Xull 30 2007
Erro (0×000014c9),5321 en BAB r11.5 sp3 (I)
As voltas que dan as cousas. Hai un tempo tiven un problema. O disco c: do servidor estaba petado, e iso facía que non puideran acceder os usuarios, que se corromperan os perfís, e outros efectos colaterais dos que prefiro non lembrarme. O feito é que solventei os efectos pero non amañei o problema de raiz. Craso erro, do que dou unha breve explicación a continuación.
Primeiro problema
Un bo día cheguei ó choio, e todo o mundo estaba ocioso. Sorprendeume, pero pensei: "O xefe non está". Así como vou entrando e mentalizándome para unirme ó grupo de ociosos traballadores, dime unha compañeira: "Está todo o mundo parado, porque ninguén pode acceder ao servidor". Os meus plans cambiaron radicalmente.
Dirixinme o noso armario, e alí atopei unha situación insólita:
%systemdrive% tiña de espacio libre libre 0 kb !!!
Iso non era normal, e explicaba perfectamente o comportamento do servidor. Agora había que procurar o problema.
Diagnosticando
Primeiro abrin o exploradorde windows. Non lembro canto tardou. De feito coido que finalicei a tarefa, e optei pola consola e o comando dir.
Apareceron centos, ou mellor, miles de ficheiros cst*.tmp. Qué proceso os tería creado?
Atopei unha advertencia no visor de sucesos (que non teño documentada) á procura da cinta. Esquecín introducir a cinta de backup, e a aplicación tiña un erro, que xeraba un temporal en C: cada pouco tempo. Toda a noite a pedir a cinta, doulle de sobra para encher o disco.
Todo isto atopeino no KB de CA, que non son tan listo ;-).
Solución
Agora só queda amañalo, para o cal:
- Hai que eliminar os temporáis.
- Deberemos parchear o BAB para que non se volte repetir a situación.
Para o primeiro paso, a solución da liña de comandos foi a máis efectiva:
del c:\cst*.tmp
Iso sí paciencia, que a cousa vai con calma...
Para o segundo problema, hai un parche, pero para aplicalo necesitaba aplicar un service pack, así que non quedou máis remedio que descargar SP3, instalalo e pregar ;-).
Deste xeito amañei un problema, pero desgraciadamente apareceu outro uns días despóis, que tratarei na segunda parte.
chuzame -





[...] Despois de tanto ocio igual hai que poñerse con algo productivo, que xa hai máis dun mes da última anotación práctica. ;-). Continuemos pois co… [...]