Česká republika (VI). Terezín (2)

A pequena fortaleza

Deixando á dereita o cemiterio nacional, mentres paseamos baixo unha alameda que nos acerca á entrada da pequena fortaleza. Mentres que a fortaleza principal foi convertida nun ghetto xudeu, na pequena instalouse unha tecadea da gestapo. Unha vez na porta, ten un aire á fortaleza de Valença con eses muros anchos de pedra e o chan adoquinado. Unha vez comezas a visita, esa sensación vaise esvaecendo, ata que finalmente ves isto.

O traballo faravos libre

O certo é que foi unha experiencia estarrecedora, e moi difícil de explicar con palabras, deixarei cas imaxes amosen o que viron os meus ollos, e que vos acerque ás sensacións que alí vivín.

Bloque A. Porta de barracón.As liteiras de madeira, as duchas comunitarias, as celas, xa elas soas impresionaban, mais o paseo polos túneles, enxeñosamente deseñados para defender a fortaleza, que atravesan a muralla perimetral exterior, faise eterno só para descubrir ó fin, cando xa chegas a luz, a visión dun cadafalso no que asasinaron a algúns das 35.000 persoas que alí perderon a vida. É algo que endexamáis esquecerei.

Como curiosidade vou comentar que alí morreu, entre outros 140.000 homes, mulleres e nenos, Gavrilo Prinzip, o asasino de Franz Ferdinand en Sarajevo no ano 1914, feito que precipitou o comezo da I Guerra Mundial. Algún descubrirá a orixe do nome dunha banda británica gracias a isto.
E deixarei que o resto de fotos, describan mellor ca mín, o que alí vimos.


Publicado en Česká republika,Persoal,Viaxes | Comentarios cerrados

Problemas no servidor

Estes días estou sufrindo un problema cos themes do wordpress e as veces non se visualizan os contidos. Se sodes tan amables enviádeme un correo se detectades tal problema.

Isto súmase o erro que da no envío de batallas (comentarios), estou en proceso de buscar unha solución, pero non é doado.

Moitas gracias ós catro que me ledes ;-).

Publicado en Persoal | 3 Comentarios

La Bicha. León

La bicha. Aforo completoQué pensarías se te atopas cunha ringleira de persoas, nunha praza do casco vello leones, nunha fría noite do mes de decembro, agardando para entrar nun local minúsculo, no que se ve este carteliño?

Efectivamente. Saberías que estas diante de La Bicha.

A sona do deste local, é tan boa respecto á morcilla que se pode tomar nela, como mala no que atinxe o caracter do seu propietario. Ata teño lido nalgunha crítica por aí, na que disque ten chamado a atención dalgún cliente por achegar os pratos e vasos dende a minibarra da parede ata un lugar máis accesible para ser recollidos. Nos fixemos iso mesmo, e dounos as gracias, así que ou ben é un pouco veleta, ou ben xa lle tocaran a moral antes, cousa que polo que se vé e doado conseguir.

A anécdota da ocasión, foi unha contestación desas famosas do dono cunha cliente.

Na nosa apertura de portas, saiu unha muller que dixo algo así como menudo día tiene hoy referindose ó individuo que se atopa tras a barra, co que nos anticipaba un bo ambiente. Entramos unhas 10 ou 12 persoas. A última foi unha señora que comentou que ía pechar a porta porque xa había moita xente. O interfecto, berrando, mentras abría o pecho dixo:

No he publicado en el B.O.E. su condición de frontera. Respete mi trabajo que yo respeto el suyo todos los días del año.

Apunteino, rapidamente na PDA para non esquecelo.

E agora voltando ó verdadeiramente importante, a agardada foto da morcilla leonesa. Así como chegou, con ese pan con manteiga pasado pola prancha. Só de pensalo, activanse os meus mollos gástricos.

Morcilla león

Penso que se fixera unha proba desas nas que che poñen unha imaxe e tes que dicir unha palabra que se che ocorra, e me puxeran un león diría “morcilladelabicha”.
Aproveito para recomendar outra anotación sobre o mesmo tema, no blog de Manoel Foucellas e así poder fusilar sen reparo a súa situación en Tagzania.

Publicado en Gastronomía,Persoal,Viaxes | 1 Comentario

Catpeople – Radio

Non vou dicir que me gustan, porque se non fose así nin caso lles faría. Perdinmos xa dúas veces o ano pasado, pero espero que volten neste e xa me cadre de velos en directo.

Conformémonos con este video de realización impecable, de momento. Outro tema que será clásico algún día…

[gv data=”xIAXO87EIRE”][/gv]

David xa vas vello. Recupérate!!! ;-)

Publicado en Música | Comentarios cerrados

Esteban Selección Culinaria

Nota legal

Este artigo trátase dunha colaboración entre Makeijan e Moraiminha. Pode resultar caótico, e dispar no estilo, pero tratándose de afeccionados, o máis importante será a información que se entresaque, e a vista das fontes e pratos que degustamos.

Situémonos

Sempre me preguntei porque non hai restaurantes de sona no sur de Galiza. Si, Poio é o sur (Casa Solla), pero Vigo aínda que me pese, é a cidade máis importante do país, e o seu peso económico debería tirar por estas cousas. Claro que hai restaurantes bos, mais… destacan? Trascenden máis aló das Cies, Rande, Zamáns e Puxeiros? Penso que non. Un bo exemplo son as votacións para a II Blogoxantanza. Ofertáronse 13 candidatos. U-lo Vigo? Dende que entrou no Grupo Nove teño pendente ir ó Maruja Limón, pero “sine die”, por falta de referencias de confianza. Tamen tiña o Esteban pendente, que non está en Vigo senon na súa área de influencia (Mos). O seu tempo foi chegado.
Baixo un nome un tanto ostentoso (Esteban Selección Culinaria) , atopamos un restaurante do que tiñamos ouvido falar moito e ben. O que ía ser unha cea en parella, aproveitando unha visita ó convalenciente David, convertiuse nun feliz reencontro con vellos amigos porriñeses.

O local

Unha noite de néboa fixo que a aparición do Esteban tivese un toque un tanto máxico; tras o espeso fume branco xurdiu un atractivo e moderno edificio, onde predominan o aceiro e o cristal. Máis ben iso é o que aparentaba, xa que do que en realidade se trata é dunha fermosa rehabilitación dun vello caserón de pedra.

Entrando, á dereita atopase a cociña, e á esquerda, baixando un par de escalóns, a cava na que non me atrevín a entrar, pese ó moito que me tería gustado. Está dividido en tres comedores, a distintas alturas: un enriba da cava, outro ó lado (que supuxen sería o de fumadores) e o último, no que nos estivemos, ó fondo do local.

O menú

Como eramos oito, a descripción dos pratos vai a ser un tanto irregular, pero intentareino…

Ía pensando en elexir o menú degustación que finalmente non ofertaban. Normalmente, é o mellor xeito de saber o que ten que ofrecerche un restaurante. A falta deste, tiven a posibilidade de observar unha ampla variedade de platos debido ó numero de comensáis (eramos oito).
A carta está dividida en tres sección se non lembro mal: primeiros, nin carne nin peixe, e carne e peixe. Pode resultar simpático, pero non práctico. Destaca na carta a oferta de KOBE (así ven indicado, sen máis información co prezo:160 €/kg). Digo que destaca polo prezo por suposto, que non gañamos para estos luxos…

As fotos coma sempre, aínda que nunca o poño, seguídeas de esqueda a dereita e de arriba a abaixo.
Esteban-acitc

Compartimos os primeiros entre os oito. Eleximos os que nos recomendaron e non se atopaban na carta: unha empanada de zamburiñas caseira que se nos antollou a todos, navallas á plancha e cogumelos (boletus e cantarelus). Curiosamente, ós cinco minutos chegou o camareiro dicindo que non había cogumelos. Pareceume pouco profesional, eso de que che ofrezan un prato que non está na carta… nen na cociña.

A empanada estaba moi boa; como digo, caseira, cunha masa ben finiña, e as zamburiñas perfectamente limpas, o que me leva a pensar que o mesmo serían frescas, e non conxeladas (polo prezo da ración, 8 euros, é posíbel). As navallas eran físicamente das máis espectaculares que tiña visto en tempo. Para min (Moraiminha), no seu punto de cocción, aínda que outros comensais atopáronas un pouco cruas; o que me gustou menos foi a preparación: con moito aceite (nadaban na fonte) e sen nada de alliño, que a nós tanto nos gusta en xeral… e nas navallas en particular. Para Makeijan estaban confitadas , pola súa presentación nun mar de aceite de oliva virxe, e sen signos externos de paso pola prancha. Un xeito orixinal e sinxelo de tomalas, aínda que as sigue preferindo á prancha con alliño (no fondo, é un sentimental no que a navallas se refire).

A falta dos cogumelos, optamos polo Trío de Carpaccios; estaban compostos por cecina, boi e foie. O foie era en terrina, así que eu nunca lle tería chamado “carpaccio”, dado que no está cru nin mariñado; é só unha opinión. O trío viña presentado con aceite de oliva e queixo relado. Estaba bo.

E chegamos ós segundos. Makeijan tomou o corzo sangrante, que estaba ben cociñado e de sabor, pero frío. Pouco despóis apareceron as patacas “chips” caseiras que chegaron á mesa cando xa dera conta da metade da ración; cada un que xulgue nas fotos, certo que a das patacas é a peor, pero é que está feita de lonxe, e a medio comer o corzo xa case frío de todo. Eu eu decanteime pola perdiz á cazadora, aproveitando que estamos en época de caza. Era con diferencia a ración máis abundante de todas: duas metades de perdiz, nun prato cheo da salsa do estofado, orellóns e ameixas pasas, un chisco de arroz, e uns grelos cocidos en exceso (ó igual que outros coa carne, eu son moi esixente co punto da verdura en xeral, e dos grelos en particular) Non sei o motivo (na carta non lembro que falase nada de templado), pero a codorniz tamén estaba un pouco fría, aínda que sabrosa, e cos seus perdigóns regulamentarios.

Na sobremesa, Makeijan tomou crocante con queixo de tetilla e marmelo. O nome dicía lle que podía ser un xeito sorprendente de tomar algo tan tradicional. Indicáronlle que lle faltaba o marmelo, e resultou quedar nun prato a medias. Na foto vese que a presentación era moi xeitosa, pero tomar a crema de tetilla, lambendo coa culler algún mel do prato non era o que esperaba. Pese a presentar medio postre, cobraronno enteiro.

Os viños elexidos foron un Casal de Armán, D.O. Ribeiro, do que tiña escoitado falar moito, e mo recomendaran moi encarecidamente na miña vinoteca de cabeceira, que, aínda que bo, non me sorprendeu tanto como esperaba; e un Viñas del Vero Merlot ’03, que elexiu Makeijan confundido (segundo el mesmo me confesou) pero resolveu a papeleta e xa o apuntamos para futuras ocasións.
Así finalizamos o que son as nosas apreciacións directas, agora aproveitando o número de comensáis, pasarei a comentar o que comeron os demáis (xa sei é moi feo mirar moito para o prato de outro, pero unha eche así, e todos me deixaron axexar sen dicir nin pío) ;-).


A espetada de peixe sapo e langostinos non tivo queixa. O mero con láminas de foie foi, sen dúbida, o prato máis orixinal dos que pedimos. O peixe sapo á prancha moi bo; aínda que o seu comensal queixouse de que os toros eran demasiado finos, aínda que dun bo exemplar, e quedou co algo de fame. dous tomaron bacallau á prancha; de moi boa apariencia, pero segundo eles un pouco salgado. Curiosamente, todos os platos de peixe ían acompañados de patacas cocidas con chícharos, e os grelos pasados de cocción. Igual é que tiña o día crítico, pero paréceme pouca orixinalidade para un establecemento que se autodenomina “selección culinaria”. Rematamos cun entrecot á pementa: seica estaba bo, aínda que á vista resultaba salseado en exceso, e que repetiu retraso ó levar o mesmo acompañamento que o corzo (as patacas chips).

Nas sobremesas, tarta de mousse de chocolate, feito con cubiletes de diferentes tamaños, cunha presentación era fermosa; un leite fritido seica impresionante (é unha das poucas cousas que non me gustan, non podería opinar aínda que quixera); e un flan do máis normal (iso si, nun cacharriño ben bonitiño, semellante a un sillón).

O conto saiu por uns 32€ por cabeza. Se temos en conta que tomamos dúas botellas de viño e catro sobremesas entre oito asistentes, eu estimo que etnre 38 € e 40 € sería un prezo por persoa máis perto da realidade.

Conclusión

Esperaba algo máis de orixinalidade nun restaurante cun puntúan cun 6,75 en Gourmetour. Tamén que coidaran un pouco mellor os detalles, xa que un dos pratos que nos puxeron na mesa estaba estalado (vino despois na foto, ó chegar á casa, non era o meu), algo que me parece inadmisibel nun restaurante desta categoría (está ben seleccionar a comida, pero que os pratos non veñan nicados tampouco está de máis, penso…).

Posiblemente estes fallos se deba a que é un local relativamente grande, e pode por eso pecar do que falabamos aquí mesmo do España. A atención foi correcta sen máis. Non deixa de sorprenderme que estea sempre completo.


Situación

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 3 Comentarios