Cogomelos e viños galegos en A Estación de Cambre
novembro 1st, 2008 | by makeijan |- Sabes que me contou o Gourmet?
- Dime.
- Que os de A Estación elixiron Moraima nun menú degustación de cogomelos maridado con viños galegos.
- Pois haberá que ir.
Máis ou menos foi así como decidimos facer a hora e cuarto que separa Pontevedra de Cambre para celebrar a primeira nova deste tipo que tiñamos. Como é lóxico, a moraiminha facíalle moita ilusión que o seu viño formase parte dun menú de maridaxe, e coma eu toleo cos cogomelos, parecía que non había xeito de fuxir desta cita ineludíbel.
Baixo estas letras, os catro interfectos, dos que vou evitar pronunciarme sobre eles, porque non me parece que vaia ser o suficientemente obxectivo.
E unha vez presentados todos os implicados, comezo o percorrido visual polo menú das xornadas gastronómicas de cogomelos 2008 preparado por Beatriz Sotelo e Xoán Crujeiras.
Parece que non podía ser doutro xeito. Estando na Estación sempre hai algún tipo de coctel ou combinado, e nesta ocasión abría o recital un fantástico Portonic.
Tan bo estaba que case non chegou para acompañar aos aperitivos, que en primeiro lugar foi un Aceite de cogomelos (penso que o sabor era a algún tipo de Boletus), con sal de 5 bagas e maldon, que xunto ao pan de bola, simplemente desaparaceu.

Seguimos con outro petisco do que esquecín o nome, pero no que contrastaba a neutralidade das croquetas cúbicas, que se supoñian de cogomelos pero onde o se sabor quedaba bastante tapado polo da bechamel, cos saborosísimos emparedados da esquerda.

E aquí comezou o xantar a serio. Agromou o primeiro viño, Terra Minei 2007 da D.O. Ribeiro, para acompañar o Ovo de curral con pisto de lactarius deliciosus (setas piñeiras) crema de pataca e aceite de chourizo. Sen palabras.

Continuamos coa Vieira asada con sésamo, e boletus edulis confitados, que por se non fora suficiente ía acompañado cun aceite de tomates secos (e pensamos que alfábega), que quen mo dera agora cunha boliña de pan.

Presentouse o Moraima 2006 da D.O. Rías Baixas, para acompañar o prato principal de peixe. Un xeitosísimo Lombo de bacallao (rebozado en cogomelos) con crema de coliflor e trompetas dos mortos, un prato que nos acercaba á, xa próxima, gastronomía do nadal (en certa tenda de cousas de casa, xa é nadal dende mediados de outubro, así que debe quedar pouco).

O Lalama 2005 da D.O. Ribeira Sacra, que descubrimos na II Xantanza, reapareceu para o prato principal de carne demostrando que non é preciso ir procurar tintos potentes e con corpo fora da terra, para acompañar pratos de carne coma este pombiño en dúas coccións con ravioli e cogomelos cultivados. Moi ben me soubo esa modesta pataquiña asada.

A sorpresa deste prato estaba á dereita, agochado trala peituga, baixo o nome de ravioli, un pequeno canelón que coma nos comentou Beatriz antes de despedirnos, estaba inspirado no que a convertiu en Cociñeiro do ano 2008, e este a súa vez no canelón de polo piñeiro que tomaramos naquela entrañable III Xantanza.
Quedaba espazo agora para un esperadísimo Tostado de Costeira 2005, do que tamén sobran as palabras, e que acompañaba a copa de requeixo da capela con compota de cantharellus cibarius e laranxa, con azucre moscovado. Para comer dende o fondo cara arriba e non deixar nadiña.

Finalmente uns bicos de chocolate, acompañaron un café para apousentar estómago e ideas antes de emprender o camiño de volta á casa, cun sorriso de orella a orella.

Ata agora A Estación era o lugar onde vira a mesa máis bonita da miña vida. Non quero que se tome a mal, porque os pratos que tomamos naquela III Xantanza foron magníficos, pero os centros con rosas e pementos, xunto aos pétalos deitados por aquela mesa cadrada de 4 comensais por lado, é unha imaxe indeleble que irá asociada con esa vella estación do camiño de ferro de Cambre para sempre. Claro que agora teño outra imaxe cun M que se amalgama ca anterior.
Non quero deixar atras esta nota curiosa. Perto da nosa mesa, outros comensais pedían dous pratos de peixe acompañados cun Rioja crianza, e aínda que sobre gustos non hai nada escrito, parece que enterrar un finísimo peixe sapo baixo un viño desas características é, cando menos, un atentado. Dende o meu modesto punto de vista, situacións como esta son as que aínda lle dan máis importancia a iniciativas coma este menú maridado, onde se funden unha parte de información (e ata formación), ao tempo que se poñen en valor os nosos viños.


Por Gourmetdeprovincias o nov 1, 2008
Alégrome de ter sido eu quen vos dera o aviso que motivou esta nova visita á Estación.
A verdade é que, por cociña, por decoración e por trato é, na miña opinión e digan o que digan as guías, un dos grandes grandes da cociña galega.
E que saibades que, malia o que dun xeito machista tendín a pensar nun primeiro momento, quen coida os detallers estéticos ó máximo nesa casa, coa impresionante mesa da Xantanza incluida, é Xoán.
Vémonos en breve.
Por Gourmetdeprovincias o nov 1, 2008
Por certo ¿Prezo do menú?
Por makeijan o nov 2, 2008
Xa sabía que me esquecía de algo ;-).
Non lembro o prezo do menú só, pero o maridado eran 56 + IVE, que máis auga e cafés púxose en algo menos de 60 € por barba.
Gracias pola recomendación de novo, e pola información tamén, moraiminha comentou que Beatriz levou á floristeira ao concurso de cociñeira do ano, e din por feito que sería ela a da mesa.
Por Borralleira o nov 2, 2008
Fantástico (o do viño e o menú, digo)!!