Feiraco Forever

Uns máis outros menos, todos estamos afeitos a baduar contra calquera produto ou servizo que non funciona ou co que temos algún problema; pero o que non facemos tan acotío é falar ben cando as cousas si son como deberían. Máis ou menos, isto foi o que me pasou con Feiraco:

Hai uns días, cando me atopaba abrindo un cartón de leite para o almorzo, non sei que pasou que me manquei no pulgar da man dereita, que empezou a sangrar dun xeito bastante escandaloso. E cabreeime, porque aínda que xa tiveramos problemas co sistema de apertura noutras ocasións, seguimos a mercar este leite por iso de que se trata dun produto galego, e as cousas no campo non son fáciles precisamente; así que collín folgos, desenrosquei a tapa, e tirei do anel de plástico que supostamente abre o paquete. Non sei que fixen, pero o meu dedo empezou a sangrar.

Así que o primeiro que fixen ó chegar ó traballo foi buscar o enderezo electrónico de Feiraco, enviarlles unha mensaxe mostrando o meu enfado polo percance, e, moi digna, rematar afirmando que acababan de perder un cliente.

Con certa sorpresa (agradábel, por certo) recibín ó día seguinte contestación á miña queixa. Na resposta comezaban pedindo disculpas polo incidente, e pasaban a explicarme que o selado do slim-clap, que é como se chama o sistema de peche en cuestión, lles estaba a dar algúns problemas que intentaban detectar co control de calidade posterior, pero que iso non sempre funcionaba, polo que estaban a intentar solucionalo co cambio de parte da maquinaria. Tamén me dicían que, a modo de disculpa, me enviarían unha caixa de leite á miña casa.

Contestei, como non podía ser doutro xeito, aceptando as disculpas, e agradecendo a contestación á miña queixa. Tal como funcionan algúns servizos post-venta, unha atenta disculpa (que outra cousa quería eu, senon que me escoitasen?) e unha explicación é todo o que na maioría dos casos necesita o cliente.

Entablada xa unha certa relación co Sr. Feiraco (así dei en chamar ó meu interlocutor), este voltou a responder ó meu correo, preguntándome se tiña algún outro paquete de leite que mercara xunto có do incidente, e se sería posíbel que llo remitise (a portes debidos, por suposto) xa que así poderían examinar o fallo do sistema e tratar de mellorar o produto. Quedamos, pois, en facer o trueque: eu lles enviaba os bricks presumibelmente defectuosos, e eles me mandaban outros para sustituilos.
feiraco brick leite

Mandeilles o meu número de teléfono móbil, e cal non foi a miña sorpresa cando, ó pouco, me estaba chamando quen se identificou como Director de Marketing de Feiraco! Falamos un bo pouco, voltou a pedirme disculpas, eu agradecín de novo a súa atención, e quedamos en que un par de días despois fariamos o cambio do que antes falaba, para o cal alguén pasaría pola miña casa para que eu non tivese que molestarme máis do preciso. Tal como quedaramos, dous días despois, esta misma persoa se puxo de novo en contacto conmigo para quedar para dicirme que esa tarde viría alguén, probabelmente o delegado de zona a visitarme.

A miña sorpresa foi maiúscula cando, esa tarde, apenas unha semana despois da miña queixa, o delegado de zona e o Sr. Feiraco (en realidade, o Director de Marketing, como xa dixen) timbraban á miña porta cos paquetes de leite que vedes na foto. Falamos durante case unha hora (como diría un amigo enxeñeiro, dous recursos para unha sóa tarefa!), non só do que lles traía alí senón, como podedes supoñer, de moitas outras cousas relacionadas co consumo, coa atención ó cliente, o control de calidade, o prezo do leite, algunha que outra lenda urbana que circula sobre os cartóns de leite, e non sei cantas cousas máis.

O que si sei, é que a min o Sr. Feiraco tenme gañada de por vida.

Publicado en Batallas,Persoal | 30 Comentarios

Marcelo = Argazos + Imaxinación

Esta ecuación resume a impresión do obradoiro que impartiu Marcelo Tejedor acompañado de Iván (o seu alter ego, nas súas propias palabras) enmarcado nas xornadas Santiago Repetirás, a derradeira do mes de xaneiro adicada ao marisco, que nos trouxo esta nova incorporación á equipa que son as algas. Chondracanthus, kombu, nori e wakame, nomes todos eles exóticos combinaban con ramallo de mar, musgo irlandés e leituga de mar, palabras que identifican a algunhas das 600 especies que poboan as nosas costas.

Un evento moi interactivo, onde puidemos ver, cheirar e apalpar varios exemplares en distintas presentacións, fresca, salgada, envasada e como non… tamén cociñada, porque aínda que perdín a conta, penso que vimos e probamos unhas 6 ou 7 presentacións distintas.

O cafeto-caldo de algas e bonito que coceu uns gambóns envoltos en panelo, lembroume unha presentación da nosa visita ao seu restaurante.

A traca final foi o agasallo duns marshmallows (nubes de azucre) de argazos (sinto non lembrar ningún nome, pero era moita información para un domingo pola mañá), presentados nunhas latas de sardiñas, depois as galletas mariñeiras? de algas con mermelada tamén de algas, presentada nuns envases coma os pequenos de pegamento Imedio… E, como non, o pan líquido en aerosol que utilizou para facer unha empanada aberta de berberechos en lata, en dúas variantes, con aceite de chondracanthus e con allada, que tivemos o pracer de probar.



