Nov 29 2007
I aniversario e IV xantanza dos blogogastrónomos. Restaurante Allo e Aceite.
Agora que leo o título parece que está un a falar do Carlos de Habsburgo. Como xa comentaron algúns dos meus compañeiros blogogastrónomos nos seus respectivos blogs, o pasado sábado celebramos a xantanza de aniversario deste grupo de afeccionados á gastronomía. Para min xa forma parte do transcurrir anual, coma as mesmas estacións. O meu desexo neste que parece un punto de inflexión dentro do grupo, é que poidamos disfrutar dun cento de outonos máis.
Para non repetirme, e sobre todo para publicalo antes da vindeira paparota, que esta vida que levo non me deixa moito tempo para adicarlle a esta segunda actividade afección.
A nosa xornada comezou cun paseo polo casco vello pontevedrés, no que fixemos de improvisados cicerones de Manoel Foucellas e a súa dona. Visiblemente afectados pola noite anterior, aproveitamos o paseo para habilitar un espazo no noso corpo, onde albergar unha nova xantanza. (Por certo, Sr. Foucellas esta é a foto da que che falei). Traslado a Marín, onde o punto de reunión foi o Bar As Cuncas, que como non podía ser doutro xeito fora recomendado por moraiminha.
A miña opinión do Allo e Aceite xa a contei hai uns meses por aquí e non teño intención de cambiar nin unha coma. Así paso a comentar brevemente os pratos do menú que nos ofreceu Pablo, non sen antes comentar que a disposición das fotos non corresponde como é habitual ao orde de presentación, senon as miñas preferencias, destacando así os pratos que máis me gustaron.
Comezo polo aperitivo de Zamburiña con mahonesa de soia e queixo de cabra con mel, envolto este último nunha pasta philo (ou similar), que me encantou. Das croquetas
xa non sei que dicir. Son a miña debilidade, tanto a de choco coma a de bacallao. En breve voltarei falar delas...

Gustoume que aproveitaramos a presenza de cogumelos nos vindeiros pratos, mais non tanto o seu punto, tanto a cigala coma a langosta tiñan un exceso de cocción na miña opinión. O bo do inquilino da cama de arroz caldoso, é que tocou o extremo que une coa cabeza, co que collín o realmente máis saboroso do bicho.
O xurelo con pisto de cantharellus que tiña unha pinta incluso desagradable, disimulado baixo unha escuma dun sabor que tristemente non lembro, pero o sabor era francamente bo, e a tamén a combinación. Lembrei neste momento a anterior xantanza na que falei con Gonzalo de El Mercadito, do cheo que estaba dos Cantharellus Cibarius que traía o meu pai hai anos, mentras que para el era un cogumelo fantástico. A pescada con grelos e sopa de cebola simplemente magnífica. O peixe e os grelos no seu punto... teño unha fermosa foto onde se aprecia, que xa publicarei outro día. E sí, cominlle o pelexo, como ben sabe Xosé Manoel (prometo tentar rematar ese post, xa non digo antes, este ano).
A fazula con castaña á vainilla, con eses froito secos dandolle un toquiño orixinal, xeraron distintas opinións na mesa, a combinación tradicional de porco e castaña tan de esta época, quizais chegou un pouco tarde se queriamos saborear convenientemente as sobremesas. A primeira delas unha nova presentación do tradicional queixo, marmelo e galletas, son un exemplo de que non se necesita inventar a pólvora para sorprender, e non foi sorpresa para min porque xa o probara, pero si agardaba con impaciencia a chegada da torrada ao forno con xeado de vainilla, perfecto fin de festa. As magníficas gominolas foron a guinda do pastel.

A selección de viños foi na miña opinión mellorando cara o final, comezamos cun Zárate Tras da Viña 2004, que sendo un magnífico viño, quizais tiña demasiado corpo para acompañar un número tan elevado de pratos de peixe e marisco. Tamén pode ser que teño o padal deformado últimamente ;-). O tinto que acompañou á frugal presenza de tallada no menú, foi o meu primeiro contacto cun mencía con crianza. Algueira triunfou na miña opinión, e haberá que seguirlle os pasos. Durante a sobremesa correu o Moscato de Ochoa, que erroneamente asociei ao sur do levante, cando é orixinario de Navarra. Un caldo que non sabería clasificar, pero que se deixa beber, cunha baixa graduación alcohólica (similar á dunha cervexa), doce sen ser empalagoso, e cun punto de frescura.
A xantanza en definitiva e un lugar de encontro, aínda que non o pareza durante moito tempo os pratos pasan a un segundo plano, e interesantes conversas xurden dos distintos acompañantes, e porque non dicilo, de extremo a extremo da mesa, porque aínda que non é lugar, fago público o meu empeño en que estas xantanzas queden reducidas a un baixo número de comensáis. Discusións sobre o futuro de blogogastrónomos ou blogastrónomos (que é o nome oficial), como as que alí se deron, ou incluso máis profundas disertacións sobre a fermosura dun cociñeiro en particular, non se poderían dar noutras condicións. Os meus compañeiros nesta ocasión foron Xesús Fraga e Xosé Manoel, cos que penso aínda non compartira mesa tan perto. Viaxes, anécdotas, historias persoales, e como non, recomendacións de todo tipo. De momento sigo o criterio de ir compartindo mesa con xente nova cada vez, e xa van quedando menos... Cando estabamos no mellor da reunión, despois do terceiro grado que lle fixo Magago a Pablo, mentres comezaba outra interesante conversa, alguén falou de levantarnos. Eran xa ás sete da tarde, e o restaurante voltaba a abrir ás nove. Toda unha maratón a dese día para o Allo e Aceite.
O mestre Colineta fixo un oco na súa ministerial axenda, para compartir xantanza pero tivo que deixala a medias, polo que se dilatou no tempo.
Finalizando xa, coma sempre ligo as outras visións do mesmo evento. Só unha conxugación de todas elas levará ao lector na dirección correcta: Capítulo 0, Gourmet de provincias y el perro gastrónomo, Laconada, pequeno apuntamento de La Caja de los Hilos, que por fin completou, De Pinchos, Pantagruel Supongo, o Xantanzus Interruptus de Colineta e finalmente Matemáticas, paladar y fogones.
Só me queda darlle a benvida á nosa nova fichaxe estrela, coa que espero compartir conversa pronto, e rematar dunha vez.
chuzame -






¡¡¡Esa foto!!!
Gustouche?
Gracias por la calificación de “estrella”.
Espero que nos comuniquemos
Un abrazo:
Elena
Gustoume. O branco e negro sempre será imprescindíbel.
[…] Mas opiniones Gourmet de Provincias, Capítulo 0, Laconada, Outra vaca no millo, Colineta, Pantagruel, De Pinchos […]
[…] artífice da idea foi Magago que cara o final da IV Blogoxantanza xa nos comentou que lle andaba a dar voltas a un tema de autorregulación de blogs […]