Feb 04 2008
Gastronomía checa do Nadal. Comida
Non lembro ter feito nada útil nun primeiro de ano, e iso que xa non son un rapaz. A festa foi tranquila, co que tampouco nos erguemos moi tarde, por iso aproveitamos para visitar Praha o día 1 de xaneiro. Cousa que non penso que fixera en ningures... coido que nin en Pontevedra ;-).
Collemos o metro (liña amarela) e paramos en Můstek ou Národní trida para desfrutar dun paseo matinal baixo cero polo centro da cidade. Atraídos por unha forza invisíbel, diriximos os nos pasos cara
Staroměstské Náměstí (a Praza vella), onde nos topamos cun mercado de nadal. Alí descubrimos algúns do elemenos gastronómicos do nadal-inverno checo.

Imaxinade unha filloa feita de pataca. Iso é un Lokše. Non se trata de ningunha lei orgánica checa, senon dunha preparación típica eslava. Tomámola rechea dunha klobása (salchicha). Alí (en realidade coido que por toda centroeuropa), non hai poucas variedades, senon un feixe delas, pero non teño os coñecementos da lingua, nin a información como para espallarme neste punto. Iso sí ainda non atopamos a que non nos gustar.
A continuación caeu un Langoš, que é outra masa a base tamén de pataca, pero neste caso vai fritida en abundante aceite. Acompáñase de ingredentes doces ou salgados. Neste caso era tomate e queixo a xeito de pizza. Non sei que graxas utilizaron para fritilo, pero podo garantir que o aceite de oliva alí é toda unha rareza.

A sobremesa foi un Trdelnik. É unha masa que vai envolta á unha barra polo que adquire esta forma tan particular. Actualmente se utilizan uns rolos de aceiro para a súa preparación e son cociñadas con gas, aínda que tamén atopei un auténtico e tradicional Trdlo de madeira que era quentado por brasas.
Fixádevos no bandeado das zonas do rolo que quedaban expostas ao intenso calor das brasas e por tanto se torraban. Era este o reclamo do posto no que mercamos o exemplar que amosamos aquí debaixo, e polo boas que estaban penso que atinamos. O acompañamento é Svarak, pero deixo as bebidas para unha vindeira entrega.

chuzame -