As dúas conexións do programa A Revista da TVG, resultaron ser bastante intrusivas e molestas. O único bo é que podemos conservar un par de intres, para a posteridade:

Se queredes ver algunha outra foto do obradoiro, aquí as tedes.

Por se alguén estivera interesado en asistir a algún dos vindeiros eventos, teñen un custe de 10 € por persoa e é preciso reservar.

Publicado en Actualidade,Gastronomía,Persoal | 1 Comentario

Utilizando o VOLGA en Internet Explorer 7

Agradablemente sorprendido ante o éxito do anterior artigo, fago público tamén a mesma utilidade para Internet Explorer 7. Non é este un navegador que utilice habitualmente, pero si outros moitos usuarios que poden atopar útil esta nova entrada.

Hoxe aprendín que os motores de busca baseados en Opensearch poden ser usados en Firefox e tamén en Internet Explorer 7. Coma onte non o sabía andiven a procura doutro xeito para poder engadilos. É un pouco máis enrevesado, pero tamén funciona, e como xa o teño feito, vouno deixar por se se a alguén lle serve de axuda, aínda que o procedemento recomendado sexa o que vai a continuación.

Então, ao igual que co Firefox dirixímonos ao mesmo link de mycroft que para firefox, e prememos sobre Vocabulario galego R.A.G.

Volga

Saltará un diálogo: Agregar proveedor de búsquedas e finalmente prememos en Agregar proveedoror

E así é como queda…

Volga Internet Explorer 7

Xa que está a ter tanto éxito agradezo que alguén prema en [Judge it] e o valore…

A continuación a primeira versión (que despóis do choio que me levou non me gusta desbotar o que escribo, que leva moito tempiño).


Para quen sexa tan preguiceiro como para non seguir os breves pasos pego aquí a chave extraída do rexistro de windows que habilita o uso do Volga. Isto implica privilexios de administrador da máquina, e probablemente desactivar o antivirus ou antispyware.
Ollo!. Modificar o rexistro sen coñecementos pode desembocar nun sistema que non arrinque. Isto é a responsabilidade de cada quen.Velaquí o código para que se vexa que non hai nada raro, aínda que por cuestións de formateo do blog se vexa tan mal:
Windows Registry Editor Version 5.00
[HKEY_CURRENT_USER\Software\Microsoft\Internet Explorer\SearchScopes\{664356E6-431C-4922-9F8F-7EBE4EA172EC}]
"DisplayName"="Vocabulario galego R.A.G."
"URL"="http://www.realacademiagalega.org/galicianvocabulary/FindByWord.do?word={searchTerms}"
"Codepage"=dword:0000fde9
Unha vez desvelado o segredo temos dúas opcións para agregalo aos nosos Explorer:

  1. Descargar este ficheiriño (Chave de rexistro para engadir o motor de busca VOLGA da Real Academia Galega) do seguinte xeito:
    1. Botón dereito enriba da ligazón.
    2. Gardar, tendo boa conta de cambiar a extensión de .jpg a .reg e seleccionar tipo: Todos los archivos.
    3. Deste xeito teredes un arquivo volga.reg que unha vez feito doble click sobre el, fará un par de preguntas de seguridade, antes de engadir o ficheiro ao rexistro.
  2. Copiar o texto do código gardalo nun ficheiro de texto con extensión .reg (para os desconfiados coma min) e executalo para engadilo ao rexistro.

Con calquera das dúas opcións así de fermoso queda:

Volga Internet Explorer 7

E con isto coido que xa rematei coas miña boas accións do novo ano ;-) .

Publicado en Aplicacións,En galego | Comentarios cerrados

Utilizando o VOLGA en Firefox

Unha das moitas carencias que ten a nosa língua en internet é a falta dun diccionario online. Alguén pode dicir que temos isto, pero só para iso podería estar calado. Non está na miña man facer un diccionario, pero sigo a necesitar un lugar onde poder solventar as miñas dúbidas co galego (e abofé, son moitas).

A referencia que máis uso cando estou a escribir e teño algunha dúbida é o VOLGA (Vocabulario Ortográfico da Lingua GAlega), que non ten definicións, mais éche o que hai . Ter que entrar na páxina continuamente non é moi práctico, por iso, dado que ninguén se animou antes, decidín facer un motor de busca para Firefox.

A entrada no VOLGA semella ter dúas páxinas distintas: esta e estoutra. Coa primeira foime imposible traballar (non é que sexa ningún experto), pero coa outra foi doado. Así teño o pracer de presentar o motor de busca do VOLGA.

Volga

Para instalalo non hai máis que ir á páxina de Mycroft Project e buscalo ou ben atallar por aquí. Unha vez alí premer sobre Vocabulario galego R.A.G e listo.

Unha vez instalado verás algo semellante a isto…

Volga firefox motor busca galego

Listo para usar.

Máis nada, esperando que lle sexa tan útil a alguén máis que a min deixovos en paz durante uns diíñas…

Publicado en Aplicacións,En galego,Mozilla.org | 17 Comentarios

Pariska – Praha 1

Para os checos este un de xaneiro foi un motivo de festa por varios motivos:

Estos son os foguetes tirados dende Letenské sady, vistos dende a intersección de Pariska e Staroměstské Náměstí . Unha morea de xente ateigaba a zona máis exclusiva de Praha, baixo a luz artifical da polvora ardendo e a iluminación de nadal das árbores.

Publicado en Česká republika,Intres,Persoal,Viaxes | Comentarios cerrados