Código Cociña ou de como os blogs enogastronómicos fan un esforzo por autorregularse
Xa hai uns días que aparece esta imaxe na barra da dereita. Supoño que os que sentirades curiosidade, xa a saciariades premendo sobre ela. Non lle vou dar máis voltas, posto que os restantes colaboradores na creación deste código deontolóxico, os blogogastrónomos Magago, Gourmet de Provincias, Colineta e Sole xa deron explicacións que eu non sabería mellorar.
O artífice da idea foi Magago que cara o final da IV Blogoxantanza xa nos comentou que lle andaba a dar voltas a un tema de autorregulación de blogs enogastronómicos e que sería unha boa plataforma o Fórum Gastronómico de Santiago para lanzala. Agora igual soa un pouco pretencioso, pero lembro que me pareceu unha magnífica idea, como lle fixen saber daquela, e aínda que a miña colaboración foi minúscula sintome un pouco coma un achegado a criatura.
Ao final o prelanzamento foi algo antes de tempo, pero supoño que a proxección mundial virá dada pola presentación oficial o día 18 de febreiro, na que espero estar e contarche que foi o que alí pasou.
