Nov 09 2007

Restaurante Lera. Viaxe 2007.2 (II) - Toro

Published by emanem at 8:21 am under Castela-León, Gastronomía, Persoal, Restaurantes, Viaxes

Desvelada a incognita: xantar no Lera foi o causante do noso paso por Toro. En realidade, resultou unha afortunada segunda escolla, dado que o plan era visitar novamente o Empalme, pero unha semana antes xa non tiñan mesas libres. Curiosamente atopei a entrevista que lle fixeron a Gloria Lucía Martín nun xornal que casualmente lin no noso paso por Palencia uns días despois, e da que recomendo lectura.

Voltando ao fío, o Restaurante Lera foi a primeira estrela Michelín de Castilla-León, e tamén primeira da nosa viaxe. Atópase na zona vella toresana nun edificio de pedra do século XV, á beira do arco do reloxo. Entramos nun dos comedores tras baixar uns poucos chanzos. Trátase dun semisótano onde combinan os muros de pedra cunha parede sobre a que se reproduce en grandes letras vermellas un texto de Leonardo da Vinci. Cunha aparente aleatoriedade, unhas ornacinas interrompen a lectura para amosar botellas de viño da D.O. Toro. Á súa beira nos sentamos, e comezamos coa revisión das cartas.

Non había ninguén no comedor que pedira un menú degustación ao que somos tan afeccionados. Isto fixo que Moraiminha dubidara si sería unha boa elección, pero a miña convicción de que o propio cociñeiro é o máis indicado para recomendarnos cales son as súas virtudes, gañou a partida. A carta de viños representaba amplamente a denominación de orixe local, cun pequeno espazo para outras referencias.

O noso primeiro disgusto foi comprobar que se podía fumar. Afortunadamente para nós, non o fixeron nas mesas inmediatas, o que xunto cunha eficiente renovación do aire, minimizou os danos.

Comezamos cunha oferta de diferentes tipos de pan: normal, branco, de aceite, de pasas e noces, de centeo, pode que algún máis que a memoria non sostén ata hoxe... O menú degustación (40 euros por persoa) estaba formado por oito pratos: aperitivo, catro primeiros, peixe, carne e dúas sobremesas.

  • O aperitivo da casa foille ofrecido a todos os comensales. Composto por un caldiño (no medio), e unha cecina de lengua e un rulo de perdiz espectaculares.


  • Foie de pichón. Sabroso inicio, aínda que o sabor do curry no chutney enmascarou o do mango, non tiña probado esta preaparación antes.
  • Escabeche de xabarín. Estabamos de sorte. Unha preparación clásica de caza. O escabeche lembrounos ao que facemos nós na casa, mais con coello.
  • Lentellas de pato. Seica dín por Castela que as lentellas son comida de pobres. Nós moi ricos non somos, pero soubemos apreciar este ennobrecemento da modesta legume con foie.
  • Ameixas. Sorprendentemente boas, preparadas á mariñeira con allo porro. Tal como despois lle comentaríamos a Luis Alberto Lera, mellores que en moitos restaurantes de renome de Galicia, aínda que non mellores que as que facemos nós na casiña (isto non llo dixemos).


  • Cazón, acompañado de verduriñas e trompetillas de la muerte (crathaerellus cornucoioides) deshidratadas. Do menos sobresaínte, directamente quedo coa guarnición.
  • Lebre. A estrela sen dúbida. Rechea de trufa, carne picada de porco e tenreira, un chorro de armagnac, e pode que algún ingredente máis que nos quedara atrás, e cociñada no forno a baixa temperatura de 8 a 10 horas. Indescriptible.
  • A primeira sobremesa xa sen fame foi o Capuchino: suave sabor a café, case imperceptible, crocante a galleta no fondo. Correcto.



  • Uvas con queixo... saben a beso. Un clásico revisitado. O camareiro non nos soubo explicar que era de cada queixo, pero penso que o deducimos ben. Xeado de queixo de cabra, crema de queixo de ovella, e escuma de queixo azul. A abundancia e potente sabor deste último enmascarou o sabor do resto. Gustoume a idea, pero fallou a execución neste punto.

Deixei para o final o viño deliberadamente. Seguindo unha recomendación accidental de Ricardo, eliximos un Liberalia Cuatro. 2003. Segundo a somelier , tratábase dun Toro suave, e non quedamos con gañas de probar un dos de verdade, demasiado corpo para nós. Días despoís, cando xa eliminara a D.O. da miña lista, convencéronme de que o erro foi comezar a bebelo sen comer nada, e unha vez probado o Finca Yerro, formará parte da nosa pequena adega particular, pero esta xa é outra historia.

Pero voltemos ao tema... Unha vez rematado o xantar, acercouse o cociñeiro a interesarse pola xantar. Non sabemos se foi polas fotos, ou porque fomos os únicos ese día en tomar o menú degustación. Como non podía ser doutro xeito, comentámoslle a nosa satisfacción polo xantar: a sorpresa que nos causaran as ameixas (rimos ó comentar como en todas partes se atopa quen estrague un bo producto, como podería ser o lechazo pola súa zona) e o espectacular que era a lebre, un dos seus pratos estrela, polo que puidemos deducir e comprobar. Neste momento, disculpouse por non ter falado con nós antes, pois nos tería posto algún prato máis de caza, vendo que nos gustaba, pero o local estaba completo, el tivera moito que facer na cociña e con máis carne non teriamos podido.
Aínda que o local resultou un tanto barulleiro (12 de outubro, festas no pobo...) comentaban os camareiros que se tiveran dous comedores ese día seguro que os enchían pola cantidade de xente que chegou sen reserva e non puido ser atendida. En definitiva, un dos mellores xantares das vacacións enogastronómicas, por pouco máis de 100 €, incluindo o viño e os cafés. E, como non, un aliciente máis para visitar Toro, que sempre paga a pena.

Finalmente, para quen guste dos detalles, o álbum de fotos do xantar.

Chuzame! chuzame -

One Response to “Restaurante Lera. Viaxe 2007.2 (II) - Toro”

  1. gourmetdeprovinciason 09 Nov 2007 at 9:24 pm

    Pois parece que queda confirmado para esa xantanza da diáspora… cando nos apetezan catro horiñas de coche, claro :-)

    E eu estes días falando de que me apetecía caza. Porque non me pilla á man, que si chega estar máis cerca xa me plantaba alí.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume