Feiraco Forever
Uns máis outros menos, todos estamos afeitos a baduar contra calquera produto ou servizo que non funciona ou co que temos algún problema; pero o que non facemos tan acotío é falar ben cando as cousas si son como deberían. Máis ou menos, isto foi o que me pasou con Feiraco:
Hai uns días, cando me atopaba abrindo un cartón de leite para o almorzo, non sei que pasou que me manquei no pulgar da man dereita, que empezou a sangrar dun xeito bastante escandaloso. E cabreeime, porque aínda que xa tiveramos problemas co sistema de apertura noutras ocasións, seguimos a mercar este leite por iso de que se trata dun produto galego, e as cousas no campo non son fáciles precisamente; así que collín folgos, desenrosquei a tapa, e tirei do anel de plástico que supostamente abre o paquete. Non sei que fixen, pero o meu dedo empezou a sangrar.
Así que o primeiro que fixen ó chegar ó traballo foi buscar o enderezo electrónico de Feiraco, enviarlles unha mensaxe mostrando o meu enfado polo percance, e, moi digna, rematar afirmando que acababan de perder un cliente.
Con certa sorpresa (agradábel, por certo) recibín ó día seguinte contestación á miña queixa. Na resposta comezaban pedindo disculpas polo incidente, e pasaban a explicarme que o selado do slim-clap, que é como se chama o sistema de peche en cuestión, lles estaba a dar algúns problemas que intentaban detectar co control de calidade posterior, pero que iso non sempre funcionaba, polo que estaban a intentar solucionalo co cambio de parte da maquinaria. Tamén me dicían que, a modo de disculpa, me enviarían unha caixa de leite á miña casa.
Contestei, como non podía ser doutro xeito, aceptando as disculpas, e agradecendo a contestación á miña queixa. Tal como funcionan algúns servizos post-venta, unha atenta disculpa (que outra cousa quería eu, senon que me escoitasen?) e unha explicación é todo o que na maioría dos casos necesita o cliente.
Entablada xa unha certa relación co Sr. Feiraco (así dei en chamar ó meu interlocutor), este voltou a responder ó meu correo, preguntándome se tiña algún outro paquete de leite que mercara xunto có do incidente, e se sería posíbel que llo remitise (a portes debidos, por suposto) xa que así poderían examinar o fallo do sistema e tratar de mellorar o produto. Quedamos, pois, en facer o trueque: eu lles enviaba os bricks presumibelmente defectuosos, e eles me mandaban outros para sustituilos.

Mandeilles o meu número de teléfono móbil, e cal non foi a miña sorpresa cando, ó pouco, me estaba chamando quen se identificou como Director de Marketing de Feiraco! Falamos un bo pouco, voltou a pedirme disculpas, eu agradecín de novo a súa atención, e quedamos en que un par de días despois fariamos o cambio do que antes falaba, para o cal alguén pasaría pola miña casa para que eu non tivese que molestarme máis do preciso. Tal como quedaramos, dous días despois, esta misma persoa se puxo de novo en contacto conmigo para quedar para dicirme que esa tarde viría alguén, probabelmente o delegado de zona a visitarme.
A miña sorpresa foi maiúscula cando, esa tarde, apenas unha semana despois da miña queixa, o delegado de zona e o Sr. Feiraco (en realidade, o Director de Marketing, como xa dixen) timbraban á miña porta cos paquetes de leite que vedes na foto. Falamos durante case unha hora (como diría un amigo enxeñeiro, dous recursos para unha sóa tarefa!), non só do que lles traía alí senón, como podedes supoñer, de moitas outras cousas relacionadas co consumo, coa atención ó cliente, o control de calidade, o prezo do leite, algunha que outra lenda urbana que circula sobre os cartóns de leite, e non sei cantas cousas máis.
O que si sei, é que a min o Sr. Feiraco tenme gañada de por vida.