Erro Advanced INF Install

Estes días téñome adicado moito á gastronómia e non ao choio. Iso no blog, porque a vida real está a resultar ben distinta. Hoxe atopei unha solución que non vin documentada en ningures, e vouna publicar para que non me confundan cun blog gastronómico ;-).

Hai uns meses renovamos os equipos, e encargamos a configuración e instalación básica. Cando os fomos probando había algúns nos que este molesto diálogo aparecía en cada arranque de usuario distinto dun administrador:


Advanced INF Install. Error en instalación de INF. Causa: Acceso denegado ou en V.O. Advanced INF Install Failure: Reason: Access is denied

Co lío da mudanza, e instalación, deixámolo estar botándolle a culpa a calquer compoñente que se instalaba por defecto nos cds de Dell. Agora que xa vou afinando instalacións, puiden adicarlle un tempo a buscalo, e non foi pouco. Polo tipo de erro, tiña que ser algo que tentaba cargarse ao inicio e o primeiro sitio onde sempre miro é no rexistro de windows, así que regedir e directo a: HKLM\SOFTWARE\Microsoft\Windows\CurrentVersion\Run

É incrible a cantidade de aplicacións que se cargan ao inicio, se instalas os cds dos fabricantes, e normalmente apenas usas nada diso, pero sufres o retraso no comezo da sesión, ademáis da carga de recursos no sistema. Eu procuro ter o systray moi limpiño… ;-).

Qué me perdo! Sen esaxerar había unhas 15 entradas nesa chave do rexistro, se deixas o mínimo, asistente de sincronización e as entradas relacionadas co antivirus, reinicias sesión e segue o erro, o teu caracter cambia… para mal.

De casualidade (como case sempre), din en mirar nas chaves adxacentes, Runonce e RunOnceEx, que non teñen nada habitualmente, de feito non sei a diferencia entre estas dúas.

E isto foi o que atopei:

[HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Microsoft\Windows\CurrentVersion\RunOnceEx\nlQl]
“4”=”RunDll32.exe C:\\WINDOWS\\system32\\AdvPack.Dll,LaunchINFSection C:\\WINDOWS\\inf\\nlite.inf,nLite”

Eliminar esta chave solventou o problema. Así de simple. Iso me parece agora, pero levo 4 meses co erro. Como en realidade non é un erro senon unha advertencia, e non afecta ao funcionamento, deixeina ir, pero agora vou ter aos meus compañeiros algo máis contentos.

Coma estes días teño procurado solucións e certamente hai moitas causas para este erro, pero tamén atopei moitos foros con preguntas sen resposta, seica as instalacións con nlite crean algúns problemas co messenger. Neste caso con igual orixe, o erro era distino.

Publicado en Cómo amañei...?,Windows XP | 4 Comentarios

V Xantanza. Lamprea en Casa Emilio

O meu paso polo Forum rematou (que non as crónicas), deixando unha resistencia natural a baixar dese podio de nova gastronomía na que estaba aupado. O mundo real non ten moito que ver con aquilo, pero non por iso é peor.

Os blogastrónomos cambiando radicalmente o estilo das xantanzas anteriores, optamos por un producto e eleboración más tradicional, e nesta época non pode ser outro que a Lamprea.

Comezamos o día, realizando traballos varios, e reservando unha horiña para por remedio a unha situación insostible. Descoñeciamos as Torres de Oeste. Así demos un paseiño, tiramos unhas fotos, e á hora acordada dirixímonos ao punto de encontro: a Taberna Vikinga. Non falarei máis deste tema, porque o ten perfectamente documentado moraiminha, tanto esta primeira parada coma a segunda.

A seguinte parada foi Casa Emilio é un restaurante tradicional. Situado á beira da vía do camiño de ferro Vigo-A Coruña, pode lembrar inicialmente á Estación de Cambre pero nada máis lonxe da realidade.



Recibiunos esta magnifica cesta de pan na mesa, un alimento que desgraciadamente sorprende cando é de calidade, e cada vez é máis difícil de atopar.


O menú non ten moito comentario. As imaxes falan soas da homenaxe que nos dimos para pechar unha semana de choio no forum. Abriu un tradicional Salpicón de marisco.



Seguido por unhas magníficas cigalas á prancha.


E rematando coa celebérrima Lamprea á bordelesa, cociñada no seu sangue, e acompañada de arroz e pan fritido. Curiosamente había dous BGG que non a probaran nunca: os Sres. de Foucellas. Hai que recoñecer que a presentación non é moi atractiva. Unha cousa negra con máis pinta de serpe que doutra cousa, non é moi apetecible, mais como ben recoñeceu a Sra. Foucellas, o mesmo pasa coa morcilla de León e… ben boa que está!

A xulgar por como quedaron os pratos, non creo que lles disgustara moito.



As sobremesas eran a elixir, e como se pode apreciar optei por seguir tradicional, e un probar o queixo con marmelo.

