Mar 19 2007

Restaurante Allo e Aceite

Published by emanem at 9:36 am under Gastronomía, Restaurantes

Os encontros de interese xeral non son do miña devoción. Por iso mentres medio pais estaba pegado á tele vendo o futbol, decidín que era un bo dia para visitar un restaurante recentemente incorporado ó grupo nove (cunha páxina que segue sen actualizarse), e do que tiña oído falar marabillas. Refírome ó Restaurante Allo e Aceite.
Chegamos a Marín en transporte público, para poder acompañar a cea cun bo caldo sen complicarnos a vida conducindo. Esta información aparentemente irrelevante, pode ser importante máis adiante.

O local

Allo Aceite LogoO restaurante, ubicado no núcleo urbano de Marín, ocupa o baixo dun edificio, e exteriormente está acristalado con grandes fiestras traslúcidas que amosan o seu logotipo.

No interior, unha barra aberta, tras a que se ve parte da cociña, recibe ós clientes do Allo e Aceite. Ó mesmo tempo á dereita ábrese un espacioso local que seguramente iluminarán polo día as grandes superficies acristaladas.

A primeira impresión, cheirar o delicioso aroma a cebola pochándose ou confitándose (máis tarde enteraríame que en realidade estaba a torrarse), recibiunos nada máis entrar. Un bo recibimento, na miña opinión.

O menú

Ademáis dos pratos de carta, o restaurante ofrecía un menú degustación de aniversario, cos pratos que máis éxito tiveran no seu primeiro ano de vida. Así que, sen pensalo nin un intre, e tendo en conta a nosa devoción por probar cantas máis cousa mellor, esa foi a nosa opción. Imos aló.

Aperitivo

Comezando fora de cartel, puidemos saborear unha sorprendente combinación, que de inmediato me lembrou o Sr. Gourmet de Provincias. Calamar con cabaza e gromos de rúcula. As rabas do cefalópodo (sorprendentemente delicadas) esbaraban lubricadas pola suave dozura da cabaza. Se isto é o aperitivo, apuntamos alto dende o principio. Presentado en copa de cóctel resultou un impresionte entrante, non so dende o punto de vista gastronómico, senón tamén visualmente.

Ensalada de langostinos en tempura

Non sei como presentarán os platos en mesas de máis comensáis, mais para dous apareceron cun prato central con todos os primeiros.

É verdade cos langostinos non son un prato da miña devoción, pero con esa fina tempura e a mahonesa de soia, como querendo dar un toque oriental, resultou un bo entrante. Ia acompañada dunhas follas de distintas leitugas (moura, rizada...). Tal como o vexo agora, non me sorprende tanto, pero creédeme se vos digo que me encantou.

As nosas croquetas

Merecen un artigo aparte. Baixo este sinxelo nome, se presentaron as parentes pobres da cociña. Recoñezo que non acostumo a tomalas normalmente fora da miña casa, precisamente por ser todo o contrario destas. Unhas xenerosas croquetas de bacallao e choco. ¿Por qué será tan difícil saber de que son as croquetas, normalmente só con bechamel uno seu interior?

A de bacallao era moi boa. Apreciándose perfectamente o peixe desfeitiño no seu interior e homoxeneizándose onde ten que facelo, no padal.

Croqueta de choco

Pero a de choco... ai! a de choquiños. Orixinal presentación do meu bicho de oito patas preferido. Ata me tomei a molestia de sacarlle unha foto ó interior. Fixádevos nos anaquiños do branco corpo do choco contrastando no fondo negro da súa tinta. Sen temor a equivocarme a mellor que tomei na miña vida. Dende agora tamén son as miñas croquetas.

Vieiras fritas con trigueiros

Ata non hai moito calquera presentación fora da tradicional deste molusco, chamaba a miña atención. Agora que tamén as preparo eu xa non me sorpenden tanto. Mellor dito: non me sorprendían, porque... ¿alguén vira unha vieira empanada? Sen querelo, o noso primeiro acto reflexo foi lembrar a fomosa frase de Faemino y Cansado: ¡empánalo, por lo menos! Pero risas aparte, o prato era toda unha sorpresa: unha boa vianda (parte vermella incluida) empanada nun crocante de millo realmente sorprendente, acompañado duns espárragos verdes e da cebola confitada cuio aroma nos recibira ó entrar pola porta. Por certo, que a receita, se alguén a quere preparar, pode atoparse na páxina web do restaurante.

Pescada do pincho con crema de pataca e allada

Hai pratos que non poden faltar nun porto de mar como Marín. Non sendo un prato nin orixinal nin sorprendente, o seu sabor era delicioso; a pescada no seu punto, a crema de patata ben suave, e a allada perfecta. Sen deixar de ser a tradicional caldeirada de peixe, a orixinalidade na presentación ( a única concesión á innovación eran unhas xudías á prancha), e a cocción do peixe no seu punto, farían calar a calquera. Incluso, a todos aqueles para os cales o peixe cocido non é prato da súa devoción.

