I aniversario e IV xantanza dos blogogastrónomos. Restaurante Allo e Aceite.

Agora que leo o título parece que está un a falar do Carlos de Habsburgo. Como xa comentaron algúns dos meus compañeiros blogogastrónomos nos seus respectivos blogs, o pasado sábado celebramos a xantanza de aniversario deste grupo de afeccionados á gastronomía. Para min xa forma parte do transcurrir anual, coma as mesmas estacións. O meu desexo neste que parece un punto de inflexión dentro do grupo, é que poidamos disfrutar dun cento de outonos máis.
Para non repetirme, e sobre todo para publicalo antes da vindeira paparota, que esta vida que levo non me deixa moito tempo para adicarlle a esta segunda actividade afección.

A nosa xornada comezou cun paseo polo casco vello pontevedrés, no que fixemos de improvisados cicerones de Manoel Foucellas e a súa dona. Visiblemente afectados pola noite anterior, aproveitamos o paseo para habilitar un espazo no noso corpo, onde albergar unha nova xantanza. (Por certo, Sr. Foucellas esta é a foto da que che falei). Traslado a Marín, onde o punto de reunión foi o Bar As Cuncas, que como non podía ser doutro xeito fora recomendado por moraiminha.

A miña opinión do Allo e Aceite xa a contei hai uns meses por aquí e non teño intención de cambiar nin unha coma. Así paso a comentar brevemente os pratos do menú que nos ofreceu Pablo, non sen antes comentar que a disposición das fotos non corresponde como é habitual ao orde de presentación, senon as miñas preferencias, destacando así os pratos que máis me gustaron.

Comezo polo aperitivo de Zamburiña con mahonesa de soia e queixo de cabra con mel, envolto este último nunha pasta philo (ou similar), que me encantou. Das croquetas
xa non sei que dicir. Son a miña debilidade, tanto a de choco coma a de bacallao. En breve voltarei falar delas…



Gustoume que aproveitaramos a presenza de cogumelos nos vindeiros pratos, mais non tanto o seu punto, tanto a cigala coma a langosta tiñan un exceso de cocción na miña opinión. O bo do inquilino da cama de arroz caldoso, é que tocou o extremo que une coa cabeza, co que collín o realmente máis saboroso do bicho.

O xurelo con pisto de cantharellus que tiña unha pinta incluso desagradable, disimulado baixo unha escuma dun sabor que tristemente non lembro, pero o sabor era francamente bo, e a tamén a combinación. Lembrei neste momento a anterior xantanza na que falei con Gonzalo de El Mercadito, do cheo que estaba dos Cantharellus Cibarius que traía o meu pai hai anos, mentras que para el era un cogumelo fantástico. A pescada con grelos e sopa de cebola simplemente magnífica. O peixe e os grelos no seu punto… teño unha fermosa foto onde se aprecia, que xa publicarei outro día. E sí, cominlle o pelexo, como ben sabe Xosé Manoel (prometo tentar rematar ese post, xa non digo antes, este ano).


A fazula con castaña á vainilla, con eses froito secos dandolle un toquiño orixinal, xeraron distintas opinións na mesa, a combinación tradicional de porco e castaña tan de esta época, quizais chegou un pouco tarde se queriamos saborear convenientemente as sobremesas. A primeira delas unha nova presentación do tradicional queixo, marmelo e galletas, son un exemplo de que non se necesita inventar a pólvora para sorprender, e non foi sorpresa para min porque xa o probara, pero si agardaba con impaciencia a chegada da torrada ao forno con xeado de vainilla, perfecto fin de festa. As magníficas gominolas foron a guinda do pastel.

A selección de viños foi na miña opinión mellorando cara o final, comezamos cun Zárate Tras da Viña 2004, que sendo un magnífico viño, quizais tiña demasiado corpo para acompañar un número tan elevado de pratos de peixe e marisco. Tamén pode ser que teño o padal deformado últimamente ;-). O tinto que acompañou á frugal presenza de tallada no menú, foi o meu primeiro contacto cun mencía con crianza. Algueira triunfou na miña opinión, e haberá que seguirlle os pasos. Durante a sobremesa correu o Moscato de Ochoa, que erroneamente asociei ao sur do levante, cando é orixinario de Navarra. Un caldo que non sabería clasificar, pero que se deixa beber, cunha baixa graduación alcohólica (similar á dunha cervexa), doce sen ser empalagoso, e cun punto de frescura.

A xantanza en definitiva e un lugar de encontro, aínda que non o pareza durante moito tempo os pratos pasan a un segundo plano, e interesantes conversas xurden dos distintos acompañantes, e porque non dicilo, de extremo a extremo da mesa, porque aínda que non é lugar, fago público o meu empeño en que estas xantanzas queden reducidas a un baixo número de comensáis. Discusións sobre o futuro de blogogastrónomos ou blogastrónomos (que é o nome oficial), como as que alí se deron, ou incluso máis profundas disertacións sobre a fermosura dun cociñeiro en particular, non se poderían dar noutras condicións. Os meus compañeiros nesta ocasión foron Xesús Fraga e Xosé Manoel, cos que penso aínda non compartira mesa tan perto. Viaxes, anécdotas, historias persoales, e como non, recomendacións de todo tipo. De momento sigo o criterio de ir compartindo mesa con xente nova cada vez, e xa van quedando menos… Cando estabamos no mellor da reunión, despois do terceiro grado que lle fixo Magago a Pablo, mentres comezaba outra interesante conversa, alguén falou de levantarnos. Eran xa ás sete da tarde, e o restaurante voltaba a abrir ás nove. Toda unha maratón a dese día para o Allo e Aceite.

O mestre Colineta fixo un oco na súa ministerial axenda, para compartir xantanza pero tivo que deixala a medias, polo que se dilatou no tempo.

Finalizando xa, coma sempre ligo as outras visións do mesmo evento. Só unha conxugación de todas elas levará ao lector na dirección correcta: Capítulo 0, Gourmet de provincias y el perro gastrónomo, Laconada, pequeno apuntamento de La Caja de los Hilos, que por fin completou, De Pinchos, Pantagruel Supongo, o Xantanzus Interruptus de Colineta e finalmente Matemáticas, paladar y fogones.

Só me queda darlle a benvida á nosa nova fichaxe estrela, coa que espero compartir conversa pronto, e rematar dunha vez.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 8 Comentarios

De castelos por Castela. Viaxe 2007.2 (III)

Deixarse caer nos brazos de Dioniso é toda unha tentación. Se o combinas cun pouco de cultura, estarás no camiño da perfecta viaxe. Eis comezou a nosa pequena procura de pedras vellas.


Valladolid e Castelo tagged map by user – Tagzania

O roteiro dos castelos de Valladolid, inclue máis dunha ducia destas fortalezas medievais en distintos estados de conservación, das cales só visitamos as tres que amosa o mapa.

Desviarse 1 km para voltar 25 anos atrás non ten prezo. Así me sentín cando vin as formas do Castelo de Villalonso, o primeiro que visitamos, alumeado polos inclinados raios do solpor. Era como voltar a estar na alfombra da habitación, montando o meu pequeno Exín Castillos. Tal como se ve na foto, estabamos no medio dunha eira de trigo colleitado. Atravesándoa a andar, para atallar, demos unha volta ao seu redor, e descubrimos un depósito de auga que afeaba a estampa, ademáis dunha curiosa utilización dos seus vellos muros. Un Frontón.
Castillo_Villalonso-Valladolid-2007-02.jpg

A continuación visitamos o Castillo de los Téllez de Meneses en Tiedra nun estado bastante lamentable, pero transmitindo, aínda, respeto dende o alto dun outeiro. Finalizando o mini tour acercámonos deica o Castillo de los Enríquez en Torrelobatón, cunha impresionante presenza, recentemente rehabilitado, e do que non puidemos ver o interior.

Chamoume atención a utilización destes edificios como silos e pombáis. Curiosos usos lles deparou a historia a quen en tempos mellores albergou nobres, soldados e servos, presenciaría batallas e quen sabe que máis…

Para os interesados deixo máis imaxes no seu album.

Publicado en Castilla-León,Persoal,Viaxes | 3 Comentarios

Jorge Drexler – Cara B

Despois dunha átipica semana laboral de sete días, empalmando con outra que ía ser aínda peor, cunha presión á que (non me custa recoñecer) non estou afeito, todo o día colgado dun teléfono móbil que non para de soar, e coordinando máis elementos dos que debería, cheguei á noite do domingo sen gañas de nada. Como as entradas para Jorge Drexler que actuaba no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro do ciclo Con Voz Propia, estaban mercadas dende había días, decidín acompañar a moraiminha igualmente, con poucas esperanzas postas no evento, porque non é un cantautor polo que teña unha especial afinidade, e o meu estado de ánimo non estaba para moita leria.
071110-jorge-drexler-cara-b-pazo-da-cultura-pontevedra.jpg
Sin embargo, saín notablemente sorprendido. Un uruguaio tentando dicir palabras en galego, que se dirixiu ao público en brasileiro, que ao final ven sendo un pouco o mesmo, que interaccionou co público en todo momento. Aceptando peticións do público, máis ben solicitándoas, contanto historias, e dando en definitiva un espectáculo grandioso, cunha guitarra, a voz, unha boa colección de pedáis e un técnico de son que resultou un compoñente máis da banda unipersonal.

Referencias á actuación que dou esa mesma mañá en Muxía no quinto aniversario da traxedia do Prestige, un par de versións (non a de High and Dry), e un feixe de bos momentos son as lembranzas que me quedan dese día.

Colgo un video doutro concerto, non o de Pontevedra, onde votou unha parrafada similar:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ceIoR9J9Yok" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Dende xa tereino en conta nas miñas audicións… e non so porque estea liado con ELA.

Publicado en Concertos,Espectáculos,Música | Comentarios cerrados

Restaurante Lera. Viaxe 2007.2 (II) – Toro

Desvelada a incognita: xantar no Lera foi o causante do noso paso por Toro. En realidade, resultou unha afortunada segunda escolla, dado que o plan era visitar novamente o Empalme, pero unha semana antes xa non tiñan mesas libres. Curiosamente atopei a entrevista que lle fixeron a Gloria Lucía Martín nun xornal que casualmente lin no noso paso por Palencia uns días despois, e da que recomendo lectura.

Voltando ao fío, o Restaurante Lera foi a primeira estrela Michelín de Castilla-León, e tamén primeira da nosa viaxe. Atópase na zona vella toresana nun edificio de pedra do século XV, á beira do arco do reloxo. Entramos nun dos comedores tras baixar uns poucos chanzos. Trátase dun semisótano onde combinan os muros de pedra cunha parede sobre a que se reproduce en grandes letras vermellas un texto de Leonardo da Vinci. Cunha aparente aleatoriedade, unhas ornacinas interrompen a lectura para amosar botellas de viño da D.O. Toro. Á súa beira nos sentamos, e comezamos coa revisión das cartas.

Non había ninguén no comedor que pedira un menú degustación ao que somos tan afeccionados. Isto fixo que Moraiminha dubidara si sería unha boa elección, pero a miña convicción de que o propio cociñeiro é o máis indicado para recomendarnos cales son as súas virtudes, gañou a partida. A carta de viños representaba amplamente a denominación de orixe local, cun pequeno espazo para outras referencias.

O noso primeiro disgusto foi comprobar que se podía fumar. Afortunadamente para nós, non o fixeron nas mesas inmediatas, o que xunto cunha eficiente renovación do aire, minimizou os danos.

Comezamos cunha oferta de diferentes tipos de pan: normal, branco, de aceite, de pasas e noces, de centeo, pode que algún máis que a memoria non sostén ata hoxe… O menú degustación (40 euros por persoa) estaba formado por oito pratos: aperitivo, catro primeiros, peixe, carne e dúas sobremesas.

  • O aperitivo da casa foille ofrecido a todos os comensales. Composto por un caldiño (no medio), e unha cecina de lengua e un rulo de perdiz espectaculares.


  • Foie de pichón. Sabroso inicio, aínda que o sabor do curry no chutney enmascarou o do mango, non tiña probado esta preaparación antes.
  • Escabeche de xabarín. Estabamos de sorte. Unha preparación clásica de caza. O escabeche lembrounos ao que facemos nós na casa, mais con coello.
  • Lentellas de pato. Seica dín por Castela que as lentellas son comida de pobres. Nós moi ricos non somos, pero soubemos apreciar este ennobrecemento da modesta legume con foie.
  • Ameixas. Sorprendentemente boas, preparadas á mariñeira con allo porro. Tal como despois lle comentaríamos a Luis Alberto Lera, mellores que en moitos restaurantes de renome de Galicia, aínda que non mellores que as que facemos nós na casiña (isto non llo dixemos).


  • Cazón, acompañado de verduriñas e trompetillas de la muerte (crathaerellus cornucoioides) deshidratadas. Do menos sobresaínte, directamente quedo coa guarnición.
  • Lebre. A estrela sen dúbida. Rechea de trufa, carne picada de porco e tenreira, un chorro de armagnac, e pode que algún ingredente máis que nos quedara atrás, e cociñada no forno a baixa temperatura de 8 a 10 horas. Indescriptible.
  • A primeira sobremesa xa sen fame foi o Capuchino: suave sabor a café, case imperceptible, crocante a galleta no fondo. Correcto.



  • Uvas con queixo… saben a beso. Un clásico revisitado. O camareiro non nos soubo explicar que era de cada queixo, pero penso que o deducimos ben. Xeado de queixo de cabra, crema de queixo de ovella, e escuma de queixo azul. A abundancia e potente sabor deste último enmascarou o sabor do resto. Gustoume a idea, pero fallou a execución neste punto.

