xun 05 2008
VI Xantanza, I Bebenza ou as sorpresas continúan no Ribeiro (e II)
Tras unha mañá alongada deica as catro, e non sen pedir mil veces desculpas por chegar a Casal de Armán unha hora depois do previsto para xantar, adicámonos a comentar as experiencias vividas, case coma nunha sobremesa. Fora do programa, visitamos a adega anfitriona, da cal, como non podía ser doutro xeito, xa tiveramos dado boa conta dos seus caldos, aínda que todo hai que dicilo, en menor medida que noutras ocasións por motivos obvios.

En Casal de Armán non podían ser menos e agochan os seus tesouros. Durante o xantar, doume por preguntar se elaboraban Tostado do Ribeiro, mais a resposta do camareiro: Fan algo pero non sei se queda... Lonxe de aplacar a miña curiosidade, estimulouna coma a dun cativo, e cando no medio da visita preguntei novamente polo tostado, contarónnos que o estaban a preparar á moda da casa. Oito anos duraba o proceso e ían polo cuarto... Moito tempo de espera. Afortunadamente, outra peculiar vinificación nos estaba reservada para probar. Conxelación a -25 C, para retirar unha parte da auga e acadar un caldo dourado coma os acios maduros dos que ven. Por non levar un caderno, a información pode ser parcial e ata errada, mais non así as sensacións que lembro... tanto é así que voltarei pasado o verán a ver se é certo que o teñen finalmente listo...
Dirixímonos depois dunha mañá bendecida polo espíritu do mesmo Baco, a cultivarnos pero doutra maneira polas vellas rúas de Ribadavia. As estreitas rúas das súa xudería, guiaron os nosos pasos, axudados dos consellos de delokos, ata a Tafona de Herminia. Unha panadeira que por unha casualidade do destino comezou a cocer doces kosher baseandose en antigas receitas, e alí leva un par de décadas, acumulando lembranzas e anécdotas que non dubida en partillar con quen queira escoitalas.
Os seus son unha explosión de sensacións na boca, sementes de papoula, e fariñas de froitos secos forman parte de moitas das receitas, que sorprenderán polo ausencia das habituáis triga e milla.

A tarde caeu e a xenebra Citadelle e a súa tónica compañeira, Fever Tree, tomaron o control da situación, como non, noutra adega: Viña Meín, lugar que acolleu os nosos cansos ósos, e que se converteu no Falcon Crest particular do grupo de irreductibles blogastrónomos que amenceron no Ribeiro.
Só lembro que este ano xa fixen o tratamento preventido contra a malaria ... ;-)
chúzame -





[...] verdade, un momento para lembrar. Fago aquí unha parada, non sen ligar coma sempre Continúo na II parte, aínda que recomendo a lectura de mellores comentaristas, comezando por unhas inevitables [...]