feb 15 2007
Casa Solla. O Menú da II Xantanza
Unha vez rematada a crónica rosa. Chegou a hora do traballo serio.
O Restaurante Solla, anfitrión da II Blogoxantanza, atópase en San Salvador de Poio a poucos quilómetros da capital da provincia.
O menú que preparou para esta ocasión o seu xefe de cociña, era un armonioso conxunto de pratos e viños perfectamente maridados, bastante cercano ó seu menú degustación. Na miña anterior visita no mes de setembro, optei pola variante express, que daquela xa me parecera suficiente para unha cea. Desgraciadamente non levei cámara e iso evitou que falara aquí del. Por iso agradezo que os blogogastrónomos saíran ó meu rescate obrigándome a repetir e ampliar a miña anterior experiencia.
En ambas capturas, a exterior para que vexades a presentación que fixo e o interior que servirá para botar unha ollada xeral ó que alí desfrutamos. O que Solla ordeou, que non o cisque o blogastrónomo, así pois seguirei a súa orde nos pratos, e nas fotos dos mosaícos.
Prólogo
Comezamos co aperitivo de recepción, a empanada presentada coma outros pratos directamente nunha laxe de pizarra, cun espesor milímetrico, desfacíase na boca ó contacto. Sinto non lembrar de que era.
A presentación dos berberechos ó minuto, nun cesto de bambú, ó estilo oriental, faime buscar unha utilidade para esta, ata agora inutil peneira que tiña na casa. Feitos ó vapor, de certo, sen contacto coa auga. Todo o seu sabor concentrado. O nome do prato fúndese coa receita.
Nos bares os chupitos non son dese tamaño. O de crema de cabaza encantou ó Gourmet que se atopaba ó meu lado no momento de probalo. Eu non sabería se decidirme pola crema ou a escuma de queixo (penso) que o remataba.
Fora do cartel, apareceron unhas espetadiñas de tomatiños, queixo (teño idea de que era San Simón, pero máis tarde entenderedes o porqué das miñas lagoas) e guacamole, numha agradable combinación, xunto cun millo e manises garrapiñados.
Todo isto foi regado cun Pazo de Fefiñanes 05, D.O. Rías Baixas.
Capítulo I
Agora comeza o festa, que foi coma denominou o propio Solla a súa proposta. A Gamba ó alliño tívome enganado. Funme convencido de que era unha cigala, en calquera caso non lembro tomar unha así. Confitada co seu alliño e dividida en porcións. Tería comido nelas sen rumbo.
Os cogumelos aliñados non me dixeron moito, iso sen contar que a denominación xenérica, non é do meu agrado como saberedes os que líchedes a crítica do España de Lugo.
Pola contra a ostra escabechada (errata incluida) reencontroume con este delicado marisco, ó igual que na anterior Xantanza fixera Yayo Daporta. Coincidín con Foucellas en que foran as únicas que tomaramos en anos.
Capítulo II
Desordeno a carta, para seguir o mosaico que xa teño feito, e comezo polo Lumbrigante en si mesmo que nos presentaba talladas do corpo, sobre uns fideos de estilo oriental. Estaba bo, pero teño unha teoría sobre crustáceo que xa contarei, que non o fai dos meus preferidos.
Acostumados a tomalas sempre do mesmo xeito, é esta unha sorprendente variante o símbolo do Camiño de Santiago. As vieiras enceboladas ofrecían unha gran combinación cunha ceboliña glaseada, gromos de ceboliño (isto pregunteillo, que non os vira na vida), e unha sopa de cebola cun amplo toque de soia. Das poucas veces que tirei do pan.
Haberá quen pense que é ridículo, pero este sería o meu elexido se estivese nun concurso. O pan e o ovo conxunto aparentemente modesto, que fai estoupar as papilas gustativas. Fixadevos na presentación, sobre unha rebanda de pan fritido, pousado nunha lousa de pizarra, sen cubertos, cun pequeno toque de trufa, coller coa man e desfrutar. Pepe, tes que sair pola tele e explicar como se fai esta receita!
Ata agora non o dixen, pero dende que sentamos estivemos acompañando estes pratos cun Godello D.O. Valdeorras. As Sortes 05. Un branco con crianza, deses os que non estás afeito, mais sen moito traballo se pode deixar caer un nos seus brazos.
Capítulo III
Aquí comezaría unha comida normal, un peixe e unha carne. Postos en mans de quen estiveron o conto cambiou. Primeiro preparounos un Pampo con grelos e caldo de cocido. Non che coñecía o peixe, e polo resultado das miñas pesquisas trátase dunha palometa pero non lembro tela probado. Carne firme que se desprendía en lascas coma o bacallao. Simpático equilibrio o do peixe e o cocido. Os grelos apenas branqueados, ó estilo da miña familia política. Outro xeito de saborear o verde, moi distinto o que estamos acostumados. Os olliños da graxa do chourizo dan un contrapunto visual ó prato.
Logo veu a carne, fin de festa oficioso, previo as lambonadas. Neste momento entrou en xogo o Lalama 03. D.O. Ribeira Sacra. A equivalencia natural foi Ribeira Sacra=Mencía. Pois só en parte, xa algo menos da metade da uva utilizada para elaborar este viño é da variedade garnacha, allea á nosa terra, máis cun resultado salientable. Disque os tintos galegos non teñen futuro máis aló das nosas fronteiras. Esta podería ser a excepción.
Outro mencía podería tremer fronte a Costela de porco ibérico confitada e dourada, que un reputado crítico gastronómico de la villa y corte definíu coma o mellor plato de ibérico que tomara nunca. Non o que nos tomamos. Entroulle perfectamente á textura desa particular interpretación do churrasco. Pousado sobre uns crocantísimos tirabeques, e un cachelo asado. Estaba moi bo pero non chego ó éxtase da referencia culinaria.
Capítulo IV
Chegados a este punto, teño algo que comentar. Non se debe escribir nunca despóis de tomar tres viños distintos. D.O. Rías Baixas, Campo de Borja e Ribeira Sacra. Esta manía que teño de escribir as cousas a cachos, fai que resulten inconexas.
Voltemos ó noso. Benvidos ó mundo das larpeiradas. Por diante 3 sobremesas dignas de calquera conto para miúdos.
Non son un fan do coco. Máis ben diría que non me gusta. Un tempo preterito iríame mellor porque este verán descubrín un novo sabor nun combinado, e este sábado na escuma que acompañaba ós morangos con coco, baixo esta unha pouca froita ¿lixeiramente confitada? e no fondo anaquiños en cru. Delicioso.
Unha saborosa deconstrucción da tradicional tarta de mazá. Base de fina crema pasteleira, medias lúas de mazá asada, unha galleta crocante, da que estiven a piques de pedir un kilo para levar a casa, e que me lembraba algo moi familiar, pero co despregue que xa levaba, máis os efluvios que o deus Baco me enviaba, espero saibades perdoarme o esquecemento (unha vez máis). Estaba rematada cunha quenel de xelado de arroz con leite, leite merengado ou algo similar. Foi presentada baixo o título coma tarta de mazá. E non digo máis nada porque os poucos adxectivos que coñezo xa os dixen, e non querería repetirme demasiado. A única nota negativa que darei en toda a sobremesa será para o prato esportillado no que viña esta delicia. Non moi acorde coa categoría do local.
Como colofón do capítulo, apareceu outra deconstrucción, esta vez non direi a súa orixe por ser marca comercial, pero unha vez leades leite, cacao, avelás e azucre, saberedes sen temor a un erro a que me refiro. Non hai nada que destripar desta receita, agás quizáis os cristáis de sal maldon, que tardei en topar na miña odisea partícular de probar cada ingrediente por separado, para finalmente acercar o conxunto ó meu padal e atoparme coa sorpresa dos cristáis salgados no medio de tanto doce. Sublime.
Capítulo V
Isto non remata endexamáis. Alongando ó ágape ata o infinito, xurdiu un novo doce para larpeiros confesos e lambóns anónimos: Milfollas de merengue. Curiosa variedade que non usaba masa follada e que a estas alturas non me vou molestar en describir. Remítome as fotos. Un bocado orgásmico.
O fin de festa, antes de cafés e licores, o que é estrictamente a mesa, foron uns petit fours denominados Craquelín, froitas, trufas e toffe, equivalentes a unhas améndoas caramelizadas, espetada de melón e piña, trufas de chocolate e coma un doce de leite cun remate de nata montada. A estas alturas xa non fixen fotos así que me tomo a liberdade de fusilar unha e xa de paso, indicar a que de momento é a mellor foto do concurso.
Mencións especiáis
Brunheda Vintage 2000
Este viño merecería unha anotación a parte e se me fago cunha botella, haberáo. Apareceu á par das sobremesas, puxeronnos unha copa nova, igual ca do Ribeira Sacra, e pensei, qué faltará?. Sirven outro viño, a etiqueta non se ve moi ben, chegan os doces e o probalo. Todo se para. Que é isto? É doce. Aventúrome a dicir un Porto. Máis despóis de oir falar dun Rioja cando probamos o Lalama, non me quixen columpiar. Probeino de novo, e canto máis o saboreaba menos claro estaba. Tiña esa dozura, máis ó tempo.
Tiven que preguntar por el, e o final deixaron a botella na mesa. Gran erro. Converteuse nunha obsesión, tomei un par de copas na mesa e levei outra para tomar co café. Alí foi onde Pepe Solla nos contou que tiña un amigo en Valença que llo recomendara, e que estaba engarrafado para él. Fixádevos na foto, a etiqueta é feita con ordenador e recortada a correr. Non busquedes. Nin google vos dará unha resposta. Na etiqueta poñiao ben claro: Amostra do casco. Aínda soño con el...
O servicio
Quero facer unha mención especial a este apartado. Na mesa estaba sentado de costas á cociña e o resto do comedor, contemplando as eiras e a caravana de domingueiros (era sábado pero é igual), que paseniño se dirixían cara a Pontevedra. Conto isto porque normalmente non vía como chegaban os pratos, simplemente aparecían, por alí estivo o xefe en persoa atendéndonos aínda que non el só, claro.
Non lembro pedir nada, nin pan, nin viño, nin auga, todo aparecía alí como por arte de maxia. Seguramente se lembren de min polas miñas incorrectas posturas, que por momentos me obrigaban a desculparme por interrumpir o seu traballo. Moi ben este punto.
Noraboa
Se chegaches ata aquí, que menos que felicitarte, levoume ben 3 horas escribir isto. Non dou para máis. O problema vai vir na III Blogoxantanza, non me gustaría estar na pel do cociñeiro que nos ature.
chuzame -







[...] Esta maña recibín un correo de Belén que me avisaba desta nova. Non era tal, posto que dende que anunciaron a colección, moraiminha decidiu que lle iamos levar o libro a Pepe Solla para que no lo asinara. Hoxe saiu o primeiro exemplar e o vindeiro martes a súa parella. Na primeira pasada agradoume ver a sinxeleza das receitas, en contraposición a outras da mesma serie, con ingredentes extraterrestres. Sirva de mostra a primeira: Berberechos ao natural, que son os que nos puxo de aperitivo na segunda xantanza. [...]