Xun 11 2007
Inauguración da Adega Viña Moraima
Non che estou afeito a ter unha vida social tan activa coma a desta fin de semana, e aínda sen terme recuperado totalmente dun día tan intenso, paso a relatar brevemente o que aconteceu na inauguración da Adega Moraima.
Despois de algo máis de dous anos de traballo viu a luz oficialmente Moraima, un caldo 100% Albariño pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas, da subzona de O Salnés en Barro (Pontevedra); e a pesares de ser este un concello ó que viñeron mercar uva albariña adegas de outras subzonas, esta é a primeira cooperativa de veciños que se unen nunha iniciativa conxunta para procesar esa materia prima, e obter un valor engadido que quede no propio concello.
Non se trata dunha adega que invertira en ladrillo (como gustan de dicir os socios). Así, non se aloxa nun edificio singular, nin ten un fermoso viñedo ó redor, en definitiva non esperedes atopar unha especie de Falcon Crest se visitades a adega. O viño é o único importante alí.
Como hai que vendelo, os 11 implicados nesta aventura, argallaron un pequeno acto de inauguración, para presentarse en sociedade, e anunciar que Moraima está no mercado.
A mañá
Para adaptarse á axenda do Conselleiro de Medio Rural, houbo unha pequena presentación pola mañá. Alí estiveron Alfredo Suárez Canal, e o delegado provincial da consellería, Gonzalo Constenla. Na imaxe vémolos atentos á explicación de Salomé Cancela, unha das cooperativistas, tamén coñecida como moraiminha.
Isto foi ás once da mañá, co que as doce eu xa levaba tres Moraimas enriba, e decidín que era moi cedo para abusar.
A tardiña
Ás 19:30 comezaba o acto oficial. Uns 250 invitados facían acto de presencia, entre os que salientarei ós blogogastrónomos que se animaron a compañarnos. Ós señores de Geiko que desgraciadamente tiveron que abandoarnos antes de probar o viño, por un compromiso previo. Tamén estaba Manuel Gago autor dunha das primeiras críticas de Moraima, e deixo para o final a Soledad Felloza, que deixou a súa pegada coma mestra de cerimonias.
E de novo, a visita de autoridades pola tarde. Gonzalo Constenla repetiu, nesta ocasión acompañado de Maika Larriba, Delegada Provincial da Consellería de Presidencia. Ambos tiveron unha pequena intervención, ó igual que a Vicepresidenta Salomé Cancela, e o Presidente José Bermúdez. Finalmente, Sole fixo un brinde cos versos de Celso Emilio Ferreiro do mesmo nome , e ó tempo que finalizaba o acto protocolario, comezaba a degustación, mentras Isa nos deleitaba coa súa voz e a canción de Moraima que Ana Belén canta con Milladoiro. A festa alongouse ata pasada a unha da mañá para os máis reaccios a finalizar o día. Entre os que, por suposto, me atopaba... A
Remato esta pequena crónica coa foto de dez dos socios xunto a Soledad Felloza. Falta Tino González que non puido acompañar ó resto dos fundadores por motivos familiares.
Non me considero suficientemente obxectivo para falar das características do viño, esa xa é labor dos entendidos. Eu confórmome con seguir disfrutando de Moraima.
chuzame -




