abr 02 2008
Os mandamentos dos combinados son dous
Hai apenas un par de horas que acabo de chegar do Restaurante Solla e uns anacos de conversa intercalados entre prato e prato da degustación express, obríganme a escribir unhas liñas antes de que desvanezan as ideas xunto cos agradábeis vapores etílicos.
Unha vez rematada a cea, que comentarei brevemente nunha vindeira entrada, estabamos moraiminha e eu debatindo a oportunidade de tomar unha copa alí mesmo ou desplazarnos a outro local, e acercouse Pepe para ofrecernos esa mesma opción. Foi suficiente para convencernos de quedar. Como se intuíse que estabamos de celebración, tivo o detalle de invitarnos ás copas; aínda que eso só o soubemos á hora de pedir a conta e pagar.
Como xa saberedes o Gin Tonic e a bebida oficiosa dos blogastrónomos. Co tempo vas probando aquí e acolá, e cando un cre que coñece unha xenebra bastante xeitosa, aparece alguén que che lembra que aínda tes moito que aprender. As suxerencias para un combinado de sobremesa foron: Martin Millers (que tomei eu), e Blackwood (que lle tocou a moraiminha).
Unha vez postos en antecedentes, entenderedes mellor ao que me refiro co título, e paso a enunciar os dous mandamentos do Gin Tonic:
Un. Se te preocupas por tomar un destilado de calidade, porqué o combinas cunha refresco calquera.
E é certo que se elixes un alcohol de calidade e o mesturas con calquera cousa, estás a desvirtuar o ingredente principal. Por facer un símil bastante obvio, ninguén tería a ocurrencia de tomar un menú degustación, cun viño envasado en tetra-brick.
Inferimos como corolario do noso paso por Poio: Fever-tree e a tónica a utilizar no futuro. Sabor suave, burbulla fina... case un auga mineral con gas natural...
Dous. Unha vez que probas algo que che gusta, xa non tes necesidade de cantidade, senon de calidade.
Esta foi a resposta á miña recriminación de que este tipo de cousas me ían arruinar. E ben pensado o razonamento de Solla ten sentido. Si probas algo que che gusta (gin tonic espectacular), vas pagar por elo e punto. Non sentirás a necesidade de sucedáneos (gin tonic cativo); simplemente anhelarás repetir ese momento especial, co que vas aforrar eses gastos superfluos...
...é palabra de deus Pepe Solla.
chuzame -





¿A Fever Tree te parece máis suave que a tónica normal? Comentábase que era especialmente amarga por usar extracto natural de Quinina.
De cando a probei eu… pois sí que me pareceu amarga.
Ah, por certo, agora xa formo parte do voso gremio. Despois de varios anos cun efecto García co que me daba nausea o cheiro do Gin… O outro día tomeime un Gin Tonic…. e non me afectou o cheiro.
De feito onte pola noite estiven tomando un Gin-Tonic ahí polo Borne.
De todas formas non sei eu se me tornarei bebedor de Gin-Tonic…. Coido que me adicarei a variar, porque non me apetece limitarme a un só long drink…
Alédome de ver que esta insigne achega da gastronomía británica segue a acadar niveis aínda máis refinados… ;-)
P.S. Fever Tree terá algún distribuidor por aquí?
XM: Se queres seguir sendo membro dos BGG penso que vas ter que esquecerte dos teus traumas alcohólicos de adolescencia, e convertirte á verdadeira relixión.
Por outra banda, escribín esta entrada algo pimplado, e igual non me expresei con claridade. A combinación de ambas era suave, non tiven a oportunidade de probala soa, pero simplemente a menor cantidade de carbónico (burbulla fina similar á da auga única de cabreiroá), ten que ser menos agresiva en boca, aínda que a quinina a faga máis amarga.
Interesante idea unha cata de tónicas… haberá que pensar niso.
B: O encargado da invasión dos productos da Pérfida Albión é Redoma Calidad, S.L. http://www.redoma.es/