Erro (0x000014c9),5321 en BAB r11.5 sp3 (I)

As voltas que dan as cousas. Hai un tempo tiven un problema. O disco c: do servidor estaba petado, e iso facía que non puideran acceder os usuarios, que se corromperan os perfís, e outros efectos colaterais dos que prefiro non lembrarme. O feito é que solventei os efectos pero non amañei o problema de raiz. Craso erro, do que dou unha breve explicación a continuación.

Primeiro problema

Un bo día cheguei ó choio, e todo o mundo estaba ocioso. Sorprendeume, pero pensei: “O xefe non está”. Así como vou entrando e mentalizándome para unirme ó grupo de ociosos traballadores, dime unha compañeira: “Está todo o mundo parado, porque ninguén pode acceder ao servidor”. Os meus plans cambiaron radicalmente.

Dirixinme o noso armario, e alí atopei unha situación insólita:

%systemdrive% tiña de espacio libre libre 0 kb !!!

Iso non era normal, e explicaba perfectamente o comportamento do servidor. Agora había que procurar o problema.

Diagnosticando

Primeiro abrin o exploradorde windows. Non lembro canto tardou. De feito coido que finalicei a tarefa, e optei pola consola e o comando dir.

Apareceron centos, ou mellor, miles de ficheiros cst*.tmp. Qué proceso os tería creado?

Atopei unha advertencia no visor de sucesos (que non teño documentada) á procura da cinta. Esquecín introducir a cinta de backup, e a aplicación tiña un erro, que xeraba un temporal en C: cada pouco tempo. Toda a noite a pedir a cinta, doulle de sobra para encher o disco.

Todo isto atopeino no KB de CA, que non son tan listo ;-).

Solución

Agora só queda amañalo, para o cal:

  1. Hai que eliminar os temporáis.
  2. Deberemos parchear o BAB para que non se volte repetir a situación.

Para o primeiro paso, a solución da liña de comandos foi a máis efectiva:

del c:\cst*.tmp

Iso sí paciencia, que a cousa vai con calma…

Para o segundo problema, hai un parche, pero para aplicalo necesitaba aplicar un service pack, así que non quedou máis remedio que descargar SP3, instalalo e pregar ;-).

Deste xeito amañei un problema, pero desgraciadamente apareceu outro uns días despóis, que tratarei na segunda parte.

Publicado en BrightStor A.B.,Cómo amañei...? | 1 Comentario

Tatuaxe… extrano?

Disque hai xente para todo, e este é un exemplo dos que confirman a sabiduría popular. Eu non son de mutilacións corporáis, nin perforacións, nin tatuaxes… Non quero que se me malinterprete. Quero dicir que a min non me gustan e non teño pensado pasar por unha tortura dese tipo, pero que cada un faga o que queira co seu corpo.

Agora vou amosarche unha imaxe. Qué ves aquí?

Tatuaxe debian

Haberá quen nestaa foto só vexa unha especie de espiral, e quen vexa… o logo de Debian. Para os que pertenzan ó primeiro grupo tiraremos de wikipedia para cultivalos.

Un cachiño da foto orixinal, será máis esclarecedora.

Tatoo debian

Agora ven a parte negativa do asunto. A rapaza (Elisa non vou dar o teu nome, para manter o anonimato) ten un portátil con Windows Vista, e a función do debuxo é estético-sentimental, moi alonxado da visión romántica do software libre, que poderiamos imaxinar.

Publicado en Batallas,Intres,Persoal | Comentarios cerrados

Tartar de bonito e guacamole sobre galleta mariñeira

Ante o reto lanzado por Colineta, engadimos unha nova receita coa base da galleta mariñeira, que agardo deleite a quen se anime a imitarnos.
Antes de comezar quero salientar que os ingredientes foron elexidos en función do que tiñamos por casa, e penso que agás o bonito e o aguacate, todos poden ser substituidos, engadidos ou eliminados, con similares resultados, pero matices máis cercanos ós gustos de cada un. Por unha banda na soia procuramos evitar as que teñen unha base de caramelo, que dan un sabor tan doce. E preferible un sabor máis puro con ese toque salgado, que xunto cas anchoas evitan o engadido extra de sal. Tamén foi unha mágoa non ter cilantro, que se cadra lle daría un toque máis fresco, mais pola contra disfruto duns dos mellores aguacates ós que tiven acceso. Son dunha árbore na eira dos meus pais, e está marcado en tagzania por se alguén quere ir velo dende fora, especialmente Chus e Cesar que se amosaron moi interesados nel cando falei do tema na III Xantanza.
Imos ó choio.

