Archive for Marzo, 2007

Mar 10 2007

Beastie Boys - Sabotage

Published by makeijan under Música

Hoxe mentras ía cara a Vigo para asistir ás clases presenciáis dun cursiño que estou facendo, escoitei, como ven sendo costume dende que comezou, Radio Oceánica. Gracias a isto das novas tecnoloxías non teño que oilo cando queren os da CRTVG, senon cando me ven ben a min. Eche o que che teñen os podcast.

Recoméndovos que o escoitedes cando toca en Radio Galega Música os domingos de 10 a 11 da noite, ou como fago eu. Todo o conto ven a que nunhas cuñas que meten polo medio do programa usan dous temas espectaculares. Un deles e este Sabotage do album Ill Comunication. É imposible oila sen moverse na silla... e xa ten 13 anos.

Aínda para os que non vos guste a música, mirádeo todo, porque o video sería un dos 10 mellores de todos os tempos. Esa estética de serie policiaca norteamericana dos setenta contrasta e combina ferpectamente. ;-)

A desfrutar...

Chuzame! chuzame -

3 responses so far

Mar 09 2007

Xantar (II). O menú México - Jalisco - Guadalajara

Published by moraiminha under Gastronomía

Seguindo coa crónica do Xantar 2007, tócalle agora ó que nos levou a Ourense: probar o menú mexicano. Antes de nada, dicir que chegamos perto das dúas e media da tarde, e o primeiro que fixemos foi localizar o restaurante. Como estaba cheo, reservamos mesa para unha hora despois, así que debemos ser dos últimos en xantar ese día, o que dalgún xeito tivo que influir no resultado final. Polo menos, quero pensar iso...
Dos tres menús que ofertaban, optamos por probar dous diferentes, para ter así a posibilidade de ver máis pratos; sobre todo, porque os restaurantes mexicanos que temos máis ou menos próximos ofertan todos as mesmas cousas (quesadillas, enchilada, carnitas... e pouco máis), e porque nos parecía esta unha boa oportunidade para comer algo totalmente novo.

Decidímonos polos menús nº1 (máis mexicano) e nº2 (máis internacional!?).

Os primeiros foron, con moita diferencia, o mellor de todo o xantar... por non decir case o único que pagou a pena. O nº1 era un plato sinxelamente espectacular: los chiles del septiembre de Iturbide (chiles en nogada). Con diferencia, o mellor de todo o que probamos, e o único que xustificou o noso desprazamanto a Ourense. Tratándose de chiles, calquera pensaría que se trataba dun prato picante, pero non, tan só picaba un chisquiño, segundo Makeijan, ó chegar ás sementes do pemento; eu nin me dei conta. O prato consistía nun gran chile colocado nunha folla de millo seca, recheo de carne e verduras, e cunha salsa impresionante de queixo e noces que cubría todo o prato, decorado cuns grans de granada realmente doces. Exquisito, e totalmente diferente, como xa adiantaba, do que adoitan a server nos restaurantes mexicanos. No nº2, o primeiro prato era aguacate de Comala; medio aguacate realmente xeitoso e no seu punto de madurez, cunha vinagreta de camaróns, palmito, ovo cocido e pemento verde, todo moi ben picadiño. Un prato fresco, e sabroso, pero que despois de probar os chiles en nogada non sabía a nada. Aínda estando ben bo, que conste.

Mosaico Menú México en Xantar 2007 - Ourense

E dende ahí, fomos en picado.

O segundo prato foron unhas cremas. A mexicana, de Coyoacán; é dicir, de frilojes negros, epazote e viño tinto. Gosto das cremas e dos legumes, pero neste caso o sabor dos feixóns quedou totalmente agochado detrás do viño, que non sei que sería, pero a min sabíame a Barrantes. A internacional, era a crema el viejo progreso, de queixo cotija (que o menú definía coma roquefort al chipotle; eu non son unha tola dos queixos (máis ben ó contrario), pero tampouco a Makeijan lle dixo moito a crema en cuestión, e el si morre por esta preparación do leite.

