xun 01 2007
Unha boa recomendación: Ricos de Melide
Nunha recente viaxe a Lugo que non tiven tempo aínda de relatar, fixemos unha paradiña en Melide. Guiados polas sempre excelentes recomendacións de Gourmet de Provincias, andivemos á procura dos Ricos. Son estas unha especie de galletas alongadas, nas que hai roer un bo ratiño, e que teñen un sabor a tona ou manteiga, que me trasladou a momentos felices da infancia nos que a miña nai preparaba unhas inesquecibeis galletas de nata, pero con nata do leite (ciencia-ficción hoxe en día).

Na foto compáranse dous fermosos exemplares de Ricos. A nosa primeira incursión na vila foi nun supermercado, obrigados polas compras de última hora, e sen querelo tropezamos cunha bolsiña deles (os da dereita) e xa caeu no noso cesto. Mentres roíamos neles, visitando a feira que nese momento estaba ben concurrida, pasamos a zona peonil, e vimos outro feixe deles xunto duns melindres nun vello escaparate. Alí mercamos o exemplar da esquerda, en realidade ese e uns cantos compañeiros que xa non se atopan entre nos. Vou indicar unha situación aproximada da panadería artesanal á que me refiro,da que non lembro o nome nin me lembrei de sacar unha foto. Aínda sendo pouco precisa non penso que teña fallo atopalo, porque a vila non é moi grande, e parte vella aínda menos. Unha señoriña de máis que avanzada idade atendía aquel local, que non foi renovado en 30 anos sen temor a equivocarme. Ovos, melindres e ricos, son as lembranzas que me quedan dese lugar, que se convertirá en lugar de peregrinaxe no meu paso por Melide.
Deixarei unha ligazón a unha pequena reportaxe presente en Galicia Gastronómica para os interesados na elaboración dos mesmos, e non só en papalos coma min. ;-)
chuzame -





Ricos si, pero como para ter unha dentadura un pouco feble.
:-)
Por certo, comentoume un paxariño (barbado e blogogastrónomo, para máis sinais) que en breve andaríades por Asturias. Se ides con tempo e ganas parade na pastelería Palermo, en Tapia de Casariego. Só hai que entrar na vila pola primeira desviación sinalizada, pasar a praia e chegar á altura da gasolineira. Está xusto do outro lado da rúa. E paga a pena, especialmente (para min) o pastel de mazá asada e chocolate negro.
Coñezo os ricos. A nai do meu compañeiro é de Melide. E coñezo a pastelería antiga e artesana da que falas e a pasteleira. Dende logo necesitas bos dentes para os ricos, pero con mollados no café ou nun Oporto, reblandecen, e están de morte!