Ingredientes

Para o tartar de bonito:

  • Bonito de Burela
  • Ceboleta
  • Alcaparras
  • Anchoas
  • Salsa soia
  • Mostaza de Dijon
  • Aceite de oliva virxe
  • Pementa branca moída
  • Pirixel

Para o guacamole:

  • Aguacate
  • Ceboleta
  • Aceite de oliva virxe
  • Zume de lima
  • Sal

Preparación

Comezaremos co tartar

Limpamos o bonito de pel, espiñas, sangue e calquera resto de visceras, e procedemos a picalo en anaquiños cun coitelo ben afiado. Aplicamos o mesmo tratamento á ceboleta, alcaparras e anchoas.
Posteriormente botámos todos estes ingredientes nun bol un a un, e remexemos para misturalos uniformemente. Engadimos progresivamente e remexendo entre un e outro, a mostaza de Dijon, o aceite de oliva virxe, a pementa branca que preferiblemente será moída no momento, e pirixel finamente picado.

Seguiremos co guacamole

Pelar os aguacates, escollendo os máis maduros e retirar a semente. Esmagalos coa axuda dun garfo, engadimos a ceboleta picada miuda, un petisco de sal, un fío de aceite de oliva virxe e o zume de lima. Misturar ben.
Lembrar que o aguacate oxida con rapidez e aínda que o zume de lima retrasa este proceso, convén preparalo xusto antes de servilo.

Presentacións

Postos a experimentar optamos por realizar tres presentacións distintas. Como non temos claro, cal é a máis axeitada, deixamos a cada quen esa complicada papeleta.

Guacamole - Tartar de bonito

Nesta primeira imaxe temos unha cama de guacamole sobre a que pousamos o tartar aproveitando un molde en estrela.

Bonito e guacamole
A continuación, cun molde de ferradura, temos dúas variantes. O tartar no molde e por riba o guacamole, ou ben aproveitar o espacio interior da ferradura para introducir o guacamole.

Que o disfrutedes.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 6 Comentarios

SummerCase 2007 BCN (I). As frases

Esta fin de semana pasada disloqueime a Barcelona para desfrutar das dúas maratonianas xornadas do SummerCase. É posible que vaia comentando o que foi dos concertos, máis o primeiro compromiso que adquirín foi publicar as lapidarias sentencias que por alí se verqueron. Non ten máis interés que o que lle poidamos dar o trío de implicados, pero é unha mágoa que se perdan como bágoas na choiva…

SummerCase

As frases

El Rock’n’Roll está muerto. DVD

Constatación de que todas as bandas do festival eran POP. Ben, TechnoPop, Power Pop, Pop Rock, Folk Pop… e calquera outra definición que lle queiras dar. As guitarras distorsionadas rareaban e os maquinillos e programacións xurdían coma fungos.

David es muy bueno. Iolanda

Demostración de que algunhas mulleres están moi enganadas, de que todos temos un pasado, e que é mellor que quede alí … no pasado. O malo é que sempre levamos as culpas do comportamento de terceiros, os mesmos. Coma se tiveramos algún extrano poder de control mental que fixera que se transformara a xente.

Si total vais a estar fumando porros todo el tiempo. Segurata

Afirmación do garda de seguridade que rexistrou a nosa mochila. Levabamos, botellas de auga, bocadillos, chapeus para o sol do serán, e chaquetas para o fresco da noite. El non sabía que non acostumamos fumar … é que as botellas non levaban auga ;-)

Se ha roto un plato… Y una taza, pero lo vamos a arreglar con super glue. Ginés

No comezo da actuación de Astrud, Ginés deitou estas espectaculares palabras, con ese sotaque tan característico.

Manolo y Genís. Cesarin

Obviamente se refería a Ginés de Astrud, pero estivo media noite co Genís, por aquí e por aló. Non teño documentación gráfica, mais sirva este video espectacular como ilustración.

Rectifico, seica é Genís así que o final os errados eramos nos ;-)

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/YsK1y5GuorM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hoy me han hecho preguntas dificiles, pero esta es la peor. Un camareta

Esta é a resposta á “Dúas tónicas, por favor”. Tan raro son?

¡¡¡Joder!!!. Outro camareta

Hai xente particular en calquera lugar, pero… son eu o raro por pedir tónicas?

¿Pero que dice esa yonki?. Cigana

Esta historia daba para un corto, pero non me atrevín a sacar a cámara. Abreviando, esto foi o que dixo unha rapaza cando parou o metro, e dende megafonía se nos informaba de que había un pequeno retraso na saída. Había que estar alí para vivilo. Espectacular.

This one is tireless. Andy McCluskey

Para comezar Talking loud and clear, Andy de OMD, que non podía consigo, despois de ter botado coma un tolo nos primeiros temas do memorable concerto.

churri, churri, churri, churri. Cesarin

Para os que non coñezades este temazo, hai vai o video de Kaiser Chiefs – Ruby

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/JMDcOViViNY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Sustituindo Ruby, por Churri, entenderedes de que falo.

Bisbal en 10 anos rockero, con Mana de telonero en elvilla rockbledo. David

Predicción da evolución musical de David Bisbal, a raiz do uso de guitarras eléctricas neste derradeiro disco. Iso que eu non o merquei, porque non lle perdono o que lle fixo a Chenoa ;-)

Noche de reyes… ¿por qué no folláis?..David

Triangulo de amor bizarro que non actuaban no SummerCase, estiveron presentes en espiritu, con estas frases. ¿Por qué non folláis? ¡Miedo me dáis!

Desfrutade do tema. Está gravado con pouca calidade, pero o importante é o concepto.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/OYkEMol46Is" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Publicado en Actualidade,Batallas,Espectáculos,Festivais,Persoal | 3 Comentarios

A Estación. Cambre. III Blogoxantanza

Desordeado prólogo

É curioso o que sinte un cando chega unha nova xantanza. Semella que vas ver a vellos amigos, cando realmente só nos coñecemos dende hai 9 meses. Ben, iso algúns porque nesta ocasión por Laconada, oblog gastronómico colaborativo, apareceron Ruth e Juankar, e tivemos como invitado especial de última hora a Gonzalo de El Mercadito, que seguramente estaba a investigar o noso modus operandi con vistas nunha vindeira visita ao seu restaurante, por parte da temible banda dos Blogogastrónomos ;-).

Penso que foi na I Blogoxantanza, Sole comentou que no seu pais falar de comida durante o xantar era unha falta de educación, e ben pensado é comprensible. Isto viña a conto, porque un dos principais temas de conversa era naquela ocasión, como non podía ser doutro xeito, experiencias pasadas neste fascinante mundo. Lembreime desta anécdota, nos primeiros impases da reunión, cando xa se estaba a falar da versión 4.0, sen tan sequera ter comezado a esfollar presente edición.
Unha vez demostrado que nunca se debe escribir cando levas 3 copazos de máis, anotación que deixarei sen editar para escarnio público da miña triste persoa, procurarei centrar a miña atención na descripción de tan magno evento.

Ao miolo

O restaurante A Estación atópase en Cambre (A Coruña), nunha antiga estación do camiño de ferro. Polas luminosas fiestras vense pasar os trens, que xunto á decoración do local, fai que un se sinta no vagón-restaurante dun que circula en sentido contrario.

Para os que non poidades esperar, ou non queirades aturar á miña versión de tan magno evento a tradicional imaxe do menú degustado, saciará a vosa curiosidade.

A entrada no reservado no que se serviu o ágape, levou a un Oh! colectivo. Unha fermosa mesa cadrada que nos distribuiría de a catro en cada lado da mesma, despregaba na súa superficie o máis fermoso dos recibimentos, con pétalos de rosa nunha ampla gama
de laranxas e marelos deitados cunha elegante improvisación e uns marabillosos centros de pementos e flores da mesma variedade sobre pratos igualmente cadrados de estaño, que non me pararei a describir maís pero vos animo a buscar fotos mellores ca miña, nas que se poida apreciar a efímera beleza daquel momento.

Coa mesma sinceridade, que digo unha cousa, teño que mencionar o que non me agradou tanto. Os cinceiros aparecían pola mesa coma Amanitas Phaloides nun piñeiro cheo de Lactarius Deliciosus… ou Lactarius Sanguifluus un dos meus descubrementos, xa que tiven o privilexio de que sentara ó meu carón Gonzalo, co que mantiven unhas instructivas conversas, que xa comentarei máis adiante. Afortunadamente, a impecable educación dos presentes fixo innecesaria a presenza dos mesmos.

Pasemos pois a describir lixeiramente o amplo menú degustado, asistidos polos mosaicos aos que vos teño acostumados.

Xoan Crujeiras comezou cun clásico no seu restaurante: a degustación de aceites. Dúas opcións acompañadas de sal maldon, das que só lembro unha, a que máis me gustou; Marqués de Griñón Capilla del Fraile 2006 (penso). O invitado pobre da mesa, o pan, deslumbrou os convidados que me flanqueaban, Chus e Gonzalo.

O seguinte prato aparece como se fosen dous distintos na relación de pequenas sorpresas de Xoan, pero tal como foi presentado forma un dos pratos máis longos que tiven o gusto de saborear nunca: Bombón de foie gras de parrulo e chocolate especiado con carpaccio de polo piñeiro e cítricos. A noite anterior anunciaba un prato con foie, pero non me refería a isto en absoluto. A presentación dunha cereixa de chocolate , cunha carabuña de foie, non se aprecia na miña imaxe, pero crede que foi unha magnífica posta de longo. O carpaccio de galiña piñeira, ingrediente que voltará a aparecer, e nesta presentación onde se apreciará mellor o seu sabor. Do mellor.