Moscaico Allo e Aceite

Lombo de boi con queixo de Arzúa

E para rematar, un lombo de boi á prancha, que polo seu característico sabor pouco aderezo necesita. Acompañado de grelos, unha pataquiña cocida, e dunha espuma de queixo de Arzúa moi suave, foi un bo prato final. Sen querelo, lembramos ós que definen a nova cociña como cociña elaborada cando, en realidade, moitas das preparacións o único que buscan é sacar o sabor propio de cada producto. De feito, neste prato, só a espuma de queixo lle deu ese punto de diferencia que esperamos atopar cando imos a un lugar así, aínda que haberá xente que nunca tomou carne ou peixe a prancha ou asada con grelos.

Torrada feita ó forno e xeado de vainilla caseiro

Se a pinta era apetitosa, ó probabala desfacíase na boca, de xugosa e brandiña que estaba esta torrija. Xeado e crema refrescaban e suavizaban o noso padal, en perfecta harmonía.

Aquí é onde entra a importancia do uso do transporte público. Cando tes que conducir, unha copa como máximo dúas pode ser todo o teu contacto co viño. Neste caso, un Gaba do Xil 2006, que supoño recén sacado ó mercado, foi o noso singular e acertado acompañante. Con esta confesión, agardo compaixón pola vosa parte. Esquecín de que era a crema, e mil detalles máis, pero desfrutei máis da cea. Se fose un profesional, non tería este problema. Prometo poñer os medios para que isto non se repita... case nunca. ;-)

Vasiño de amorodos con tetilla

Aínda que na carta aparecía como vasiño, a nós servíronnolo en prato. Para os amantes do queixo de tetilla, a crema era incríble... e para os que non tamén. O xeado de iogur non lle quedaba atrás. Os amorodos non son de temporada precisamente, a pesares de que actualmente se podan tomar todo o ano. Seguramente en dous ou tres meses esta sobremesa sería un fora de serie. Outra crema que non lembro. As miñas desculpas de novo.

Cafés

Para acompañar o café, as sempre presentes trufas ( quén non gosta do chocolate?), e unhas gominolas de albaricoque do máis orixinais e deliciosas, cun toque de acidez final do máis sorprendente, que puxeron a guinda a unha cea redonda.

Mentres tomabamos o café foi cando se produciu o famoso incidente (famoso para min claro). Na saída botamos unha parrafada comentando o xantar, e ata nos acompañaron ata onde collemos o autobús de volta. Full service!

Un pouco de crítica

Todo o é pero a negativa tamén hai que incluila senon convirtese nunha louvanza. Non teñen que ver directamente coa cociña, pero tamén as vou comentar. Aínda que resulte pesado é unha cousa que valoro moito. O local completo é de fumadores. Non é igual de ningunha maneira que che reciba o perfume da cebola a se cociñar, ca unha onda de fume. A próxima vez que vaia, que xa ten data, publicarei unha reseña sobre este tema.

A segunda é sobre o nome. Por qué Allo e Aceite, e non Alioli ou Ajo y Aceite? Nin a carta, nin a páxina web (que por outra banda me gustou), teñen unha palabra en galego. Así que D. Pablo hai que poñerse as pilas...

Conclusión

Se temos en conta que está a cumprir o seu primeiro ano e que non se atopa nun concello grande, o seu mérito é doble. Por 29 euros, bebidas e I.V.E. non incluidos, podemos facer un amplo recorrido pola carta do Allo e Aceite.

Vexo aquí o camiño de Nove, que comentaba no blog do Gourmet, ó fío da discusión sobre a cociña contemporánea. Pratos con raices galegas delicadamente presentados, combinados con outros menos enxebres, na procura dun equilibrio sen estridencias, nin falsos artificios.

Ogallá teña moita sorte. Como xa comentei, nos voltaremos.

Chuzame! chuzame -

15 Responses to “Restaurante Allo e Aceite”

  1. xmanoelon 20 Mar 2007 at 4:19 pm

    Ahora comprendo o “famoso incidente”… Home, seguro que fixechedes fotos ata á esquina do mantel…. ¡¡Menudos espias que seríades!!

  2. Gourmetdeprovinciason 20 Mar 2007 at 10:42 pm

    Será o próximo que visite, antes de que suban os prezos. Ten moi boa pinta. E atención a unha inminente apertura en TUi que me soplou Pepe Solla e que promete estar nesa liña.

  3. makeijanon 20 Mar 2007 at 10:45 pm

    xmanoel: Coa miña cámara e estando sos. Era doado ser un bo branco, pero de aí, a saber o meu nome…

    gourmet: Quén abre o local en TUI?. Tamén se falou dun novo local de Solla en Pontevedra e non se sabe nada diso…

  4. Pabloon 21 Mar 2007 at 1:16 am

    Moi agradable a tua visita, da gusto ter xente que disfruté da nosa comida, xa te contarei como descubrín quen eras.
    O de Tui moi recomendable, aínda non abriu, pero está garantizado, Alberto e un bo cociñeiro e bo amigo e sabe como face-las cousas.
    un saludo e gracias polo post.

