Chef Rivera
Mentres o Grupo Nove andaba de festa con Pista Catro na Sala Compostela, decidín abandonar ao groso do público e ver quen era este clásico da cociña galega que é o Chef Rivera, que xunto a Toñi Vicente son os nomes clásicos que resoan no fondo das miñas lembranzas gastronómicas. Sempre referencias de oídas, mais nada en concreto.
Así que tiven a sorte de velos aos dous no mesmo obradoiro, Toñi de público, e o Chef Rivera como protagonista, xunto ao seu fillo Alejandro.
Pero a verdadeira convidada era a lamprea. Esta gran descoñecida que foi tratada por completo alí mesmo. Dende a súa limpeza, abrindo unha alí mesmo, coa facilidade de quen xa o fixo varios centos de veces, ata a presentación dunhas cantas receitas, que incluiron a tradicional Bordelesa, e outras polo visto tamén típicas dalgúns lugares coma o Timbal de Lamprea, da que podedes ver unha imaxe da pantalla con pouco detalle, pero que da unha idea do concepto do pan coma contedor de peixe e salsa, fermoso… e delicioso, porque tiven o privilexio de saboreala. A continuación amoso as dúas degustacións que nos ofreceron o timbal, que estaba espectacular.
.
E finalmente o falso risoto de arroz basmati e lamprea que foi unha marabilla de presentación, sabor, aroma… nunca pensara eu en usar arroz basmati para un risoto (aínda que sexa falso, por non levar tona, nin queixo).

Durante a exposición amosouse afable, respostando consultas de todo tipo, e ofrecéndose a dar receitas a quen llas pedira. Dou trucos e consellos para a preparación, coma a lamprea rechea, que el dicía non cociñar e non atopar boas combinacións na cociña tradicional, chourizo, ovo… el dixo que a enchería de… troita.
En definitiva, unha magnífica experiencia que o colocou na lista das vindeiras visitas gastronómicas.