A sardiña mariñada, queixo de Arzúa e tomate foi a primeira aparición do peixe de tempada. Unha refrescante receita de verán, regada con auga de tomate, que foi engadida tras a presentación na mesa. Non nego que fose unha boa presentación, mais aínda non topei un xeito mellor de tomalas, que asadas, postas enriba dun anaco de pan de millo, e dando boa conta delas coas mans, e chuchando os dedos. Prexuizos que ten un.

Seguindo co peixe azul e de tempada, contamos ca presenza dun Atún mariñado ó forno con salsa de iogur de lima e aguacate, que ia sobre unha variada ensalada de gromos varios, eiruga (rúcula), espinaca vermella, e outras herbas descoñecidas para min, que a converteron na máis variada das que teño visto. O atún seguramente preparado nunha peza, e retirados os toros despois para que non secara en exceso, gran perigo desta especie, estaba completamente cru no seu centro e mollado cun prebe de curry, que lle daba un toque exótico. Un bo exemplo de fusión.

Voltamos á terra co Canelón de polo piñeiro con salsa de olivas negras, segunda aparición deste ingredente, porque como nos confesaría o propio Crujeiras cando nos veu saudar, realizaran unhas xornadas sobre el recentemente.


Voltaba o peixe, mais branco desta volta. Mero, mexilóns, coprinus e emulsión de escabeche . Como sempre di a miña nai, se a cousa é boa, non hai que facerlle moito. Á prancha, facía unha boa combinación cos mexillóns, mais os coprinus atopeinos un pouco fora de lugar. Foi Gonzalo quen me dixo que xa se cultivaba esta variedade, cousa que descoñecía, e supoño que o problema estaría aí, porque a textura era coma de champiñons de lata. A emulsión tentarei copiala, que invento.

Fin da cociña aquí. Carne do país á grella acompañada de patacas en láminas fritidas e pementos de padrón. O que máis que me gustou deste prato, que por outra banda non ten moito que facer, polo mesmo que comentaba no mero, e que foi presentada coa súa graxa. Estou cheo de tanta limpeza na carne, da demonización da graxa, da pel do peixe, das cabezas do marisco, etc. O sabor, a verdadeira esencia de moitas cousas que comemos, está no que moita xente despreza. Noraboa Xoan por presentala así.

Aínda que poida parecer un desprezo, esta, non sei como chamarlle, transición entre o xantar e a sobremesa, foi das cousas que máis me chamou. Se puidera elexir que me deran a receita dun dos pratos sería esta: Te con leite e limón. Lixeiro, suave pero saboroso. Refrescante para apousentar e apagar os sabores salgados, e prepararnos para a Repostería.

Eu esperaba un Gin Fizz coma coctel, do que tiña lido falar en repetidas ocasións, e que quedará para unha vindeira visita. O que nos tocou foi unha Piña colada, ben apropiada para o verán a particular visión de A Estación deste coctel, coa súa crema de piña, e xeado de coco, e uns cubos como de galleta. Supoño que levaría ron porque é o seu, pero non o cheguei a percibir.

Milfollas de chocolate e laranxa con xeado de chocolate Jivara Lactee. O milfollas de chocolate, era dunha beleza que me obrigará a ligar unha foto de detalle cando a atope. Cun chisco de sal por riba, encantoume.

As Trufas de chocolate e mini oreo. Mentras Nabisco non lle reclame dereitos sobre a marca, Xoan poderá utilizar as mini oreo, como símbolo do seu local. Un bocado delicioso presentado nunha caixiña, que ben podería utilizar para promocionar o seu restaurante, para que acoderan os comensáis tras el cal moscas atrás do mel.

Non mencionei o viño, por dous motivos. Un que Moraima facía presenza para os blogogastrónomos que non puideron asistir a presentación e por ser parte implicada prefiro non facer valoracións ao respecto, aínda que hai que dicir, que o viño chegou un día antes ó restaurante, e necesitaba máis repouso antes de tomarse. Con isto quero dicir que está mellor aínda do que estaba o sábado ;-).

O Pagos de Gallir a penas o tomei porque tiña que conducir, pero haberá que probalo con calma, porque non me soubo coma un viño galego ao uso.

Epílogo ampliable

Superarse en cada edición para 9 meses que levamos de paseo, é moi complexo, e supoño que sempre será así, unhas cousas máis outras menos. A cociña de A Estación está forte mente enraizada no noso mar e a nosa terra, pero sen prexuizos á hora de combinar elementos doutros lugares. E aí onde está a súa maxia.

Teño máis que escribir pero isto xa é moi longo, se teño tempo farei a crónica social próximamente.
E agora vou voando ler as opinións dos máis espilidos compañeiros de mesa, que xa teñen dende hai uns días as súas opinións colgadas, pero procuro non ler antes de facer a miña, para non distorsionar a miña opinión.

Xa lín as de:

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 7 Comentarios