O aguacate galego…

… aínda non é unha denominación de orixe, pero dádelle tempo ;-).

A foto ten un aire tropical e estou convencido de que se non dixera nada, sería difícil de ubicar na nosa terra. Cos platanos, kiwis e tras eles, o aguacate.

Na III Xantanza faleilles deles a Gonzalo, Chus e Cesar, e do afortunados que somos por poder desfrutar deste froito pañado directamente da árbore, e non coma a meirande parte dos mortáis europeos.

Para que vos fagades unha idea, pensade nun deses amorodos que se merca no inverno, ou ese tomates insípidos que sufrimos todo o ano. Cando chega o verán e alguén che da un saquiño deles é coma estar nun tobo e sair caa a luz. Primeiro incertidume, confusión, cegueira no padal… e de seguido explosión de sabor na boca.

Na imaxe de arriba pódense apreciar dúas xeracións do froito. Os do ano pasado, xa cumplidos e cunha cor que os mimetiza coas follas. Xunto a eles, a nova e cativa colleita deste ano, dunha cor verde lima e tamaño moi inferior, e aos que aínda lles resta por sufrir o inverno da terra, que tal como anda o tempo metereolóxico é toda unha incógnita…

Publicado en Batallas,Gastronomía,Persoal | 1 Comentario

Minihamburguesas de bonito ao curry con queixo de San Simón sobre galleta mariñeira

Cun título así poucos segredos quedan, co que non queda máis ca xustificarme ca seguinte historia. Á miña muller non lle chaman moito as cousas crúas, e coma ela, sempre podemos atopar alguén cuns gustos similares, por iso decidín cociñar o bonito, de xeito que os comensáis menos abertos a novas experiencias puideran degustar un prato similar, ao tempo que experimentaba un pouco.

Coma sempre primeiro darei os ingredientes:

Ingredientes

Para as minihamburguesas

  • Bonito de Burela
  • Ceboleta
  • Xema ovo
  • Alcaparras
  • Mostaza de Dijon
  • Aceite de oliva virxe
  • Pementa branca moída
  • Sal

Para o enfariñado:

  • Fariña triga
  • Curry

Presentación:

  • Leituga rizada (crecha?)
  • Queixo de San Simón

Preparación

As mini hamburguesas.

Limpamos o bonito de pel, espiñas, sangue e calquera resto de visceras, e procedemos a picalo en anaquiños cun coitelo ben afiado. Aplicamos o mesmo tratamento á ceboleta, alcaparras e anchoas.
Posteriormente botámos todos estes ingredientes nun bol un a un, e remexemos para misturalos uniformemente. Engadimos progresivamente e remexendo entre un e outro, a mostaza de Dijon, o aceite de oliva virxe, a pementa branca que preferiblemente será moída no momento, e pirixel finamente picado.

Enfariñar e fritir

Misturamos nun prato fondo unha pouca fariña triga, con curry. Como todo, vai ao gusto de cada un, pero tentaremos non enmascarar demasiado o sabor do bonito.

Chegados a este punto teño que recoñecer que a idea inicial era a de facer albóndigas máis a falta de consistencia decantoume por premelas un pouco e fritilas con aceite de oliva, e así foi como se convertiron en hamburguesas.

Presentación

Finalmente, cubrimos a galleta mariñeira cunha pouca leituga crecha picadiña e pousamos a hamburguesa enriba desta.

Relamos un pouco de queixo de San Simón, e fundímolo cunha pá de queimar para potenciar o seu propio aroma afumado.
Minihamburguesas de bonito ao curry con queixo de San Simón sobre galleta mariñeira

Aproveito para lembrarlle aos interesados que estou a facer unha pequena escolma de receitas con galletas mariñeiras onde anoto todas as que facemos en ACITC e outras que vou atopando por aí, de momento todas de blogogastrónomos.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 7 Comentarios

McCondom: un preservativo con sabor … A WHISKY!

Estes días estou a celebrar o meu aniversario, unha desculpa coma calquera outra para xuntarse cos familia, os amigos e outros animáis. Ó redor dunha mesa, con boas viandas e mellores caldos poñemonos ao día das vidas de uns e outros ata que chega un momento no que che entrega un agasallo que non agardas. Ábrelo e atopas isto:

Os condóns non teñen nada de especial, pero algunha vez oirades algo de uns con sabor a whisky? Eu non. Vese que teño pouco mundo. Por certo Facas, xa sei onde o mercaches. Seguramente os que estiveran visitando a Perfida Albión nestes últimos anos xa os teñan visto.