¿Que dicir do terceiro prato? O do menú nº1, el lenguado de careyes; teoricamente, bañado nunha salsa de pepitas de cabaza, aínda que eu diría máis ben que unha salsa do máis insulsa afogaba un peixe que xuraría que nin era lenguado, nin nada semellante, imposíbel de identificar nin por sabor, nin por textura, nen nada. E o do menú nº2 non quedou atrás: un solomillo mexica, con salsa de Huitlacoche, un fungo do millo que seica era manxar dos emperadores aztecas. En fin... a apariencia non invitaba precisamente a probalo, pero o sabor tampouco nos dixo moito, aínda que tiña unha textura moi suave. Non axudou nada que a carne estivera bastante seca e dura. Do arroz que acompañaba ós dous pratos non é preciso falar.
Chegados ó postre, xa non tiñamos moitas espectativas no que podíamos atopar. Por unha parte, un pasteliño azteca. Ou sexa, de chocolate, con xelado de chocolate, e colocado sobre un fío de chocolate líquido (que me pareceu o mellor do prato). Tendo en conta a calidade deste deste producto en México, non cumpriu co que prometía, igual porque o pastel estaba demasiado seco. E o do nº2, crustillante de plátano con salsa de cajeta; tendo en conta o que custaba o menú, pareceume un postre bastante pobre, pois as canastillas parecían de feituría, e apenas tiñan un cachiño de plátano e algo de doce de leite.

Todo, regado cuns margaritas, que empezamos na barra mentras esperabamos a que nos colocaran a mesa, e unha Coronita. Do café de Veracruz que aparecía na carta, nada soubemos.

Na vindeira viaxe a México non nos verán por ese restaurante...

Se queredes ver outra visión, do mesmo prato visitade a páxina do mestre Colineta, aínda que cando menos nesta ocasión, coincidimos bastante, cousa que non extrana en absoluto.

Chuzame! chuzame -

One response so far

Mar 07 2007

Orujo de Galicia, Licor de Café… de que planeta son?

Published by makeijan under Batallas, Gastronomía, Persoal

Hoxe tiña que seguir co de Xantar, pero cando comecei escribir o da cata, foiseme a pinza cunha conversa que tivemos alí. Esas inquedanzas que tes dende hai tempo, pero nunca tes a ninguén axeitado para dicirllas (isto collera sentido nunha vindeira historia).

Por qué carallo a denominación de orixe do augardente galego é Orujo de Galicia? Moito máis coherente é que a páxina estea só en castelán, e os desatinos reaparecen ó ver que dependende da Xunta, e máis concretamente de Medio Rural. Se comparades o selo de Medio Rural coa da Denominación de Orixe, veremos que non son iguáis. Semella que iso é todo o que vai facer a Consellaría. Do Ministerio xa non falamos que este traduce todo é vía.
Sen dúbida hai outros desatinos neste aspecto. Aí temos Ternera Gallega e Lacón Gallego, pero Orujo? Hai unha palabra máis fea no mundo? Alguén escoitou nun bar traeme Orujo para o café? Se os madrileños toman pacharán ou chinchón!

Outro conto. Quén oiu aquí a alguén chamarlle ó licor café , licor de café? Pois alá van os de Vitivinícola del Ribeiro a chamarlle licor de café. Conste que haberá máis adegas que o fagan, pero esta amola especialmente porque está bo, cousa que non se pode dicir de todos. Novamente Medio Rural ten un selo que non aparece na páxina de Orujo de Galicia por ningures.

Non lle vou dar máis voltas. Só contarvos unha pequena batalla. Hai anos tiven unha moza madrileña. Nunha viaxe que fixen a Taramundi leveille ós seus pais unha botella de Licorcafé do que fai a miña nai coa sua receita portuguesa segreda. A conversa sería máis ou menos así.

  • De parte de mi madre una botella de licor café.
    • ¡Ah! Gracias. Licor de café
  • Si eso, licor café.
    • Bien, me encanta el licor de café.

Xa foi hai ben tempo, e cando vas invitado non te vas poñer a berrar. Penso que ata levaba una etiqueta desas que lle facía eu por ordenador, e seguro que se a tiña poñía licor café. Nesa viaxe tamén aprendín que en Taramundi se falaba en galego, e que teñen uns queixos e un aceiro moi bo. Se algún día ides por alí, ambos son obrigatorios.

Corolario: Taramundi non ten a culpa de que algúns madrileños non entendan o concepto licor café.
Para rematar relaxando un pouco este momento reivindicativo que me dou, ligo a unha das grandes páxinas de internet de todos os tempos, que anda de capa caída ultimamente, pero para quen non a coñeza, poderá pasar un rato simpático visitándoa. Pensaba fusilar a foto, pero non me parece axeitado. Mellor vela no seu sitio.

Chuzame! chuzame -

7 responses so far

Mar 05 2007

Xantar. 8º Salón Galego de Gastronomía e Turismo (I)

Published by makeijan under Gastronomía

Está fin de semana fomos a Ourense. Tiñamos unha chea de plans que se viron desbaratados por un problema co noso aloxamento, así que reducimos as visitas a unha e eleximos unha experiencia gastronómico-festiva que nunca tiveramos (e credeme cando digo, que nin pensara nunca ter).

Papel mexico

De qué vai este conto?

Xantar é un híbrido entre unha festa gastronómica e unha feira de mostras que se celebra anualmente en Expourense. Para quen nunca estivera alá, vou explicar un pouco a distribución. Basicamente está dividido nunha zona central formada por distintos restaurantes que ofrecen unha variedade de cociñas principalmente galegas, portuguesas e españolas, dende A Guarda ata a Mariña Lucense, do Alto Miño ata Évora e de Asturias a Andalucía. Este ano a maiores estaba como país invitado México, e ese foi o noso menú elexido, aínda que quedará para unha vindeira ocasión a crítica, para que non se faga moi longa esta entrada. Volto ó fío. Rodeando os comedores están unha serie de expositores de diversos productos gastronómicos e turísticos dos que deseguido farei unha pequena escolma. Ademáis hai unha serie de actuacións que lle rematan por dar o toque romaría, e que afortunadamente evitamos polo horario que escollemos para a nosa visita.

O plan

A nosa idea era facer un viaxiño a Ourense, probar os famosos Chiles en Nogada, ver de que ía iso de Xantar, visitar as Termas A Chavasqueira (cousa que lle recomendo a todo o mundo) e voltar cedo para a casa.

O que realmente pasou

Como dicía Hannibal Smith no Equipo A: Me encanta que los planes salgan bien. O noso saíu mellor do esperado, pero variou sensiblemente respecto do inicialmente previsto.

Chegamos xusto á hora de xantar: ás 14:30. Fomos deica o restaurante Méxicano e pedimos un sitio. Estaba cheo a plan, co que nos vimos na obriga de pedir mesa para unha hora despóis e aproveitamos ese tempo para dar unha volta polo resto da feira, xusto no momento que todo o mundo andaba a comer, e se estaba moi tranquiliño.
Alí tropezamos ven cedo co stand de Viña Costeira. Aceptamos gustosos a invitación a probar o seu Ribeiro, e foi cando se trastocaron os plans. Aparece o Tostado de Costeira (ligo á cata de Galicia Gastronómica, por non atopar unha páxina oficial distinta da de reserva). Xa oiramos falar del, pero gastar 78 € nun viño sen probalo parecíanos un pouco arriscado, máis sendo relativamente novo coa súa primeira saída ó mercado a finales do 2005. Comentáronnos que habería unha cata de augardentes ás 17 h., no que poderiamos probalo e cadraba perfecto coa nosa sobremesa, así que para alá o deixamos, e de momento tamén esta historia. (Moito vai dar de sí a viaxe).

Tostado de Costeira

No noso paseo tamén probamos un Alvarinho Portugués que defendía vehemente o seu distribuidor, pero non chegou a convencerme, nin o nome lembro. Case fronte a el, unha cooperativa, tamén do veciño pais, ofrecía aceite da D.O.P. Trás-os-Montes, concretamente de Murça. Gracias a iso descubrin, que nesa pequena localidade además de aceite hai unha porca granítica (que en realidade seica é un oso), que da nome a aquél ouro líquido. Aínda non o probei pero apunta ben, entre 0,2º e 0,4º de acidez, extracción mecánica..., xa vos falarei do Azeite Virgem Extra Porca de Murça.

Tamén probeamos unha barriña de chocolate quente con azucre de caña, que nos obrigou a mercar unha tableta para alongar na medida do posible aquel placer. É dun artesán chocolateiro valenciano (sí que veu de lonxe), chamado Comas, e só ver aquel posto era a gloria, tiña xabón de cacao, o cacao en gran, ata chocolate dietético para diabéticos e todas cantas formas se vos ocorran. Non bombóns e caralladas. Chocolate. Cando probe a tableta xa darei máis señas, se realmente paga a pena. De entrada se tropezades con el, probade a barriña que vos digo. Un pecado.

Anecdoticamente salientarei esta fermosa peza de cecina enteira exposta no comedor da Comunidade Castela e León. Qué fermosura! Nunca vira un xamón de vaca nunha peza enteira.Cecina de León
Ou o Caipiródromo que xa tiña preparadas unha chea de copas para bulir ante a demanda que logo se produciría. Sobres as catro e media cando acababamos de comer xa estaba aquilo de bote en bote. Sendo amantes confesos de tales combinados tropicales, a conducción e o alcohol, fan unha parella que nos evitan disfrutar deles fora da casa. Decidimos disfrutalo na nosa casa, que non por ter o pelexo pálido imos deixar de facer unhas caipirinhas decentes.

Caipiródromo

Finalmente salientarei a presenza dos Daveiga coas súas galletas mariñeiras con stand propio e o seu producto en varios postos como acompañamento. Ata aquí nada moi espectacular, pero unha experiencia simpática cando menos. Iso sí, aínda falta o mellor.

Chuzame! chuzame -

One response so far

Mar 04 2007

P.J. Harvey - That was my veil

Published by makeijan under Música

Non son un fan de P.J. Harvey. Gustame moito, vina en directo, a última vez nun memorable concerto en Paredes de Coura, pero só teño 3 ou 4 discos dela. Teño bandas favoritas por suposto, pero cos anos medra a actitude crítica, e as cousas vanse poñendo no seu lugar. Se o teu grupo preferido saca un disco que é lixo, dise e punto. Non son mellores ou peores, non hay grandes discografías perfectas. Si pode haber grupos que sacaron un ou dous discos espectaculares, pero non é o mesmo.

Este debe ser un dos discos que máis me custou acadar. Alá polo 98 decidín que debía ter esta canción nas miñas máns e encargueino na tenda TIPO de Santiago. Non sei cantas semanas fun por alí, a escoitar: "Aínda non chegou, proba a semana que ven",  para logo pagar 3.500 pts das de aquela... non o ía deixar alí... non me arrepinto nadiña e iso que non son un fan.

Tremendas xoias ten este dísco coma Rope Bridge Crossing ou Civil war correspondant (no video despóis de Joe, no minuto 3:00)  e paro porque é unha das reliquias da miña pequena discoteca.  Con tanta leira xa esquecía dicir cal é: Dance Hall at Louse Point. E o causante de todo este rebumbio é o tema That was my veil, que escoitei seguramente no mítico programa De Cuatro a Tres dirixido por Paco Pérez Bryan onde peregrinaba relixiosamente todas as tardes das fins de semana.

Espero que desfrutedes dela tanto coma min.

E pensar que creei esta sección para que me dera pouco choio. Vou ter que ir ó médico.

Chuzame! chuzame -

No responses yet

« Prev - Next »

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume