Archive for Febreiro, 2007

Feb 19 2007

Isto é a guerra

Published by makeijan under Batallas, Persoal

A que da medo? ;-). Non é para tanto a cousa. Podería ser un campamento de revolucionarios terroristas, no medio dunha fraga, pero non somos máis ca un grupo de 24 resacosos tolos preparándonos para practicar paintball, e unha amable fotografo que se dignou inmortalizarnos ;-).
Equipamento Paintball

Temos unha voda esta fin de semana e o padriño, hai un par delas, tivo a ben organizar unha despedida de solteiro/a unitaria, xuntándonos á uns cantos invitados en Arbo. Como podedes imaxinar estivemos a darnos uns bolazos de pintura en Melgaço, como parte das actividades deste senlleiro evento.

O paintball é unha actividade que nunca practicara, e que semella máis violenta dende fora do que realmente resulta. Xogan un par de equipos, armados cuns trebellos chamadas marcadoras, como o seu propio nome indica son unha lanzadora de aire comprimido que dispara bolas de pintura feitas de xelatina dura que contén un colorante alimentario, polo que se vé completamente biodegradable. O resto do equipo está enfocado a que ninguén se manque nin se lixe. Máscaras, monos, peto, etc encárganse diso.

Hai un feixe de xogos distintos, pero o fundamento é que cando disparas, si estoupa a bola e lixas ó contrario este é eliminado da presente partida.

Paintball

Para os que non me recoñezades, o pintas da dereita son eu ;-).

Uns conselliños para novatos coma min:

  • Levade roupa cómoda, e aínda máis cómodo calzado. Si o campo de xogo é no monte, unhas botas de montaña non sobran.
  • Unhas luvas. Normalmente non fan falla, pero se andas deitado polo chan, e se apoias unha man enriba dun toxo, como fixen eu, saberás que non están de máis.
  • Facédelle casos ós árbitros, en especial nas normas de seguridade. Non quitar a máscara no medio do xogo, etc.
  • Non disparedes dende moi perto. Teño visto uns moratóns tremendos de amigos, por uns simpáticos que disparan a pouca distancia do contrario.
  • Levade ganas de pasalo ben.

Coma o meu choio, e actividades habituáis son bastante sedentarios, non zafei das maniotas. Pero morro por repetir, a experiencia. De feito estou a xuntar un grupo ben amplo para ir xogar, porque logo sempre falla a metade da xente, e xogar 4 pois non é moi divertido polo que nos comentaron os amigos de DraftZone que foron quen nos iniciaron neste novo vicio.

Máis nada coas ligazóns que poño xa hai para empezar a informarse, e nuns días publicarei unha nova entrega cos campos máis cercanos a Pontevedra para bater cos amigos sen marcarse.

Chuzame! chuzame -

One response so far

Feb 15 2007

Casa Solla. O Menú da II Xantanza

Unha vez rematada a crónica rosa. Chegou a hora do traballo serio.

O Restaurante Solla, anfitrión da II Blogoxantanza, atópase en San Salvador de Poio a poucos quilómetros da capital da provincia.

O menú que preparou para esta ocasión o seu xefe de cociña, era un armonioso conxunto de pratos e viños perfectamente maridados, bastante cercano ó seu menú degustación. Na miña anterior visita no mes de setembro, optei pola variante express, que daquela xa me parecera suficiente para unha cea. Desgraciadamente non levei cámara e iso evitou que falara aquí del. Por iso agradezo que os blogogastrónomos saíran ó meu rescate obrigándome a repetir e ampliar a miña anterior experiencia.

En ambas capturas, a exterior para que vexades a presentación que fixo e o interior que servirá para botar unha ollada xeral ó que alí desfrutamos. O que Solla ordeou, que non o cisque o blogastrónomo, así pois seguirei a súa orde nos pratos, e nas fotos dos mosaícos.

Prólogo

Comezamos co aperitivo de recepción, a empanada presentada coma outros pratos directamente nunha laxe de pizarra, cun espesor milímetrico, desfacíase na boca ó contacto. Sinto non lembrar de que era.

A presentación dos berberechos ó minuto, nun cesto de bambú, ó estilo oriental, faime buscar unha utilidade para esta, ata agora inutil peneira que tiña na casa. Feitos ó vapor, de certo, sen contacto coa auga. Todo o seu sabor concentrado. O nome do prato fúndese coa receita.

Nos bares os chupitos non son dese tamaño. O de crema de cabaza encantou ó Gourmet que se atopaba ó meu lado no momento de probalo. Eu non sabería se decidirme pola crema ou a escuma de queixo (penso) que o remataba.
Fora do cartel, apareceron unhas espetadiñas de tomatiños, queixo (teño idea de que era San Simón, pero máis tarde entenderedes o porqué das miñas lagoas) e guacamole, numha agradable combinación, xunto cun millo e manises garrapiñados.

Todo isto foi regado cun Pazo de Fefiñanes 05, D.O. Rías Baixas.

Collage I

Capítulo I

Agora comeza o festa, que foi coma denominou o propio Solla a súa proposta. A Gamba ó alliño tívome enganado. Funme convencido de que era unha cigala, en calquera caso non lembro tomar unha así. Confitada co seu alliño e dividida en porcións. Tería comido nelas sen rumbo.

Os cogumelos aliñados non me dixeron moito, iso sen contar que a denominación xenérica, non é do meu agrado como saberedes os que líchedes a crítica do España de Lugo.

Pola contra a ostra escabechada (errata incluida) reencontroume con este delicado marisco, ó igual que na anterior Xantanza fixera Yayo Daporta. Coincidín con Foucellas en que foran as únicas que tomaramos en anos.

Capítulo II

Desordeno a carta, para seguir o mosaico que xa teño feito, e comezo polo Lumbrigante en si mesmo que nos presentaba talladas do corpo, sobre uns fideos de estilo oriental. Estaba bo, pero teño unha teoría sobre crustáceo que xa contarei, que non o fai dos meus preferidos.

Acostumados a tomalas sempre do mesmo xeito, é esta unha sorprendente variante o símbolo do Camiño de Santiago. As vieiras enceboladas ofrecían unha gran combinación cunha ceboliña glaseada, gromos de ceboliño (isto pregunteillo, que non os vira na vida), e unha sopa de cebola cun amplo toque de soia. Das poucas veces que tirei do pan.

Haberá quen pense que é ridículo, pero este sería o meu elexido se estivese nun concurso. O pan e o ovo conxunto aparentemente modesto, que fai estoupar as papilas gustativas. Fixadevos na presentación, sobre unha rebanda de pan fritido, pousado nunha lousa de pizarra, sen cubertos, cun pequeno toque de trufa, coller coa man e desfrutar. Pepe, tes que sair pola tele e explicar como se fai esta receita!

Ata agora non o dixen, pero dende que sentamos estivemos acompañando estes pratos cun Godello D.O. Valdeorras. As Sortes 05. Un branco con crianza, deses os que non estás afeito, mais sen moito traballo se pode deixar caer un nos seus brazos.

Capítulo III

Aquí comezaría unha comida normal, un peixe e unha carne. Postos en mans de quen estiveron o conto cambiou. Primeiro preparounos un Pampo con grelos e caldo de cocido. Non che coñecía o peixe, e polo resultado das miñas pesquisas trátase dunha palometa pero non lembro tela probado. Carne firme que se desprendía en lascas coma o bacallao. Simpático equilibrio o do peixe e o cocido. Os grelos apenas branqueados, ó estilo da miña familia política. Outro xeito de saborear o verde, moi distinto o que estamos acostumados. Os olliños da graxa do chourizo dan un contrapunto visual ó prato.

Logo veu a carne, fin de festa oficioso, previo as lambonadas. Neste momento entrou en xogo o Lalama 03. D.O. Ribeira Sacra. A equivalencia natural foi Ribeira Sacra=Mencía. Pois só en parte, xa algo menos da metade da uva utilizada para elaborar este viño é da variedade garnacha, allea á nosa terra, máis cun resultado salientable. Disque os tintos galegos non teñen futuro máis aló das nosas fronteiras. Esta podería ser a excepción.

Outro mencía podería tremer fronte a Costela de porco ibérico confitada e dourada, que un reputado crítico gastronómico de la villa y corte definíu coma o mellor plato de ibérico que tomara nunca. Non o que nos tomamos. Entroulle perfectamente á textura desa particular interpretación do churrasco. Pousado sobre uns crocantísimos tirabeques, e un cachelo asado. Estaba moi bo pero non chego ó éxtase da referencia culinaria.

Capítulo IV

Chegados a este punto, teño algo que comentar. Non se debe escribir nunca despóis de tomar tres viños distintos. D.O. Rías Baixas, Campo de Borja e Ribeira Sacra. Esta manía que teño de escribir as cousas a cachos, fai que resulten inconexas.

Voltemos ó noso. Benvidos ó mundo das larpeiradas. Por diante 3 sobremesas dignas de calquera conto para miúdos.

Non son un fan do coco. Máis ben diría que non me gusta. Un tempo preterito iríame mellor porque este verán descubrín un novo sabor nun combinado, e este sábado na escuma que acompañaba ós morangos con coco, baixo esta unha pouca froita ¿lixeiramente confitada? e no fondo anaquiños en cru. Delicioso.

Collage II

Unha saborosa deconstrucción da tradicional tarta de mazá. Base de fina crema pasteleira, medias lúas de mazá asada, unha galleta crocante, da que estiven a piques de pedir un kilo para levar a casa, e que me lembraba algo moi familiar, pero co despregue que xa levaba, máis os efluvios que o deus Baco me enviaba, espero saibades perdoarme o esquecemento (unha vez máis). Estaba rematada cunha quenel de xelado de arroz con leite, leite merengado ou algo similar. Foi presentada baixo o título coma tarta de mazá. E non digo máis nada porque os poucos adxectivos que coñezo xa os dixen, e non querería repetirme demasiado. A única nota negativa que darei en toda a sobremesa será para o prato esportillado no que viña esta delicia. Non moi acorde coa categoría do local.
Como colofón do capítulo, apareceu outra deconstrucción, esta vez non direi a súa orixe por ser marca comercial, pero unha vez leades leite, cacao, avelás e azucre, saberedes sen temor a un erro a que me refiro. Non hai nada que destripar desta receita, agás quizáis os cristáis de sal maldon, que tardei en topar na miña odisea partícular de probar cada ingrediente por separado, para finalmente acercar o conxunto ó meu padal e atoparme coa sorpresa dos cristáis salgados no medio de tanto doce. Sublime.

Capítulo V

Isto non remata endexamáis. Alongando ó ágape ata o infinito, xurdiu un novo doce para larpeiros confesos e lambóns anónimos: Milfollas de merengue. Curiosa variedade que non usaba masa follada e que a estas alturas non me vou molestar en describir. Remítome as fotos. Un bocado orgásmico.

O fin de festa, antes de cafés e licores, o que é estrictamente a mesa, foron uns petit fours denominados Craquelín, froitas, trufas e toffe, equivalentes a unhas améndoas caramelizadas, espetada de melón e piña, trufas de chocolate e coma un doce de leite cun remate de nata montada. A estas alturas xa non fixen fotos así que me tomo a liberdade de fusilar unha e xa de paso, indicar a que de momento é a mellor foto do concurso.

Mencións especiáis

Brunheda Vintage 2000

Este viño merecería unha anotación a parte e se me fago cunha botella, haberáo. Apareceu á par das sobremesas, puxeronnos unha copa nova, igual ca do Ribeira Sacra, e pensei, qué faltará?. Sirven outro viño, a etiqueta non se ve moi ben, chegan os doces e o probalo. Todo se para. Que é isto? É doce. Aventúrome a dicir un Porto. Máis despóis de oir falar dun Rioja cando probamos o Lalama, non me quixen columpiar. Probeino de novo, e canto máis o saboreaba menos claro estaba. Tiña esa dozura, máis ó tempo.

Tiven que preguntar por el, e o final deixaron a botella na mesa. Gran erro. Converteuse nunha obsesión, tomei un par de copas na mesa e levei outra para tomar co café. Alí foi onde Pepe Solla nos contou que tiña un amigo en Valença que llo recomendara, e que estaba engarrafado para él. Fixádevos na foto, a etiqueta é feita con ordenador e recortada a correr. Non busquedes. Nin google vos dará unha resposta. Na etiqueta poñiao ben claro: Amostra do casco. Aínda soño con el...

O servicio

Quero facer unha mención especial a este apartado. Na mesa estaba sentado de costas á cociña e o resto do comedor, contemplando as eiras e a caravana de domingueiros (era sábado pero é igual), que paseniño se dirixían cara a Pontevedra. Conto isto porque normalmente non vía como chegaban os pratos, simplemente aparecían, por alí estivo o xefe en persoa atendéndonos aínda que non el só, claro.

Non lembro pedir nada, nin pan, nin viño, nin auga, todo aparecía alí como por arte de maxia. Seguramente se lembren de min polas miñas incorrectas posturas, que por momentos me obrigaban a desculparme por interrumpir o seu traballo. Moi ben este punto.

Noraboa

Se chegaches ata aquí, que menos que felicitarte, levoume ben 3 horas escribir isto. Non dou para máis. O problema vai vir na III Blogoxantanza, non me gustaría estar na pel do cociñeiro que nos ature.

Chuzame! chuzame -

One response so far

Feb 12 2007

Crónica social da II Xantanza de Blogogastrónomos Galegos

Published by makeijan under Batallas, Gastronomía, Persoal

Na primeira blogoxantanza bulín para ser o primeiro en publicar e non ser influenciado pola lectura dos demáis blogueiros. Os miles de bits (chorros de tinta non procede nun blog, non si?) que imos ocupar coas nosas percepcións e sentimentos, facilitan a conversión das vivencias alleas, na nosas propias. Agora cando me atopo moi cerca dos lindeiros de Dona Curiosidade, apuro para deixar constancia do que vivín, e unha vez liberado de tan pesada carga, deleitarme coas opinións (por qué non dicilo) dos meus novos amigos.

O xantar en Casa Solla foi amplo e penso merece máis repouso, e algo de fame, para describilo. Onte tiven unha parrilada en Barro, que contrasta co día anterior, agás na fartura. Todo da casa. Porco e pucha. Pouco falta para que os gourmets profesionáis, valoren estes pequenos reductos de tradición e materias primas da calidade das que vos falo, nun mundo abocado á apocalipse da tortilla de patacas precociñada, a paella conxelada e a mahonesa de bote.

Mañá haberá tempo para iso.

Haberá que darlle otema, senon voulle quitar o posto de redactor incansable e dactilares máis sufridos, ó artífice, fundador, alma mater (xa non sei máis adxectivos) destas, xa clásicas, reunións: o Sr. Gourmet de Provincias.

Comezamos ou?

Almorzo de traballoFacemolo con esta foto porque, modestia aparte, formo parte do selecto trío, que alá polas 12:30 se formou cando recollemos a Xosé Manoel na estación de Pontevedra e rematou ás 23:00, aproximadamente, no mesmo lugar, devolvendo o mesmo individuo á súa cidade de orixe. Un almorzo tardío, pero necesario para comenzar o noso particular periplo, vese ilustrado con esta pequena imaxe. Despóis de enganar á fame, camiñamos cara a zona vella pontevedresa onde como xa contaba onte, nos cruzamos cos primeiros lances do Entroido, na nosa entrada na Praza da Ferrería. Atravesamos fugazmente pola mesma, dado que a cita era ás 13:00 na Praza da Leña e xa chegabamos tarde.

Alí estaban Cesar e Chus esperando no Rianxo, cita organizada por moraiminha, e que se non fora porque vivo con ela, diría que lle foi levar ovos a Santa Clara, para que nos bendecira coa ausencia de chuva e agradable temperatura, que nos permitiu estar unha horiña tomando o aire, unhas cañas e os callos de rigor.

Pinchos na praza da leña pontevedra

Cal pingueira de billa mal fechada, foron aparecendo todos os alí emprazados. Como se ve na foto da esquerda, as cámaras estaban presentes en primeira liña, e máis parecían as parellas dos seus donos que uns aparellos electrónicos. A culpa do mal é do propietario do obxectivo que se ve vislumbra na parte inferior dereita da foto, D. Manoel Foucellas, por organizar a I World Xantanza Photo. Debatemos de gastronomía (loxicamente), do tempo (inexplicablemente bo), de futuras xantanzas (non en van estabamos fronte un dos mellores restaurantes da cidade de Pontevedra: o Eirado da Leña), e así ata que chegou a hora de emprender camiño cara o noso destino.

Na casa de Pepe

Igual me tomo moitas confianzas, pero como ven dixen alí, estiven sentado á dereita de "El Padre", e teño 33 anos, así que blanco y en botella...

Para os que non estiveron nunca en Casa Solla, tentarei ilustrar o cadro. Ó entrar, a man dereita, hai un salón en tonos escuros, iluminación intima, con cómodos sofás e unha cheminea, onde se agarda a hora de xantar, e o finalizar podes tomar un café, unha copa e fumar (é o lugar habilitado para iso, o meu pesar). Ignorando o salón, e camiñando e liña recta está o comedor, cunha decoración máis minimalista. As inmensas fiestras o iluminan con luz natural, e por outro o tremendo escaparate da cociña, que por ir de día non luce tanto, pero nunha cea é como ter unha pantalla de cine por onde se deslizan os cociñeiros preparando os pratos que logo degustarás. Ben, no primeiro salón foi onde nos recibiu o senlleiro cociñeiro, e nos ofreceu un aperitivo mentres esperabamos ós que aínda faltaban.

Un remanso de paz, tomado por dezasete blogogastrónomos armados con cadansúa cámara fai tremer os cimentos de calquera casona galega, canto máis se entre saudarnos, sacar fotos ós aperitivos e degustar o D.O. Rías Baixas con que nos recibiron, non nos remexíamos. Calquera que fora alí por primeira vez, alleo á xantanza, quedaría asustado.

Arguiñano

Sen dúbida a anécdota da xantanza. Xa o principio alguén me comentou que estaba Yayo, eu entendín Yayo Daporta e xa estaba facendo as miña cábalas, pensando onde levariamos a Pepe Solla na III Xantanza, cando me correxiron indicando que era Karlos Arguiñano.

Cada un foi acercandose a velo no comedor, disimuladamente. Todo quedou aí, ata que rematou o seu xantar, e cando ía marchar, coido que foi Magago quen se acercou a el para pedirlle que sacara unha foto con nos.

Pois alí apareceu detrás de min, en persoa, cunha timidez que sorprendía, dicindo que non lle gustaban estas cousas, cando salta Sole berrando algo así coma:

¡Arguiñano eres el amor secreto de mi madre!

O pobre home non sabía onde meterse. Foi un momento Sole! ;-).

Aquilo abriu a veda. Todo o mundo que estaba mantendo a compostura, non o comentei pero o comedor estaba cheo, foron facerse fotos e saudalo. Os ricos tamén queren saudar ós famosos ;-).

Arguiñano en Casa Solla

Seica se sacaron fotos, pero eu non teño ningunha. Esta é de cando estabamos a colocarnos para a oficial (tomeina prestada).

Sobremesa con Pepe

Unha vez rematado o xantar, veu Solla pedirnos que o esperaramos un intre que unha vez nos dou de comer a nos, ía alimentar ó seu descendente máis novo. Un segredo: A súa receita para o biberón do seu fillo é: auga quente, 5 culleradas rasas... ;-).

Acompañado por unha copa de Brunheda Vintage 2000 - amostra do casco (isto xa o explicarei), senteime na compaña dos blogogastrónomos a tomar un café e rematar a xornada no salón que nos recibiu. Tiven a fortuna de que, como xa comentei antes, se sentara entre o Gourmet e eu que fuxía das chemineas humanas. Alí nos falou dalgún proxecto novo, pregunteille que comera Arguiñano, si se coñecían de antes, e sobre todo do seu estaxio en New York, cando estivo cociñando con outro grupo de cociñeiros galegos na O.N.U., tanto a experiencia profesional, coma a turístico-gastronómica (sobre os restaurantes que alí descubriu, etc.).

Fermosas historias para escoitar.

Fin de festa

Un grupo de irreductibles blogogastrónomos chegou a Pontevedra disposto a disfrutar dunha copa de fin de festa. O trío inicial, acompañados de Cesar e Chus, charlamos durante unha horiña máis nunha cafetería, e unha vez os amigos coruñeses marcharon cambiamos ó café del mundo, onde dimos os penúltimos coletazos, ata case as 23:00. Falando doutra das nosas afeccións, as viaxes, e a súa perfecta conxugación coa gastronomía.

Non todo foi bo

O que más me pesou foi non ter compartido mesa con máis xente, paseino estupendamente repetindo con Manoel Foucellas, a unha banda e Chus que foi a primeira blogogastronoma que coñecín xunto co seu home na primeira edición, pero coa que non falara moito pola situación na mesa. Tamén me tocou con 3 novatos. A Sra. de Foucellas, Geiko e o seu home, que resultou ser coñecido do traballo de Xosé Manoel, o mundo é máis pequeno do que parece. Nas sobremesas coido que se cambiou Sole por Geiko. Haberá que promover dende a organización este tipo de movementos para ampliar conversas. Apenas crucei unhas palabras coa outra nova fichaxe do clube, Xesús Fraga, e ó resto cos que non puiden falar todo o que me gustaría. Gourmet, Catuxa, Cocinalia, Ramom e Magago. Esperemos enmedalo na III.

Referencias, repercusión mediática e outras herbas

Remantando xa, publico as fontes de información gráfica:

E para finalizar as ligazóns a todas as crónicas sociáis que vaia atopando agora que vou lelas ;-).

Comezamos cos Blogogastrónomos:

E logo os medios tradicionáis:

Menuda parrafada...

Chuzame! chuzame -

6 responses so far

Feb 11 2007

Comeza o Entroido en Pontevedra

Published by makeijan under Intres, Persoal

  • Pontevedra
  • Febreiro de 2007

Entroido Pontevedra
Ando a facer o choio escuro, clasificar fotos, enviar as do concurso, preparar os meus mosaicos, e claro hoxe non vou subir nada da blogoxantanza. É como prepararse para traballar, primeiro xuntar toda a ferramenta e logo poñerse con choio. Eche a parte máis pesada, pero condiciona o resultado final. Só pensar nas fotos do concurso xa me levantou dor de cabeza ;-). Seguramente mañá comece a escribir, hoxe só vai unha curiosa foto que anunciaba o comezo do Entroido. Non che son eu moito desta festa, en especial por esta tropicalización que nos invade. Menos mal que queda algo noso. Aparte da gastronomía. Claro!

Chuzame! chuzame -

One response so far

Feb 09 2007

Unindo liñas que non se tocan

Published by makeijan under AutoCAD

Quen non colleu un debuxo aparentemente doado de medir (superficies, lonxitudes...), e cando vai facer un comando AREA ou un LIST, para ter lonxitude e/ou superficie dunha polilínea atopa que non hai máis que liñas e arcos soltos que nin se tocan?. O primeiro é lembrarse da familia do creador de semellante marabilla. A continuación, non queda máis que comezar a unir liñas e usar EDITPOL (PEDIT) para acadar polilñas pechadas para superficies ou non necesariamente para lonxitudes ou distancias. Máis ben era o que quedaba porque con esta opción de EDITPOL (PEDIT), acabouse o conto.

editpol (_pedit) -> [M]ultiple -> [J]untar -> Distancia aproximación (fuzz distance).

Supoñamos estas dúas liñas. (Si, os debuxos quedaronme moi grandes pero penso que coas imaxes é máis doado velo que cun parágrafo de texto).

orixinal

Tipos de juntas: Deberemos seleccionar o xeito de solventar a situación de entre as tres seguintes.

[A]largar: Funciona coma un CHAFLAN (_CHAMFER) a 0.
Alargar
A[ñ]adir: Engade o segmento que falta á poliliña.
Añadir
Á[m]bos: Esta solución seica tenta buscar unha das dúas solución anteriores en función da distancia de aproximación.

Podemos pensar que isto non ten moita utilidade. Agora un exemplo. Imaxinemos unha urbanización coas súas liñas de beirarrúa, beiravía, bordo. Ou mesmo as liñas que marcan as súas instalacións. Nese caso necesitamos medir o máis rápidamente posible. Se é unha poliliña temos posibilidade de facelo, se pola contra son liñas soltas, hai que levar o choio de unilas para facer a poliliña. Aquí é onde entra esta orde. Afinando ben a distancia de aproximación podense unir todas as poliñas, mesmo as que non se tocan, cun só comando. Veslle xa a utilidade?
Iso sí é aforrar traballo.

Chuzame! chuzame -

No responses yet

« Prev - Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume