Archive for Xaneiro 4th, 2007

Xan 04 2007

Restaurante España

Published by moraiminha under Gastronomía, Restaurantes

Só a xantanza xa pagou a pena, pero este novo consulting gastronómico que se creou a raiz da primeira blogoxantanza, non ten prezo, especialmente para os meros afeccionados (e non profesionais, coma outros) na materia coma nós.
Imos de viaxe a calquera sitio e xorde a pregunta: Ónde papamos? Nesta ocasión de entre as opcións suxeridas optamos polo Restaurante España, a un paso da Porta da Estación da bimilenaria Muralla de Lugo. Aínda que pertence ó grupo NOVE, na páxina do grupo non aparece o seu cociñeiro xefe Hector López mais si no folleto que collemos no restaurante. É curioso como pode estar máis actualizada unha folla de papel, ca unha páxina web. Por certo, os NOVE xa son doce o malo e que non sei dende cando xa que as novas de Galicia Gastronómica non levan data (alguén debería tomar nota disto ;-)).

O local

Un amplo e moderno local che saúda cando entras no España. Non é o tipo de local que esperaba atopar. Non sei porque pero sempre imaxino este tipo de restaurantes pequenos e acolledores. Con poucas mesas, que diría a miña sogra. Dispón dunha gran cafetería na planta baixa, cunha longa barra á túa dereita, e no fondo un bo feixe de mesas adicadas a este fin. O restaurante atópase na primeira planta, e conta cun ascensor para minusválidos.

As dimensións da planta baixa anuncian un xeneroso comedor. Dividido polas súas dimensións, gracias a beizón da lei antitabaco, os non fumadores disfrutamos da fermosa visión da cava acristalada, e que nos permite apreciar a adega da que dispón. Como non son máis cun afeccionado non profundizarei máis neste punto.

O menú degustación

Aquí estamos pola comida e non pola decoración (aínda que todo axuda), así que como xa ven sendo habitual, amoso un pequeno collage coa degustación. Hai un par de pratos dos que non teño ningunha foto decente, así que usei as que mellor estaban. Mellor que nada é.
Restaurante España.  Lugo

  • Caldo galego. Un bo comezo para esta época, por buscarlle un defecto estaba algo frío para o que sería desexable...
  • Terrina de foie con mermelada de calabaza. O meirande erro e demasiado ó comezo como para condicionar as nosas futuras reaccións. Estaba recén sacado da cámara e o seu corazón aínda se atopaba desagradablemente xeado, o que nos fixo pensar que o menú degustación foi improvisado, e que non o serven moito (de feito, no noso comedor non vimos que serviran ningún outro).
  • Cogumelos con molexas. Unha sorpresa para o padal. Aínda que as molexas son moi habituais en zonas como Castela, non é normal que as sirvan nos restaurantes galegos, eu non adoito pedilas, pero cominas de boa gana. Agora a crítica. Cogumelos?. Se reducimos así, só hai catro cousas, peixe, carne, froita, verdura e cogumelos. Penso que o nome debería ser máis orientativo. Non é o mesmo un Lactarius Deliciosus cunha vulgar Lepiota Procera. Que son varios cogumelos? Indicase. Tamén se dín froitos do bosque (fraga sería mellor), para referirse as amoras, framboesas, arandos, etc. Igual estou esaxerando, pero penso que non.
  • Caramelo de perdiz en salsa de figos. Un fermoso caramelo feito con pasta brick ou similar, cun recheo no que non se apreciaba demasiado a perdiz, sobre unha saborosa cama de figos. Non sei se terei probado maís ca un par de veces a perdiz, e pode que o sabor sexa demasiado suave para que eu o aprezara.
  • Robaliza á prancha con crema suave de allo. Isto sempre é un acerto. Ningún misterio. Podería tomar un destes cada semana o resto da miña vida.
  • Solombo de cervo con reducción de Pedro Ximénez. Na liña do anterior. Hai materias primas coas que non paga a pena complicarse. Como eu teño un problema coa carne crúa, tomouno case todo Makeijan, pero estaba delicioso, a verdade.
  • Macedonia de froitos naturais con sopa de iogur e xelado de mandarina. Coincidimos os dous en que, sen dúbida, o xelado de mandarina foi o mellor do xantar. Fresquísimo, e cun toque de acidez que me encantou. Non sei se é un tópico pero disque é dixestivo o xelado. Neste caso si o foi (sobre todo para Makeijan, que como dera boa conta do solombo de cervo, non andaba xa con moita fame a estas alturas), e fixo que me reconciliara co cociñeiro.
  • Souflé de chocolante quente con fresas e améndoas. A estas alturas só a gula pode facer que probes a derradeira sobremesa. Estaba bo, pero nin me atrevo a comentalo.

O menú degustación ten un prezo de 36 euros, ós que hai que engadir a adega.

Conclusión

Tendo en conta o número de pratos, e a cantidade que serven de cada un, a verdade é que está moi ben. Outra cousa é a comida en sí: vaia por diante que todo (salvo a temperatura do foie) estaba moi bo, pero contando con que era membro do grupo Nove, a verdade é que pensabamos atopar algo máis orixinal e distinto ó que se pode comer noutros afamados (e clásicos) restaurantes da cidade. E non foi así. O único realmente sorprendente foi o sorbete de mandarina, e iso que tiñamos moitas espectativas cos pratos de cogumelos despois do que tiñamos lido en Cocinalia; que, xunto coa recomendación de Colineta foi o que nos fixo decantarnos por esta e non por outra opción.


Situación

Chuzame! chuzame -

One response so far

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume