OpenVPN como usuario non administrador

O título é suficientemente descriptivo, penso, pero para os despistados deixo un avisiño. Está completamente fora desta entrada a configuración dun servidor por dous motivos:

  1. Xa o teño configurado na IPBrick.
  2. Non sabería nin como empezar ;-).

Antecedentes

Cando me presentaron a posibilidade de que a IPBrick utilizara OpenVPN como sustituto da antiga PPTP, pareceume unha fantástica idea, e en canto tiven algún tempo púxenme a fedellar con ela. Pronto petei co primeiro problema, a versión oficial do cliente OpenVPN v.2.0.9 obrigaba a que o usuario que o executara pertencera ao grupo Administradores, ou seguir estes consellos que non facían moi práctica a implantación, cousa que me obrigou a buscar solucións parciais, coma o uso de sudowin, para executar o cliente, que afortunadamente non foron necesarias, porque a fináis de xaneiro saiu a beta 2.1 rc7, e doume por probala. Usar en producción unha beta non é un bo costume, pero a necesidade obrigou e a deusa fortuna estivo do meu lado.

Entre as súas melloras da versión 2.1 están:

  • Soporte de Windows Vista (que pode ser interesante para alguén)
  • Integrado OpenVPN GUI co que cunha soa instalación queda listo o equipo para o cliente
  • O máis importante para min, que xa o podían usar usuarios básicos.

A cousa é bastante bonita de entrada, mais hai que ter en conta uns pasiños para que funcione correctamente, sendo este o fin desta entrada.

Instalación cliente OpenVPN

  1. Baixamos o executable da versión 2.1.
  2. Instalamos o cliente na máquina desexada (cun usuario con privilexios).
  3. Engadimos o(s) usuario(s) que poida(n) conectarse dende esa máquina, ao grupo Operadores de configuración de red (Network Configuration Operators).
  4. Como mínimo damos permisos modificar e escribir (se non queremos complicarnos a vida control total) aos seguintes cartafoles:
    • %programfiles%\OpenVPN\log – Neste camiño gardase o log de conexión.
    • %programfiles%\OpenVPN\config – Nesta pasta gardanse os certificados. É recomendable que o usuario aprenda a sustituilos, cando caduquen ou sexan revogados.
  5. Para facilitar a xestión, pasar os atallos creados no perfil do administrador, ao Menú de inicio de All Users ou ben ao dos usuarios que o van utilizar.

Como de costume, agardo que alguén lle saque proveito.

Atopei algunhas curiosas solucions ao problema por ai, ainda que sigo a preferir a miña:

Publicado en Cómo amañei...?,IPBrick,Windows XP | 3 Comentarios

Aproveitados…

Lamentabelmente, non todos os blogueiros son trigo limpo… Hoxe mesmo escoitei de primeira man unha desas historias que xa teño lido, e ás que me resultaba difícil dar creto; non por desconfianza nas fontes, senon por pudor.

Nun restaurante onde xantamos este mediodía, preguntáronnos polo noso anómalo comportamento ao ver que faciamos fotos dos pratos. Cando lle falamos ao propietario da nosa afección, non nos puxo moi boa cara e seguidamente escoitamos abraiados a súa primeira experiencia cun suposto compañeiro impresentábel.

Seica non hai moito, alguén se presentou nese local, e nada máis entrar se dirixiu ao noso anfitrión cunhas verbas do estilo: A ver como nos trata, que teño un blog algo, e se falo mal do seu restaurante, non vai vir ninguén de Galicia“. A resposta do hostaleiro foi aproximadamente: Eu tento tratar ben a todo o mundo que entra por esa porta. As amenazas parece que seguiron ata que se fartou de aturar ao noso misterioso aproveitado cunha frase do estilo ou é que pretende que o invite ao xantar?

Por unha banda, podo asegurar que descubrir que nos falaban dun blogger noi foi algo inmediato. Nós dixemos que tiñamos un blog, e como se falaramos de Alfa Centauri! Tivemos que explicar un pouco de qué ía a cousa, ate que se deu conta de que eramos da mesma especie que aquel individuo, cousa que nun principio non lle agradou moito, aínda que penso que ao final mudou a súa opinión inicial. Sospeitar que podía ser galego, case nos doeu máis.

Fose de onde fose, xente así é a que da mala fama aos blogs gastronómicos, e fai que críticos e cociñeiros sintan animadversión cara a nós.

Nin me dou por aludida cando leo ou escoito segundo que críticas (aínda que recoñezo que doen, polo descoñecemento do que agroman), nin quero que me identifiquen con personaxes deste tipo. É este un dos motivos polo que asinei o código cociña.

Publicado en Batallas,Gastronomía,Persoal,Viaxes | 7 Comentarios

Pepe Solla en El Pais

Esta maña recibín un correo de Belén que me avisaba desta nova. Non era tal, posto que dende que anunciaron a colección, moraiminha decidiu que lle iamos levar o libro a Pepe Solla para que no lo asinara.
Pepe Solla en El Pais
Hoxe saiu o primeiro libro e o vindeiro martes a súa parella, baixo a colección cocina con firma, acompañando ao xornal El Pais. Na primeira pasada agradoume ver a sinxeleza das receitas (sirva de mostra a primeira: Berberechos ao natural, que son os que nos puxo de aperitivo na segunda xantanza.), en contraposición a outras da mesma serie, con ingredentes extraterrestres, e preparación excesivamente complexas.

Hai que ser obxectivo, e tamén direi algo que non me agradou tanto. Usando xoubas, grelos e feira… porque Fabes con Almejas?. Recomendo a lectura deste artigo de D. Miguel en Colineta que se explica mellor ca min.

Agora revisareino con calma, e agardarei á semana que ven para facer a parella e cando cadre ir visitalo, para que nolos asine… e de paso cuidarnos un pouco.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | 5 Comentarios

A Gabeira… ou a ausencia de bombóns de pataca

Dende o Fórum Gastronómico do pasado febreiro, tiña moitas ganas de aproveitar unha visita a Ferrol para xantar en A Gabeira, pois no Circo do Grupo Nove que alí representaron, Miguel Ángel Campos presentou uns bombóns de pataca que me teñen do máis intrigada dende entón.

Así que cando fai uns días, estivemos en Ferrol e fomos ao restaurante de Miguel Ángel, esperei ansiosa a chegada das sobremesas para pedir, sen pensar en nada máis, os bombóns en cuestión. Cal non foi a miña decepción cando o camareiro (con certa carta de susto) dixo que non, que non había tal cousa na carta, e que igual xa os retiraran… ou estaban pensando en introducilos na carta. Cando voltou co que acabamos pedindo preguntou, todo intrigado, se os bombóns os tomara alí noutra ocasión, así que lle contei como os coñecera… e que fora ate alí case só para probalos.



Aínda que o xantar estivo realmente ben e probamos unhas boas sobremesas, como esta finísima caña de azucre caramelizado da imaxe, non puiden evitar saír dalí un tanto decepcionada, pois xa me creara moitas expectativas… Pero igual foi culpa miña,  esquecendo que foi nun circo onde o cociñeiro amosou os seus bombóns, e xa se sabe… o circo é ilusión!.

De calquera xeito, espero que, finalmente, Miguel Ángel decida incluir por fin os bombóns na carta, e que alguén me avise cando iso pase para ir probalos.

Publicado en Actualidade,Gastronomía | 4 Comentarios

Restaurante Aponiente – El Puerto de Santa María

Hai tempo que tiñamos pendente unha visita a Chipiona e finalmente decidimos baixar esta pasada ponte de maio. Coma os nosos anfitrións non eran nativos, postos a procurar un lugar para darnos unha homenaxe non nos servían de referencia. Foi así, como moraiminha pediu axuda e Gourmet de Provincias acudiu, como é habitual en el, ao rescate. Deste xeito soubemos de Ángel León, e o seu Restaurante Aponiente na Ribera del Marisco de El Puerto de Santa María.

As angostas rúas desa zona son casi todas de sentido único, e unha vez o GPS nos mareou un pouco paseando dun lado a outro, optamos por aparcar onde atopamos sitio, e confiar nos nativos para achegarnos ao noso obxectivo. A primeira persoa que atopamos, coñecía o local, e acompañounos un anaco de camiño, comentándonos que coñecía o restaurante, que si era un novo proxecto de Ángel León… Polo acento xuraría que era anglofalante. Gracias a el, chegamos a bo porto.

O local estaba casi cheo. É pequeno (unhas 10 mesas), en tonos crema, branco e negro, con detalles mariños nos elementos decorativos. É de fumadores (polo que lin aquí pronto cambiará) pero cunha boa renovación de aire.

O primeiro que nos ofreceron foi tomar algo mentres decidiamos. Estando en Cádiz non podiamos evitar a proba dun manzanilla (San León) e un fino (Fino Pavón) que aínda sen ser caldos que nos entusiasmen, eliximos para o aperitivo; por iso de intentar seguir os costumes da zona, e, por suposto, de experimentar sensacións non habituais para nós.

Esa (probar cousas novas) foi unha das razóns que nos levou (a outra é a de non ter que decidir…) ao menú degustación dende antes de sentarnos á mesa.

De aperitivo, tomamos pez mantequilla con manteca colorá. O seu nome defineo perfectamente: cremoso en extremo, desfacíase literalmente na boca. Contáronnos que lle chamaban tamén pez tomasa por unha xitana moi coñecida por aqueles lares, que era moi negra, coma a pel do peixe.

Seguimos cun salmorejo con acedía rellena de jamón ibérico. Sen dúbida (aínda que no noso caso non é difícil, pois non é este un prato co que nos atopamos cada día) é o mellor salmorejo que temos probado; e o mérito tense que deber a que, según nos comentou o camareiro, Ángel León o prepara coas verduras asadas e non crúas, o que lle da outra textura. Unha fabulosa recreación de dous clásicos da cociña desta zona.


A continación, regañá con guiso de tomate y sardina al punto de cocción. Prato fresco e sabroso, aínda que dalgún xeito a presenza deste peixe e o tomate nos fixo lembrar tamén, á nosa cociña máis tradicional (quen non lembra eses guisos de xoubas do verán?). Segundo nos informaron, ademáis do tomate tamén leva as tripas da xouba, algo que para algunha xente pode resultar desagradable, pero que clarisimamente actuou como potenciador do sabor. O punto era como podedes imaxinar pola foto, un golpiño de calor…

Sen dúbida: o ravioli de morcilla con puré de manzana verde foi unha das estrelas do día. Aínda que relacionamos o sur con produtos do mar, o certo que esta é tamén unha terra onde o porco ten unha grande importancia, e este é bo exemplo.


Despois, seguimos cun choco a la plancha con butifarra, tinta y alioli. A verdade é que nos resultou un tanto curiosa esta combinación, pero non por iso menos boa. Un prato sinxelo e saboroso a un tempo.

A presentación da Corvina asada en huesos de aceituna chamou poderosamente a nosa atención. Non oiramos nunca falar do tema, e parece que é relativamente recente, por esta nova descubro que é unha iniciativa do propio Ángel León e dun dos seus mestres Andoni Aduriz. Tras sernos presentada na brasa na que estaba a ser cociñada, foinnos servida con guacamole de oliva e salsa de aliño. Outro prato que, consegue anovar ese clásico peixe grellado da praia e o verán.



E para rematar o outro (para nós) prato estrela: borriquete con guiso de rabo de turo y oreja confitada, que nos deixou sen fala. A finura do guiso, a frescura do peixe, e esa triscante ourella confitada foron, sen dúbida de ningún tipo, un final de luxo para este xantar, no que aos pratos salgados se refire, sendo tamén o prato de carne do menú degustación. Provocación? Xenialidade?

Acompañaramos o xantar con Minuet 2003, un Chardonnay do Penedes, curiosamente presentado con rolla de rosca, que nos encantou. A nosa idea era probar un caldo da zona, mais non nolo recomendaron e pensar nun Rías Baixas pareceunos un xesto chauvinista, aínda que unha vez avalidado o menú no seu conxunto considerámolo a mellor opción.

Coa transición ás sobremesas fomos agasallados cunhas copas de Pedro Ximenez; non sei se porque é costume da casa, ou para premiar o noso entusiasmo ante o fabuloso xantar que estabamos a disfutar, e que por suposto transmitiamos continuamente, e aínda máis ca chegada da apoteósica pre-sobremesa: sopa de ponche con helado de azahar y esponja de naranja. Indescriptibelmente bo. Só este intre xustificou a viaxe. Esa laranxa en tres texturas, onde a esponxa nos pareceu toda unha creación, e o sabor do xelado… Crede que estamos ben frustrados por non ter unha imaxe que honre esta creación como se merece.

Xa para rematar, unha homenaxe de Ángel ás clásicas galletas maría. Completamente eclipsado polo anterior, fixosenos algo pesado e empalagoso. Esta deconstrucción foi o menos salientable do menú.

E coa infusión, non podían faltar os Petit fours: leche de ron, nubes de amapola, naranja y bombón de chocolate.


Unha vez rematado o panexírico, hai que comentar os detalles non tan positivos ao comezo e o fin.

Na chegada pasaron pola nosa mesa os 3 camareiros, preguntándonos as cousas repetidamente, o que transmitía unha sensación de desorganización, se ben é certo que se esvaeceu no transcurso do xantar, mais mentras estabamos a rematar as nosas infusións, comezaron a fechar as persianas do comedor, signo inequívoco de que te queren botar, mais o xeito debeu ser máis cortés. Unha simple indicación sería suficiente. Estar de vacacións fixo que non lle dera moita importancia no momento, e que nos lembrara a cando apagan as luces nos locales de copas para expulsar aos rezagados que doutro xeito, non marchan, pero unha semana despois pareceme moito máis grave…

Non quero que estas liñas confundan. Foi unha experiencia gastronómica magnífica, mais nunha futura visita, estaría ben que se correxiran estes comportamentos inapropiados.

O menú degustación do restaurante Aponiente custa 48 euros, que sumado ao auga, pan, viño e IVE, a cousa saíu por 149 euros para dúas persoas. Os nosos recordos deste xantar… non teñen prezo!

Finalizamos este ladrillo cunha curiosidade. Ángel León tiña un blog: El Chef del Mar. Falo en pasado porque máis dun ano sen actualizarse supón a súa defunción, así que mellor visita de o álbum de fotos da nosa visita.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 4 Comentarios