Xull 11 2007
A Estación. Cambre. III Blogoxantanza
Desordeado prólogo
É curioso o que sinte un cando chega unha nova xantanza. Semella que vas ver a vellos amigos, cando realmente só nos coñecemos dende hai 9 meses. Ben, iso algúns porque nesta ocasión por Laconada, oblog gastronómico colaborativo, apareceron Ruth e Juankar, e tivemos como invitado especial de última hora a Gonzalo de El Mercadito, que seguramente estaba a investigar o noso modus operandi con vistas nunha vindeira visita ao seu restaurante, por parte da temible banda dos Blogogastrónomos ;-).
Penso que foi na I Blogoxantanza, Sole comentou que no seu pais falar de comida durante o xantar era unha falta de educación, e ben pensado é comprensible. Isto viña a conto, porque un dos principais temas de conversa era naquela ocasión, como non podía ser doutro xeito, experiencias pasadas neste fascinante mundo. Lembreime desta anécdota, nos primeiros impases da reunión, cando xa se estaba a falar da versión 4.0, sen tan sequera ter comezado a esfollar presente edición.
Unha vez demostrado que nunca se debe escribir cando levas 3 copazos de máis, anotación que deixarei sen editar para escarnio público da miña triste persoa, procurarei centrar a miña atención na descripción de tan magno evento.
Ao miolo
O restaurante A Estación atópase en Cambre (A Coruña), nunha antiga estación do camiño de ferro. Polas luminosas fiestras vense pasar os trens, que xunto á decoración do local, fai que un se sinta no vagón-restaurante dun que circula en sentido contrario.
Para os que non poidades esperar, ou non queirades aturar á miña versión de tan magno evento a tradicional imaxe do menú degustado, saciará a vosa curiosidade.
A entrada no reservado no que se serviu o ágape, levou a un Oh! colectivo. Unha fermosa mesa cadrada que nos distribuiría de a catro en cada lado da mesma, despregaba na súa superficie o máis fermoso dos recibimentos, con pétalos de rosa nunha ampla gama
de laranxas e marelos deitados cunha elegante improvisación e uns marabillosos centros de pementos e flores da mesma variedade sobre pratos igualmente cadrados de estaño, que non me pararei a describir maís pero vos animo a buscar fotos mellores ca miña, nas que se poida apreciar a efímera beleza daquel momento.
Coa mesma sinceridade, que digo unha cousa, teño que mencionar o que non me agradou tanto. Os cinceiros aparecían pola mesa coma Amanitas Phaloides nun piñeiro cheo de Lactarius Deliciosus... ou Lactarius Sanguifluus un dos meus descubrementos, xa que tiven o privilexio de que sentara ó meu carón Gonzalo, co que mantiven unhas instructivas conversas, que xa comentarei máis adiante. Afortunadamente, a impecable educación dos presentes fixo innecesaria a presenza dos mesmos.
Pasemos pois a describir lixeiramente o amplo menú degustado, asistidos polos mosaicos aos que vos teño acostumados.
Xoan Crujeiras comezou cun clásico no seu restaurante: a degustación de aceites. Dúas opcións acompañadas de sal maldon, das que só lembro unha, a que máis me gustou; Marqués de Griñón Capilla del Fraile 2006 (penso). O invitado pobre da mesa, o pan, deslumbrou os convidados que me flanqueaban, Chus e Gonzalo.

O seguinte prato aparece como se fosen dous distintos na relación de pequenas sorpresas de Xoan, pero tal como foi presentado forma un dos pratos máis longos que tiven o gusto de saborear nunca: Bombón de foie gras de parrulo e chocolate especiado con carpaccio de polo piñeiro e cítricos. A noite anterior anunciaba un prato con foie, pero non me refería a isto en absoluto. A presentación dunha cereixa de chocolate , cunha carabuña de foie, non se aprecia na miña imaxe, pero crede que foi unha magnífica posta de longo. O carpaccio de galiña piñeira, ingrediente que voltará a aparecer, e nesta presentación onde se apreciará mellor o seu sabor. Do mellor.
A sardiña mariñada, queixo de Arzúa e tomate foi a primeira aparición do peixe de tempada. Unha refrescante receita de verán, regada con auga de tomate, que foi engadida tras a presentación na mesa. Non nego que fose unha boa presentación, mais aínda non topei un xeito mellor de tomalas, que asadas, postas enriba dun anaco de pan de millo, e dando boa conta delas coas mans, e chuchando os dedos. Prexuizos que ten un.
Seguindo co peixe azul e de tempada, contamos ca presenza dun Atún mariñado ó forno con salsa de iogur de lima e aguacate, que ia sobre unha variada ensalada de gromos varios, eiruga (rúcula), espinaca vermella, e outras herbas descoñecidas para min, que a converteron na máis variada das que teño visto. O atún seguramente preparado nunha peza, e retirados os toros despois para que non secara en exceso, gran perigo desta especie, estaba completamente cru no seu centro e mollado cun prebe de curry, que lle daba un toque exótico. Un bo exemplo de fusión.
Voltamos á terra co Canelón de polo piñeiro con salsa de olivas negras, segunda aparición deste ingredente, porque como nos confesaría o propio Crujeiras cando nos veu saudar, realizaran unhas xornadas sobre el recentemente.

Voltaba o peixe, mais branco desta volta. Mero, mexilóns, coprinus e emulsión de escabeche . Como sempre di a miña nai, se a cousa é boa, non hai que facerlle moito. Á prancha, facía unha boa combinación cos mexillóns, mais os coprinus atopeinos un pouco fora de lugar. Foi Gonzalo quen me dixo que xa se cultivaba esta variedade, cousa que descoñecía, e supoño que o problema estaría aí, porque a textura era coma de champiñons de lata. A emulsión tentarei copiala, que invento.
Fin da cociña aquí. Carne do país á grella acompañada de patacas en láminas fritidas e pementos de padrón. O que máis que me gustou deste prato, que por outra banda non ten moito que facer, polo mesmo que comentaba no mero, e que foi presentada coa súa graxa. Estou cheo de tanta limpeza na carne, da demonización da graxa, da pel do peixe, das cabezas do marisco, etc. O sabor, a verdadeira esencia de moitas cousas que comemos, está no que moita xente despreza. Noraboa Xoan por presentala así.
Aínda que poida parecer un desprezo, esta, non sei como chamarlle, transición entre o xantar e a sobremesa, foi das cousas que máis me chamou. Se puidera elexir que me deran a receita dun dos pratos sería esta: Te con leite e limón. Lixeiro, suave pero saboroso. Refrescante para apousentar e apagar os sabores salgados, e prepararnos para a Repostería.
Eu esperaba un Gin Fizz coma coctel, do que tiña lido falar en repetidas ocasións, e que quedará para unha vindeira visita. O que nos tocou foi unha Piña colada, ben apropiada para o verán a particular visión de A Estación deste coctel, coa súa crema de piña, e xeado de coco, e uns cubos como de galleta. Supoño que levaría ron porque é o seu, pero non o cheguei a percibir.

Milfollas de chocolate e laranxa con xeado de chocolate Jivara Lactee. O milfollas de chocolate, era dunha beleza que me obrigará a ligar unha foto de detalle cando a atope. Cun chisco de sal por riba, encantoume.
As Trufas de chocolate e mini oreo. Mentras Nabisco non lle reclame dereitos sobre a marca, Xoan poderá utilizar as mini oreo, como símbolo do seu local. Un bocado delicioso presentado nunha caixiña, que ben podería utilizar para promocionar o seu restaurante, para que acoderan os comensáis tras el cal moscas atrás do mel.
Non mencionei o viño, por dous motivos. Un que Moraima facía presenza para os blogogastrónomos que non puideron asistir a presentación e por ser parte implicada prefiro non facer valoracións ao respecto, aínda que hai que dicir, que o viño chegou un día antes ó restaurante, e necesitaba máis repouso antes de tomarse. Con isto quero dicir que está mellor aínda do que estaba o sábado ;-).
O Pagos de Gallir a penas o tomei porque tiña que conducir, pero haberá que probalo con calma, porque non me soubo coma un viño galego ao uso.
Epílogo ampliable
Superarse en cada edición para 9 meses que levamos de paseo, é moi complexo, e supoño que sempre será así, unhas cousas máis outras menos. A cociña de A Estación está forte mente enraizada no noso mar e a nosa terra, pero sen prexuizos á hora de combinar elementos doutros lugares. E aí onde está a súa maxia.
Teño máis que escribir pero isto xa é moi longo, se teño tempo farei a crónica social próximamente.
E agora vou voando ler as opinións dos máis espilidos compañeiros de mesa, que xa teñen dende hai uns días as súas opinións colgadas, pero procuro non ler antes de facer a miña, para non distorsionar a miña opinión.
Xa lín as de:
- Gourmet de provincias y su perro gastrónomo
- Capítulo 0
- De pinchos
- La caja de los hilos
- Colineta
- Laconada
- Pantagruel supongo
chuzame -





Varias cousas:
Como xa dixen no meu blog, unha das cousas que máis me gustan das Xantanzas e ver como todos temos puntos de vista tan diferentes (por exemplo en canto ós pratos preferidos: no meu caso entre a sardiña e o mero, no de Colineta o canelón…). Outro tanto en canto ós estilos á hora de escribir dunha experiencia común que queda multiplicada deste xeito.
E un par de puntualizacións. A primeira é que descoñecía o nome galego da eiruga. Despois diso, só dicir que un dos vexetais da ensalada era a Mizuna (da que vos falara no coche indo para a II Xantanza), un pariente nipón do grelo e, por último, coido que o mero era ó forno e non á prancha.
Gracias pola información e actualizacións, penso que na vindeira ocasión, terei que aprender de Colineta e levar unha gravadora para ir tomando notas verbáis. Moito máis doado que tirar de memoria… ;-)
Tamén quero reiterar o meu agradecemento polo traballo que levas a organizar estes eventos.
[…] Non hai home… « Moraima nos medios A Estación. Cambre. III Blogoxantanza » […]
[…] E finalmente chegou. Temín que me pasara coma co Gin Fizz de A Estación e quedaramos sen probalo, pero a deusa fortuna estivo do noso lado e cando vimos que o preparaban na barra da cociña, á nosa beira, respirei aliviado. O famosísimo Tomate Kinder estaba ante nós. Unha fermosa peza, pousada sobre un saborosísimo aceite, coroado por cristáis de sal maldon. Aparentemente sinxelo, mais o interior non era o tomate. A semente foi extirpada por un furado segredo, e unha salsa semellante á rosa ocupaba o seu lugar. O sabor intenso a tomate era o máis salientable, a parte da técnica, por suposto. Afeito como estou a disfrutar de tomates de verdade, notei menos o cambio. […]