Todo isto regámolo con Martín Codax e Tinto Pesquera. Non vou opinar sobre un Rías Baixas porque non sería imparcial, e sobre o Pesquera, penso que lle iría mellor un Mencía Summun da Ribeira Sacra, para que quedara todo na casa, pero non houbo queixa.

Cafés, licores e ata puros (e non me preguntedes porqué, pero non me queixei do fume), seguida dunha sesión Karaoke, que pasará á pequena historia dos BGG, coma un dos momentos míticos.

O mellor é que despóis de sair de alí, aproveitando a anormal benignidade metereolóxica, fomos de terrazas a Carril. Unha primeira parada onde nos entregamos a unha das grandes creacións Made in England: O Gin Tonic. Para que logo critiquemos a cociña inglesa, como ben dixo Xesús.

Finalmente culminamos a noite co descubremento de O Loxe Mareiro, onde nos deron máis das nove. Boa xente, mellor ambiente, e un lugar privilexiado da Ría de Arousa… que máis se pode pedir…

Teño que ir ao médico, porque sempre son dos últimos en irme das Xantanzas… é grave doutor?

Coma de costume ligo as versións dos meus compañeiros. Non hai coma ler varias versións do mesmo suceso.

O madrugador gourmet, o arqueólogo magago, as fotos de Cesar, o mini apunte de Sole e a visión cinéfila de moraiminha.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 5 Comentarios

Respostería con Marcos Álvarez

O que levo escrito, e só falei do primeiro día do forum!. Aínda que xa pasou unha semana dende que asistín a estes obradoiros, dame mágoa non rexistralos, mais por min que por outra cousa. Estou seguro que cando se fale do Fórum Gastronómic de Girona 2009, que seguramente xa estea a tomar forma nas mentes dos organizadores, vaime gustar reler estes pequenos apuntamentos, para revivir as experiencias deses días de febreiro de 2008.


Marcos Álvarez

O domingo só asistín pola tarde, un que non da para máis!. O primeiro obradoiro da sobremesa, foi presentado por Miguel Vila que cal Santísima Trinidade aparecía novamente, acompañando do pasteleiro compostelán Marcos Álvarez. Non foi esta unha ocasión na que iamos ver modernas preparacións, e presentación espectaculares. A cociña tradicional, tamén tivo lugar no forum. Sacándolle mérito ao seu traballo, entregou a receita universal da repostería:

Partes iguáis de ovos, azucre, e amendoa.

A receita do emblema gastronómico da cidade anfitriona do Forum 2008 ao descuberto, e non só iso. Engadindo tal ou cal ingredente, á esta fórmula alquímica, indicou distintas sobremesas europeas, dende Francia ata Austria.

Respoter�a con Marcos Álvarez

Se sabemos a receita, onde están a ciencia? Nos ingredentes, sen dúbida. Sin ser un fan da tarta de santiago, houben de recoñecer os matices que aportaron as catro variedades de améndoa que utilizou, e o grado de torrado das mesmas, dende algunha cun sabor máis tradicional ata a que parecía que tomabas un mazapán.



A degustación primeiro de améndoas e posteriormente destes anaquiños de tartas feitas coas catro variedades, foron os nosos contactos co ceo á primeira hora da tarde.

Publicado en Fórum Santiago,Gastronomía | Comentarios cerrados

27 kg

A primeira parada cara a V Xantanza, foi na Taberna Vikinga. Alí gracias aos contactos de Cesar e Chus, puidemos entrar na cociña a ver este Peixe Sapo de 27 kg. Preme na foto e usa como referencia o cacho de billa que se vislumbra detrás da súa aleta dereita… Monstruoso!.


Publicado en Gastronomía,Intres | 2 Comentarios

Aceite do Val de Quiroga

A unhas poucas horas para V Blogoxantanza entérome de que mañá é VIII Mostra do Aceite de Quiroga, na almazara de Bendilló. Si Vigo é a cidade olívica, vese que Quiroga debería ser a vila das oliveiras.

Todos os anos me entero a última hora, e xa con plans, pero nesta ocasión vou aproveitar para facerme eco deste evento, por se alguén ten o detalle de ir e traerme unha botelliña, que pagarei de bo grado. Segundo entendín a cachiños na RAG, haberá 5 expositores entre os que suman 400 litros de aceite, co que supoño que as oliveiras non deben ser moitas.

Sempre que paso perto, achégome ata San Clodio, á beira do paso a nivel do camiño de ferro, e merco un par de botelliñas. A foto é do 2005, e xa mellorara a presentación, respecto ao meu primeiro contacto dous ou tres anos antes, cando cheguei a aquela tenda e me contaron que co prezo que tiña alí o utilizaban coma un remedio caseiro para cousas da pel. Creo lembrar que eran 9 € medio litro, pero que ninguen o tome o pe da letra porque é tirar moito da memoria. O que sí é certo e que a súa extracción é por medios mecánicos, polo que estás a tomar puro zume de oliva, cun sabor moi suave e agradable.A ver se teño máis memoria o ano que ven. Pódese ampliar información en Ribeira Sacra ou neste folleto.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | Comentarios cerrados