Restaurante Isa-Pe

Toda unha sorpresa. Non habería outro xeito de describilo.

O Restaurante ISA-PE situado en Arcade, Concello de Soutomaior é a típica marisquería de calquera vila mariñeira. Recíbeche cunha cetárea onde pasan os seus derradeiros días lumbrigantes, centolas e demáis familia. No frente da porta está o bar, e á esquerda a entrada do comedor. A decoración non ten nada de especial (máis ben ó contrario, é bastante seria e tradicional): preside o salón un enorme cadro en relieve cun mariñeiro a turrar dunha gancha sobre unha chalana na Ría de Vigo. Dedúcese da presenza cercana da Ponte de Rande.

Fomos invitados pola nai de moraiminha, que xa visitara o local pouco tempo antes e quedara satisfeita, aínda  que cun menú ben diferente e máis tradicional co que tivemos a ocasión de probar ese día. Como sabe dos nosos gustos, pediu que lle ofreceran algo diferente, e foi o a savia nova a que se encargou de satisfacer os seus desexos. O fillo dos propietarios tomou os mandos da cociña, e preparou un menú sorprendente para nós, e satisfactorio para el tal como nos dixo despois, pois tivo a oportunidade de preparar algo diferente ó que é a cociña do día a día.

Como isto xa foi o pasado xullo e non dou avanzado (o texto anterior escribino daquela), vou indicar brevemente os pratos e salientar os que lembro que máis me sorprenderon.

  • Ensalada de vieiras con vinagreta tibia de cogumelos. A versátil vieira seguramente preparada en interminables ocasións na súa cuncha ao xeito tradicional atopou aquí un escape. Si ven non era tempo de cogumelos, foi un bo comezo. Lembro perfectamente o detalle dos amorodos, e o boas que eran as vieiras.
  • Espetada de langostinos empanada en froitos secos, con prebe de iogur. Seguiamos a subir de nivel. As améndoas, pistachos, manises daban ese toque crocante ata que atopabas o sabor a mar. Comidos ao estilo tradicional (collendo polo pau) leváronme lonxe…
  • Risotto de mexillóns con zamburiñas e salsa de chocolate. Outra vez a fusión, esta cociña é ou non de aquí? Quen lle mete estas ideas aos cociñeiros? Sexa o que fora, benvidas sexan.
  • Rape en costra de mexillóns coa súa crema ó curri. Como te digo una co’, te digo la o’. As patacas xa non estaban no seu punto, unha mágoa porque o curri en pequenas doses ten un bo compañeiro en min. Aceptabel, aínda que un chisco por debaixo dos dous anteriores.

  • Carrilleira de porco ibérico con cus-cus de verduras. Sen estar malas vou meter as dúas carnes no mesmo saco. Hai ben tempo que non me sorprenden chegados a esta altura. Para os amantes dos peixes, sorprender coa carne é máis complicado do que en principio pode parecer.
  • Solomillo de tenreira con pementos escalivados e pesto de améndoas. Remítome ao comentario anterior. Tamén é certo que este festín para unha cea é algo esaxerado e un xa chega sen fame, pero non sei se é falta de versatiilidade na materia prima ou falta de imaxinación, pero o feito é que a esta altura dun menú as sorpresas quedan postergados deica a sobremesa. De todos os xeitos, a carne era saborosa, e os pementos sempre son unha delicia, por moi sinxelos que poidan parecer.
  • Tiramisú. Aínda que non é un postre moi orixinal, a presentación era curiosa, e o saber máis que correcto.Despóis de tomalo xa non quedaba fame para máis.
  • Chupiño de escuma de crema de augardente. Xa se nota que me gustan estas presentacións dos productos do pais, non si? A guinda do menú.

Sintoo non poder indicar un prezo,  por ser unha invitación… aínda que pero non creo que escandalizara a ninguén. O viño xa nin o comento…

Gustaríame que alguén máis solicitara (ou que se ofertase) este tipo de preparacións en restaurantes onde non sexan habituáis (como é este caso) para ir cambiando a concepción tradicional dos xantares. Un punto medio entre a cociña tradicional, onde semella primar a abundancia, e a cociña actual onde a presentación pode chegar a xustificar calquera combinación.


Publicado en Gastronomía,Restaurantes | Comentarios cerrados

Día mundial do pan / World bread day 2007

A word for my new visitors

World Bread Day '07

Welcome to my World Day of Bread’07 post!. As long as you probably don’t know a world of galician, please enjoy the photos. I’ve baked a tasty bread! ;-)

Agora en cristiano

Hai uns días chegou unha mensaxe de Sole animándo aos blogogastrónomos a participar no Día do pan. Ninguén máis aparte dela dou sináis de vida, e para non deixala sozinha animámonos a cocer tamén. A iniciativa á que me sumo é a do blog kochtopf (non preguntedes que significa), dende o que se nos anima a facer un pan o día 16 de outubro.

Bread_day-dia_do_pan-2007.jpg

Como hoxe andamos de viaxe, cocemos hai uns días. Alá vai a receita deste pan tan xeitosiño ;-). A receita é basicamente a de Pan para queixos de thermomix, pero co toque persoal da artista.

Ingredientes

  • 350 g. de auga
  • 1/2 culleradiña de azucre
  • 40 g. de levedo fresco
  • 600 g. de fariña triga integral
  • 2 culleradiñas de sal

O segredo está na fariña, da súa calidade depende o resultado, aínda que sen dúbida a auga tamén inflúe, pero na nosa terra ese problema é secundario.

Eis o resultado.

Bread_day-dia_do_pan-2007-03.jpg

Publicado en Actualidade,Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Deica logo Marcelo

Case quedamos sen probar a cociña de Marcelo!. Isto sería imperdoábel para un afeccionado á boa mesa, por iso, en canto nos enteramos de que pechaba, collemos as axendas e marcamos un día para convertilo en efeméride, e que mellor que o derradeiro día de apertura ao público?.

A primeira nova que tiven de Casa Marcelo foi unha descripción curta: ti non elixes nada. Pareceume unha actitude algo particular, un sitio onde che dan de comer, e no que tes que soltar unha chea de cartos sen poder decidir nada… Este condicionante, inhabilita a moitas das persoas que coñezo para achegarse ate alí. En realidade podes elexir o viño, pero pouco máis. Recentemente xa me contaron que só había peixe. Vade retro amantes do churrasco ;-).
Aros en Casa Marcelo
Foi unha día gris, dos primeiros do outono. Un par de pinchos comezaron a xornada (o noso almorzo á unha e media), e son inevitables cando vas con Moraiminha de paseo.
Ante a amenaza de xantar a base de peixe e marisco, o viño tiña que ser, por forza, un branco ou un espumoso. Eleximos un Monterrei, que xa non quedaba (haberá que perdoalo porque era o último día, mais xa nos comentaran dalgunha situación similar; e na miña opinión, estes descoidos, como norma, son imperdoables nun local cunha estrela Michelin). Finalmente, un monovarietal de godello, As Sortes 2006 , que non estaba na carta, foi unha das poucas decisións que tivemos que tomar.

Chega de leria, cal foi o menú?

Se chegaches aquí, o que queres saber é o menú de 9+1 pratos que degustamos. Se queres ir descubrindoo paseniño, coma nos fixemos, sigue a ler, se só che interesan as imaxes, vai cara o final do artigo.

O primeiro foi Espárrago e sésamo, un espárrago verde blanqueado, fileteado transversalmente e espetado nun pau, salpicado con sementes de sésamo. Encantoume visualmente, de feito é a miña foto preferida. Sabor fresco e sensación crocante, para un aperitivo vexetal pouco habitual. A pega era a dificultade para comelo, ou o mellor é que non sei. A pouca ou nula cocción dos alimentos sería unha tónica do menú.

De seguido viñeron as Sardiñas do día na lata, trala incongruencia do nome, agacháronse un par de fermosos lombos de sardiña confitados ou mariñados, non sabería dicilo, presentados nunha lata de sardiñas.

A seguinte sorpresa foi o millo, que dun xeito máis snob eu chamaría millo tres texturas posto que iso era do que se trata. Nun carolino baixo, presentouse unha escuma de millo, sobre dela depositaron millo torrado lixeiramente picado (non se ve na foto), e rematouse con flocos de millo co mesmo tratamento co anterior. Orixinal.

E finalmente chegou. Temín que me pasara coma co Gin Fizz de A Estación e quedaramos sen probalo, pero a deusa fortuna estivo do noso lado e cando vimos que o preparaban na barra da cociña, á nosa beira, respirei aliviado. O famosísimo Tomate Kinder estaba ante nós. Unha fermosa peza, pousada sobre un saborosísimo aceite, coroado por cristáis de sal maldon. Aparentemente sinxelo, mais o interior non era o tomate. A semente foi extirpada por un furado segredo, e unha salsa semellante á rosa ocupaba o seu lugar. O sabor intenso a tomate era o máis salientable, a parte da técnica, por suposto. Afeito como estou a disfrutar de tomates de verdade, notei menos o cambio.

Gambóns, leituga de mar e praliné de améndoas. A leituga de mar é unha alga de cor verde intensa que estaredes cheos de ver aboiando no mar e que na miña terra materna chaman panelo. Se vedes a imaxe, atoparedes a explicación da ton verde dos gambóns. A base de améndoa tiña un gusto a turrón Xixona, que xunto a pedra da parede pintada de dourado e os vapores etílicos do godello me transportaron ao nadal.

Non sei se este plato é resultado da recente viaxe a Xapón de Marcelo, pero a presentación dun Bonito con tomate e aceite de Chondracanthus, onde todos os ingredentes do plato están crús e as algas reaparecen, fai sospeitar. A xelatina de tomate seguramente feita a base do contido retirado aos tomates kinder, tiña ese intenso gusto ao que antes me refería. Encantoume. Tentareino na miña casa.

Cando aínda estaba a montar a miña teoría xaponesa, as Vieiras e ramallo de mar (Codium) semella que remataron de confirmar as miñas cábalas. As vieiras presentáronse fileteadas e crúas, separádas dunha crema de codium, por un fío de reducción (coido que de vinagre de módena). Por riba algún gromo, migas de pan fritido e perifollo, que lle dou ese toque anisado que inicialmente confundimos co fiuncho, do que non son gran afeccionado, pero que teño que recoñecer dou un punto gracioso ao plato. Amante como son dos sabores en estado puro (1) (2) estes dous pratos foron os que mais me sorprenderon.

A miña nai e a nai da miña muller (non me gusta dicir sogra), sempre din que o mellor condimento é a fame. Pode que a Pescada de Celeiro con caldo de pementos verdes, chegara algo tarde para a miña fame, porque a atopei feita de máis. Como todo é cuestión de percepcións, igual foi o cambio de crú á cocción do peixe.

O extensísimo menú desembocou nunha sobremesa pouco sorprendente. Non mala, en contadas ocasións atopas algo realmente malo nun restaurante deste tipo, pero a Crema queimada (presentada como catalana), non era o que esperaba. De sabor e execución impecable, coma feita na casa, máis ben rematadiña cun caramelo ben uniforme, coma de cadro, pero que che deixa ese sabor a que non se colman as expectativas. Se non me preguntaran, non dicía nada, pero ao inquirir o cociñeiro sobre a miña opinión, comenteille que non era o final que esperaba. Marcelo replicou que lle encataban as sobremesas de cociñeiro, pero que ía ver se lle quedaba algo de bica. Un minuto despois voltou para dicirnos que non lle quedaba.

O que ven a continuación é un detalle que sen dúbida non esquecerei, e que fala da clase dun restaurante. Cando nos preguntaron polo café, soou a voz de Marcelo que dicía: Aún les falta un postre. E logo dirixíndose a nos comentounos: Vai tardar un pouquiño. Como xa tiñamos un menú na mesa, comprobamos que non había ren tras a crema queimada, e mentras intrigábamos sobre que nos serviría, fomos repasando as nosas impresións sobre os pratos. De súpeto, apareceu a Bica ante nos, mollada en leite, nata e augardente. A emoción foi tanta que lle atacamos antes de sacarlle a foto, de aí a presenza da culler. Magnífica.
Unha trufa de chocolate acompañou o noso café, mentres Kombu, mollado pola poalla, observaba fixamente o interior do comedor.

Cousas…

Que facía Marcelo? Pois… cortar o pan!. Gustaríame ver á miña nai alí dicindo, algo así como: este é o cociñeiro que tan famoso é, e non toca un prato?

Cando estabamos a rematar o tomate kinder, achegouse o Sr. Tejedor a interesarse pola nosa opinión, e a parte de darlle os parabéns, Moraiminha preguntoulle como acadaba uns tomates tan iguáis, que os da súa nai non eran así. A resposta foi aproximadamente: alédome de que vos fixedes ata neses detalles.

Ofreceunos un menú impreso a medio menú, debeuse fixar no choio que me daba prender a cámara en modo gravadora para repetir os nomes dos pratos. Cousa que unha semana despóis se agradece moito, para relembrar aqueles momentos antes de escribir. A miña memoria (que nunca foi gran cousa) non che é o que era…

Ter a cociña á nosa beira proporcionounos un espectáculo extra. Houbo un momento para min impresionante que pode que a outros non sorprenda tanto. Un dos cociñeiros cortaba o perifollo para a ornamentación final da vieira. Sacou dunha ponliña catro fíos, coma estes que vedes na foto.