  5. makeijanon 22 Mar 2007 at 11:34 am

    Iso, xa mo contarás na próxima, que se todo vai ben, será en 3 ou 4 meses.  Xa chegaron catro críticas negativas os meus ouvidos, dende este post, pero só me souberon dicir que mal, pero sen concretar.

    O que teñen as opinións e que cada un ten a súa. Cada vez que vas a un local estás condicionado por unha chea de estímulos externos, que condicionan o que percibes.

    Si o local é frío ou que a carta non leve o IVE incluído nos prezos, son cousas que che poden sorprender e disgustar, ou que tamén che poden gustar pola sobriedade, ou estar acostumado a ler toda a carta, para ver o que está ou non incluido. Seguro que ninguén protesta porque lle poñan un aperitivo a máis que non aparece por ningures, nin que cobren o pan…

    Como penso repetir, xa me fixarei no resto das mesas para ver se me reafirmo ou teño que cambiar a miña opinión. De momento, suscribo cada vírgula e cada punto. ;-)

  6. Gourmetdeprovinciason 22 Mar 2007 at 10:43 pm

    Como xa aclarou Pablo, o que vai abrir en Tui non é Solla, senón Alberto, un rapaz que está a traballar agora mesmo con él. E fala estupendamente del (como o fai do Allo e Aceite, por certo). Saíndo de onde sae e con tan bos antecedentes haberá que estar pendentes.

    ¿Ata cando hai ese menú de aniversario con tan boa pinta? Non sei se darei convencido ás duas mozas da casa para este sábado, pero se non é este será en (moi) breve, que xa lle tiña ganas, pero agora…

  7. makeijanon 22 Mar 2007 at 10:52 pm

    Vese que Solla se está a converter nun viveiro de novos restaurantes ;-).

    Insisto en que alguén comentou algo dun novo local de Solla en Pontevedra, que non confundo co de Tui.

    Por certo, isto para todos. Para que apareza o post, hai que ir a Añadir una URL, e cubrir a palabra antispam. Sintoo, pero estou moi liado para amañalo (máis ben para cambiar de theme, que estou cheo deste…

    Como me chega igualmente o comentario ó meu correo acostumo a pegalo eu, pero como sodes habitúais, agradézovos que me aforredes o choio, e espero saibades desculpar as molestias.

  8. Clinetaon 23 Mar 2007 at 4:55 pm

    Hai que foderse, non sei cantos comentarios levo cun firme propósito: esta vez cubro tódolos campos. E volta a saírme o aviso de que non cubrira a palaba anti-spam e un pouco despois o comentario xa estaba publicado.Cousas da tecnoloxía

  9. makeijanon 23 Mar 2007 at 8:51 pm

    Sintoo… de verdade… a ver se na semana santa que estou castigado atopo un momento para amañalo…

  10. Blog de calvarison 17 Mai 2007 at 1:55 am

    Allo e Aceite…

    É curioso, porque pouco despois de levar a Laura a este restaurante en Mar í n, descubr í n no
    blogomillo un post nun blog dun presunto entendido (e non o digo por minusvalorar, é que non co ñ
    ezo realmente a s ú a formaci ó n :-) ) que fala do …

  11. calvarison 31 Mai 2007 at 8:01 am

    Escríboche polo comentario no meu blog. Permíteme pedirche desculpas pola redacción do post, pero de ningún intre tiña a intención de referirme a ti en xeito negativo, aínda que ben é certo que relendo o meu post se pode tomar por ese lado, pero de ningún xeito a miña intención era mala.

  12. makeijanon 31 Mai 2007 at 9:13 am

    Xa notei que non había mala intención, senon nin me tería molestado en contestar. Sería ridículo que me criticaras por unha banda, e logo concordaras coas miñas opinións.

    Un día destes tomamos un viño para celebrar tanto bo rollo ;-)

  13. […] Hai uns días o Gourmet de Provincias anunciou os resultados da votación do vindeiro restaurante que acollerá unha blogoxantanza. Será Pablo Romero o afortunado cociñeiro que nos deleite co seu saber, no seu local: Allo e Aceite, que os que pasades por aquí de cando en cando lembraredes. […]

  14. […] A miña opinión do Allo e Aceite xa a contei hai uns meses por aquí e non teño intención de cambiar nin unha coma. Así paso a comentar brevemente os pratos do menú que nos ofreceu Pablo, non sen antes comentar que a disposición das fotos non corresponde como é habitual ao orde de presentación, senon as miñas preferencias, destacando así os pratos que máis me gustaron. […]

  15. breogainon 07 Dec 2007 at 9:18 pm

    boa crítica, estou a un paso de Marin e abréuseme o apetito, terei que pasarme a probalo nunha “boa ocasión”.

    un saúdo.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume