Out 01 2007
Ferpalia 2007. Especial Gastronomía
Do 29 de setembro ao 2 de outubro estase a celebrar o Ferpalia, Salón do turismo de Galicia, no Recinto Feiral de Pontevedra. Onte antes de xantar demos un paseo por alí, posto que este ano na súa 15ª edición amosaba como novidade un especial gastronomía. Se alguén lle interesa o programa podese consultar dende aquí, e por certo hoxe luns, están Marcelo e Taky falando e os pratos sonde Xoán Cannas, toda unha trinidade do Grupo Nove, mais o traballo non me vai permitir asistir.

Voltando á visita do domingo, atopamos unha serie de stands nos que puidemos mercar o famoso porco celta que pronto probaremos, o requeixo da Capela do que falaba Colineta hai algo máis dun mes, diferentes presentacións de cogumelos e estrugas, viño de varias D.O. galegas, pan e fundamentalmente algas, que debe ser a nova estrela da gastronomía galega, porque había un oferta moi ampla de productos e comercializadores.
Pero o evento que realmente nos chamou a visitar a feira, foi unha degustación da Faba de Lourenzá, magnífico froito da mariña luguesa, que afortunadamente xa coñecía. E digo isto porque se ben no programa estaba previsto o comezo do acto para as 13:00 h, comezou case tres cuartos de hora despois, e non me resultou moi lucido.
Primeiro falou o Alcalde da Lourenzá, que se dirixía aos presentes como se foramos guiris. Logo preparou un prato, un mestre do I.E.S. Carlos Oroza, que non paraba de chamarlle ás fabas, fabes, lembrándome a esta entrada de colineta (segunda vez que o ligo D. Miguel), por último falou Torrado O bruxo, que foi o encargado da preparación da degustación (ou iso entendín eu).
O conto é que eran as 14:30 h xa quedaramos para xantar, e o único que nos plantaran na mesa foron estes mexillóns en vinagrete, que estaban moi bos, pero non era o que estabamos a buscar.

Menos mal que xa coñeciamos eses pequenos riles brancos, porque o final quedamos sen eles. Pasemos páxina mellor.
chuzame -