Remantando

O menú único anda polos 55 € + IVE, adega non incluída. Os viños tiñan uns prezos moi axustados, e sorprendeume a ampla variedade de tintos para un restaurante onde non hai carnes, caza nin nada semellante. Supoño que será pola demanda. Polo que realmente pagas é pola man de obra e as ideas. Non é que desprece a materia prima, pero ao fin e o cabo os ingredientes dos catro primeiros non teñen moito de especial; o que si levan é un traballo de procesado e presentación importante. Non así os catro seguintes, que dende unha recente visita ao mercado, no que precisamente mercamos gambón fresco e pescada de celeiro, e aínda estou aparvado co prezo dalgúns alimentos que non consumo habitualmente. Se engadimos a  isto, que cada día o menú cambia, cousa que eu valoro positivamente pola súa dificuldade, en conxunto o resultado é satisfactorio. En definitiva, o derradeiro xantar desta época foi inesquecíbel dende o principio: o pequeno local, as veliñas nas mesas, a atención de Marcelo a cada xesto ou comentario dos seus clientes… e, como non, a delicadeza e pureza dos sabores fixeron que fose unha xornada realmente especial.

Momento reflexivo. E se Marcelo non volta? Polo menos xa tivemos a sorte de probar en carne propia (ou sería mellor dicir en peixe propio?), o seu traballo. E o que veña virá, e penso eu que será distinto do que hai agora.

Qué mellor imaxe ca esta para rematar unha época? A estrela michelín de Marcelo, resultado dun dos seus pratos máis emblemáticos.
tomate kinder rematado

Aínda que xa non ten moito interés, posto que cando leas isto xa non poderás visitalo, Casa Marcelo está estaba na compostelana Rúa das Hortas, 2 (premendo no link, atoparedes a explicación ao nome). No seu bloc despídese ata a vindeira tempada. O dito, deica logo, Marcelo.

E para os que chegaran ata aquí e queiran ver todas as fotos en detalle, nada mellor que vencellar o album con todas elas.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 2 Comentarios

Para ir facendo boca…

… que estes día estou moi liado e non sei se terei tempo de escribir con calma sobre o tema. Así, mentras atopo o tempo e o pulo necesario, deixovos con este pequena paiasada.

marcelo-no-cine.jpg

Publicado en Batallas,Gastronomía,Persoal,Restaurantes | Comentarios cerrados

Ferpalia 2007. Especial Gastronomía

Do 29 de setembro ao 2 de outubro estase a celebrar o Ferpalia, Salón do turismo de Galicia, no Recinto Feiral de Pontevedra. Onte antes de xantar demos un paseo por alí, posto que este ano na súa 15ª edición amosaba como novidade un especial gastronomía. Se alguén lle interesa o programa podese consultar dende aquí, e por certo hoxe luns, están Marcelo e Taky falando e os pratos sonde Xoán Cannas, toda unha trinidade do Grupo Nove, mais o traballo non me vai permitir asistir.

Ferpalia

Voltando á visita do domingo, atopamos unha serie de stands nos que puidemos mercar o famoso porco celta que pronto probaremos, o requeixo da Capela do que falaba Colineta hai algo máis dun mes, diferentes presentacións de cogumelos e estrugas,  viño de varias D.O. galegas, pan e fundamentalmente algas, que debe ser a nova estrela da gastronomía galega, porque había un oferta moi ampla de productos e comercializadores.

Pero o evento que realmente nos chamou a visitar a feira, foi unha degustación da Faba de Lourenzá, magnífico froito da mariña luguesa, que afortunadamente xa coñecía. E digo isto porque se ben no programa estaba previsto o comezo do acto para as 13:00 h, comezou case tres cuartos de hora despois, e non me resultou moi lucido.

Primeiro falou o Alcalde da Lourenzá, que se dirixía aos presentes como se foramos guiris. Logo preparou un prato, un mestre do I.E.S. Carlos Oroza, que non paraba de chamarlle ás fabas, fabes, lembrándome a esta entrada de colineta (segunda vez que o ligo D. Miguel), por último falou Torrado O bruxo, que foi o encargado da preparación da degustación (ou iso entendín eu).

O conto é que eran as 14:30 h xa quedaramos para xantar, e o único que nos plantaran na mesa foron estes mexillóns en vinagrete, que estaban moi bos, pero non era o que estabamos a buscar.

Mexillóns

Menos mal que xa coñeciamos eses pequenos riles brancos, porque o final quedamos sen eles. Pasemos páxina mellor.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | Comentarios cerrados