Deixei para o final o viño deliberadamente. Seguindo unha recomendación accidental de Ricardo, eliximos un Liberalia Cuatro. 2003. Segundo a somelier , tratábase dun Toro suave, e non quedamos con gañas de probar un dos de verdade, demasiado corpo para nós. Días despoís, cando xa eliminara a D.O. da miña lista, convencéronme de que o erro foi comezar a bebelo sen comer nada, e unha vez probado o Finca Yerro, formará parte da nosa pequena adega particular, pero esta xa é outra historia.

Pero voltemos ao tema… Unha vez rematado o xantar, acercouse o cociñeiro a interesarse pola xantar. Non sabemos se foi polas fotos, ou porque fomos os únicos ese día en tomar o menú degustación. Como non podía ser doutro xeito, comentámoslle a nosa satisfacción polo xantar: a sorpresa que nos causaran as ameixas (rimos ó comentar como en todas partes se atopa quen estrague un bo producto, como podería ser o lechazo pola súa zona) e o espectacular que era a lebre, un dos seus pratos estrela, polo que puidemos deducir e comprobar. Neste momento, disculpouse por non ter falado con nós antes, pois nos tería posto algún prato máis de caza, vendo que nos gustaba, pero o local estaba completo, el tivera moito que facer na cociña e con máis carne non teriamos podido.
Aínda que o local resultou un tanto barulleiro (12 de outubro, festas no pobo…) comentaban os camareiros que se tiveran dous comedores ese día seguro que os enchían pola cantidade de xente que chegou sen reserva e non puido ser atendida. En definitiva, un dos mellores xantares das vacacións enogastronómicas, por pouco máis de 100 €, incluindo o viño e os cafés. E, como non, un aliciente máis para visitar Toro, que sempre paga a pena.

Finalmente, para quen guste dos detalles, o álbum de fotos do xantar.

Publicado en Castilla-León,Gastronomía,Persoal,Restaurantes,Viaxes | 1 Comentario

Viaxe 2007.2 (I) – Toro

Comezo así, un breve relato das miñas primeiras vacacións estrictamente enogastronómicas. Definitivamente morrerei pobre, porque en vez de aforrar para ter máis posesións e riquezas, sempre que podo procuro dar unha volta polo mundo, un exercicio que de ser recetado polos médicos aforraría moitas liortas neste mundo que nos toca vivir. Acostumo a visitar os lugares máis lonxanos que permite o meu peto, porque sempre penso que cos anos serei aínda máis preguiceiro. Na vindeira entrada saberedes que me levou alí, porque aínda que fermosa, a visita a Toro foi un pracer colateral.
castilla-leon.zip
Flotando sobre as rúas de cantos de río, pasamos por baixo do Arco do reloxo, do que se dí que a masa utilizada para a súa construcción foi feita con viño (de Toro, of course), e ao final da rúa aparece a Colexiata de Santa María la Mayor. Para visitala tivemos que sortear un mercado medieval, enmarcado nos actos da Festa da vendima, que por aquelas terras e outras que logo visitaremos é ben tarde se o comparamos coas que deixamos atrás.

No seu interior, realizamos un pequeño descanso coincidindo cuns minutos musicais. Variacións do Adagio de Albinioni e o Canon de Pachebel interpretadas nun escenario de excepción.

Detrás da colexiata atópase un miradoiro dende o que se pode ver unha boa extensión da ancha Castilla. Fugaces compañeiros de visita, salientaban a fermosura da vista, que sen ser desagradable, non me dicía moito. Saliento iso sí, a ponte romana (aínda que a denominación correcta sería románica), baixo a que pasa o Douro dende hai máis de 8 séculos.
castilla-leon.zipPero a pequena vila non ten só grandes edificios, o que sorprende é atopar. En calquera lugar atopas edificios singulares, e grandes portóns de madeira, vestixios dunha época na que a cidade debeu ter maior relevancia. Iso sí mágoa de coches. Presente por calquera lugar, un acostumado a peonalización pontevedresa, percátase da súa fortuna cando chega a lugares así.
castilla-leon.zip
Estou certo de que Toro da para máis e que nunha vindeira visita teremos que adicarlle máis tempo. Está nun bo sitio de paso para o resto da peninsula especialmente para quen coma min fuxe das maratonianas xornadas en coche.

Quen quedara con gañas de máis información pode pasar pola páxina do Concello de Toro, que aínda que abusou do flash(manías que che teño), ten uns contidos interesantes.

Publicado en Castilla-León,Viaxes | Comentarios cerrados