiteboa-Nadal e Noitevella-Aninovo, pero calquera día no que as temperaturas descendan máis do desexable é susceptible de ser amañado tomando un groliño desta cunca máxica. Como xa se sabe que o viño “é da casa e non fai mal” non se inxire unha grande cantidade de alcohol, pero coa temperatura que acada e o azucre engadido, entrase nun estado de sopor moi agradable, que incita a durmir ;-).

Está moi ben facer cousas novas na cociña, pero hai outros pratos que non deben ser necesariamente sustituidos e si reivindicados.

Frase lapidaria me quedou ;-)

Publicado en Gastronomía,Receitas | 6 Comentarios

Česká republika (IV). Castelos Checos: Hrad Karlštejn e Český Šternberk

A República Checa está chea de fermosos castelos, pazos, recintos amurallados e outros vestixios dun pasado medieval moi inestable (seica eran moi guerreiros os veciños). Nesa páxina podedes botarlles un ollo.

Unha boa opción para unha viaxe sería alugar un coche e realizar un percorrido por boa parte deles. As distancias non son moi grandes, é os lugares onde se atopan son realmente fermosos.

Nos estivemos nun par deles que espero vos sirvan de mostra.

Český Šternberk

O certo é que neste estivemos un pouquiño pola noite, pero as fotos son realmente fermosas. Non conto moito xa que non estiven dentro, era de noite, ía frío e choviscaba, aínda así pareceume un fermoso lugar. Se queredes ler algo máis del pasade por aquí e para unha foto aérea por acolá.

Cesky Sternberk

Hrad Karlštejn

Un Hrad é un castelo en checo ;-). Este atópase a poucos quilómetros de Praha e tiña ganas de velo por un calendario que me regalaron o ano pasado onde saía todo nevado. Semellaba un castelo dos contos.

Karlstej Hrad

Os turistas son maioritariamente checos, alemáns, ingleses e franceses, co que xa sabedes que alí unha explicación en cristiano non vola van dar e sen un guía non vos deixan entrar. Así que tedes dúas opcións comprar unha entrada barata con explicación en Checo (o que fixemos nos), porque ademáis está prohibido dar explicacións ou traducir as que dan os guías!.

Unha vez dentro daste conta que os roteiros están organizados milimétricamente, e tes un grupo diante e outro detrás, pero non deixa de ser un abuso. Disto non teño foto, pero si dos distintos prezos. Fixádevos que son paberos, porque o prezo para os checos está escrito en letra, e o dos turistas en números ben grandes. Logo dín que os bohemios son secos. Secos sí, mais non parvos.

De calquera xeito é unha fermosa visita, na que non se poden sacar fotos no interior, pero aínda que so sexa para velo por fora e o val que domina dende os seus muros e subir paga a pena subir aquela costiña.

Máis información e a habitual foto aérea ;-).

Non sei cara onde tirarei agora… supoño que seguirei polo país adiante e deixarei para o final a capital…

Publicado en Česká republika,Viaxes | Comentarios cerrados

Repasa a túa xeografía xogando

Non, hoxe non estou currando. A esta hora debería entrar pola ofi, mais cando isto se publique estarei a durmir seguramente, desfrutando dunhas pequenas feiras. Así este post é para que non traballedes moito os que por desgracia teñades que facelo. Xa descansaredes vos outros día que me toca currar a mín.
Estou abandonando os medios de prensa tradicionáis. Entre os blogs que teño fichados no google reader e o chuza, vou indo cuberto de informacións. Nunha recente visita ó Exmo. Sr. D. Gourmet de Provincias, topei unha ligazón a Noodlepie, onde falaban deste xoguiño.

É doado tes que localizar co rato os 20 paises que che aparezan, tes un tempo limitado, e por cada erro, baixa o tempo máis rapidamente.

Non sei como puntua, porque penso que fixen unha segunda partida con máis acertos, pero a puntuación foi de 59, aínda que os paises eran mais doados.

Na primeira xogada acadei 62, o que non está nada mal para alguén que non estuda xeografía dende oitavo de E.X.B. ;-). Como o mundo dos cazadores, pescadores e internautas está chea de pantasmas, vai unha captura conmemorativa. ;-)

Xeograf�a

Actualización:

Vexo que ninguén xogou ou ben, non puidéchedes mellorar a marca. Para desanimarvos aínda máis aquí tedes o meu último marcador.

Publicado en Batallas,Persoal | Comentarios cerrados