A caixa indica un URL a unha páxina que non funciona (polo menos agora), e iso fixo que buscara outras referencias. Así caín nesta outra páxina que seica fan preservativos cun sabor a mango, kiwi e plátano máis vitamina E!. Un non deixa de sorprenderse nunca, pero neste sector xa non creo que me pase. De todos xeitos, vou facer unha proposta: para cando condóns con Omega 3?

Publicado en Batallas,Persoal | 1 Comentario

Visualizando táboas do m4PRO

Un, que é inquedo, gosta de fedellar en todo o que manexa. O m4PRO forma parte do meu día a día, así que sempre que hai que modificar un informe para engadir un campo novo, ou ver onde están almacenados algúns datos rebeldes, necesito botarlles un ollo as táboas.

Como o tema é sempre non gastar un can, hai que procurar moito. Durante un tempo usei DBF Viewer 2000,  mais deixou de ter unha versión freeware,  e parvo de min, non quedei cunha copia do instalador. Durante un tempo andiven probando solucións parciáis ata que finalmente atopei a un inglés  que nos facilita unha solución freeware para visualizar estes datos: o DBF Viewer Plus.

Tratase dunha aplicación das que me gustan a min. Un executable e punto. Podes levala nunha chave USB, ou descargala da súa páxina cada vez que o necesites. Desta vez xa fixen varias copias por se cambia de idea o programador.

A pinta que ten é esta de aquí abaixo. Para o exemplo collín unha táboa de mensaxes internos ou iso me parece a min, que non ten ningún dato delicado.

Podes visualizar case todos os campos e rexistros, e ata modificalos, pero iso mellor non se che ocorra senon queres ter algún problema. O bo é poder consultalos, filtrar e exportar a html (non sei para qué), e a csv (cousa moito máis útil).

Publicado en Cómo amañei...?,m4PRO | 1 Comentario

Lolapop 2007 ou coma o mundo é realmente pequeno (I)

O pasado mes de agosto celebrouse o Lolapop, primeira edición dun festival de música enmarcado nas Festas das Dores de Ponte Caldelas.  Non vai ser esta un crónica moi detallada porque xa pasou tempo e foi unha noite de excesos, mais ben valerá como lembranza do anecdotario  daquela noite.

Ó solpor abriron Portrait cun Pop acústico que entraba ben. Recén chegado do choio, non estaba preparado para moitas estremonías e Moraiminha, que amablemente se ofreceu a levarme ata alí, aínda menos. Ao seu remate fomos cear que, como sempre di a miña nai, un palleiro non se fai sen palla e a noite prometía.

Os seguintes foron Fantasma#3, pero a cea non me permitiu chegar. Unha mágoa porque agora que os escoito e leo sobre eles, lembro o concerto do Primavera Sound do ano pasado e non estivera mal. Ilustro cunha foto dunhas pantasmas que atopei no festival ;-).

Igloo, os escapados/explusados de Deluxe (o Xoel non debe ser bo de aturar), foi a nosa reentrada no festival. Acompañado xa de Cesarinn, non logrei conectarme moito co seu son e atopeinos un pouco uniformes. Quizáis tiña demasiadas espectativas depósitadas neles.

Algo semellante me pasou cos grovenses Nadadora. A onda esta de catequistas refuxiados La buena Vida, Ama, Le Mans, Nadadora…, nunca foi comigo, pero casualmente este verán en Barcelona, escoitei algo do seu último traballo e non o vou negar, gustoume, mais o seu directo non era o que lembraba.

Definitivamente Maga foron os meus elixidos. Estaban ligándome con cada canción, pero xa coa versión de No mires a los ojos de la gente, acabei entregado. Espectaculares.

Remataron Delorean, dos cales non teño foto, cunha pose moi Placebo, e temas de pop electrónico perfectos para deixar bo sabor de boca nun festival deste tipo.

En definitiva, boa organización, boa música (aínda que non toda me gustara), copas e cañas a bo prezo,  pinchas en varios locales de Ponte Caldelas, para que a festa non rematara ata que un o decidira. Espero que disfrutemos dunha segunda edición o ano que ven.

O meu corpo sobre as 6 dixo que xa era hora de retirarse… e deixo resto de historia para outra ocasión que hoxe xa estou canso, case tanto coma a noite do Lolapop…

Publicado en Batallas,Espectáculos,Festivais,Persoal | Comentarios cerrados