Out 25 2007
Restaurante Isa-Pe
Toda unha sorpresa. Non habería outro xeito de describilo.
O Restaurante ISA-PE situado en Arcade, Concello de Soutomaior é a típica marisquería de calquera vila mariñeira. Recíbeche cunha cetárea onde pasan os seus derradeiros días lumbrigantes, centolas e demáis familia. No frente da porta está o bar, e á esquerda a entrada do comedor. A decoración non ten nada de especial (máis ben ó contrario, é bastante seria e tradicional): preside o salón un enorme cadro en relieve cun mariñeiro a turrar dunha gancha sobre unha chalana na Ría de Vigo. Dedúcese da presenza cercana da Ponte de Rande.
Fomos invitados pola nai de moraiminha, que xa visitara o local pouco tempo antes e quedara satisfeita, aínda que cun menú ben diferente e máis tradicional co que tivemos a ocasión de probar ese día. Como sabe dos nosos gustos, pediu que lle ofreceran algo diferente, e foi o a savia nova a que se encargou de satisfacer os seus desexos. O fillo dos propietarios tomou os mandos da cociña, e preparou un menú sorprendente para nós, e satisfactorio para el tal como nos dixo despois, pois tivo a oportunidade de preparar algo diferente ó que é a cociña do día a día.
Como isto xa foi o pasado xullo e non dou avanzado (o texto anterior escribino daquela), vou indicar brevemente os pratos e salientar os que lembro que máis me sorprenderon.
- Ensalada de vieiras con vinagreta tibia de cogumelos. A versátil vieira seguramente preparada en interminables ocasións na súa cuncha ao xeito tradicional atopou aquí un escape. Si ven non era tempo de cogumelos, foi un bo comezo. Lembro perfectamente o detalle dos amorodos, e o boas que eran as vieiras.
- Espetada de langostinos empanada en froitos secos, con prebe de iogur. Seguiamos a subir de nivel. As améndoas, pistachos, manises daban ese toque crocante ata que atopabas o sabor a mar. Comidos ao estilo tradicional (collendo polo pau) leváronme lonxe...
- Risotto de mexillóns con zamburiñas e salsa de chocolate. Outra vez a fusión, esta cociña é ou non de aquí? Quen lle mete estas ideas aos cociñeiros? Sexa o que fora, benvidas sexan.
- Rape en costra de mexillóns coa súa crema ó curri. Como te digo una co', te digo la o'. As patacas xa non estaban no seu punto, unha mágoa porque o curri en pequenas doses ten un bo compañeiro en min. Aceptabel, aínda que un chisco por debaixo dos dous anteriores.
- Carrilleira de porco ibérico con cus-cus de verduras. Sen estar malas vou meter as dúas carnes no mesmo saco. Hai ben tempo que non me sorprenden chegados a esta altura. Para os amantes dos peixes, sorprender coa carne é máis complicado do que en principio pode parecer.
- Solomillo de tenreira con pementos escalivados e pesto de améndoas. Remítome ao comentario anterior. Tamén é certo que este festín para unha cea é algo esaxerado e un xa chega sen fame, pero non sei se é falta de versatiilidade na materia prima ou falta de imaxinación, pero o feito é que a esta altura dun menú as sorpresas quedan postergados deica a sobremesa. De todos os xeitos, a carne era saborosa, e os pementos sempre son unha delicia, por moi sinxelos que poidan parecer.
- Tiramisú. Aínda que non é un postre moi orixinal, a presentación era curiosa, e o saber máis que correcto.Despóis de tomalo xa non quedaba fame para máis.
- Chupiño de escuma de crema de augardente. Xa se nota que me gustan estas presentacións dos productos do pais, non si? A guinda do menú.
Sintoo non poder indicar un prezo, por ser unha invitación... aínda que pero non creo que escandalizara a ninguén. O viño xa nin o comento...
Gustaríame que alguén máis solicitara (ou que se ofertase) este tipo de preparacións en restaurantes onde non sexan habituáis (como é este caso) para ir cambiando a concepción tradicional dos xantares. Un punto medio entre a cociña tradicional, onde semella primar a abundancia, e a cociña actual onde a presentación pode chegar a xustificar calquera combinación.
chuzame -





