nov 06 2008

Actividades para unha fin de semana na Parada das Bestas

Published by makeijan at 4:43 pm under País, Restaurantes, Viaxes

Como xa contei un par de entradas atrás, visitar A Parada das Bestas supón disfrutar dunha magnífica  gastronomía, conxugada cun precio máis que atractivo se aproveitamos unha promoción coma o II Outono Gastronómico, pero lonxe de quedarse aí, ofrécenos o entorno idílico das terras da Ullóa.


A nosa desculpa foi a entrada na corentena (non eu que son un rapasiño) duns cantos amigos que por esta vida que levamos, non nos podemos ver todo o a miúdo que nos gustaría, e posto que foi un éxito (de crítica e público) imos facer público o plan por se alguén quere copialo e de paso pagar uns dereitos de autor.

- Pero non estaba publicado todo como creative commons?
- Home si, pero a crise é a crise... ;-)

O noso plan pasou por chegar un venres, acomodarnos, cear e disfrutar da sobremesa.

Sábado pola mañá tras un almorzo en condicións, atacarlle ao roteiro do Balneario, de algo menos de 10 km é un bo xeito de comezar. Ademáis é moi probable que teñades ata  guía.


Varias paradas parar tirar fotos. O cruceiro que se atopa no ecuador da viaxe,  o abandoado Balneario de Frádegas... Recomendo ademáis, dúas variacións do roteiro recomendado; a primeira perto da casa, baixar cara o Río Ulla, e tirar unhas fotos no vello muiño e sobre a presa (o traxecto recomendado para facer con cativos); e case ao final facer un pequeno desvío a Santa Mariña do Castro, onde tras unha pequena costa, se atopan un feixe de vellos cruceiros románicos, que tal como sospeitaba formaban parte dun antigo Viacrucis.



De volta xa, lavar a cara e acercárse a Palas a petiscar algo tras o cal non se pode deixar de pasar polo Castelo de Pambre, lugar que me ten enfeitizado dende a nosa anterior visita, e causante da miña nova afeccións a botar Euromillonarias.



Para recuperarnos da tristura que causa abandoar nun día soleado, a vizosa herba aos pes do castelo que me transporta á nenez, cando pasaba o tempo encaixando as pezas dun Exin Castillos,  non atopo nada mellor que ir tomar un café ata o Balneario do Río Pambre, e logo pasar a tarde nas súas instalacións.



Unha vez a osmose enruga ós nosos pelexos, e cos dixitais pasificados, saímos a tomar unha rexeneradora caña, mentres observamos este solpor. Qué máis se pode pedir? Voltar cear na Parada das Bestas, tomar unhas copas e arrasar nunhas partidas de Pictionary.

Tímidos raios de sol do outono, colanse entre as portas anunciando o novo día. Almorzo e despedida.

Os souvenirs que acostumamos traer son casi sempre comestibles. No caso de Palas de Rei a visita é obrigada a Queixería Arqueixal, onde fan un iogur e uns queixos da D.O. Arzúa-Ulloa, e tamén do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica, que merecen entrada aparte. Por desgracia, non puidemos traer Pan da Ulloa da Panadería Modesto, na veciña Antas de Ulla, mais queda reflexada para unha vindeira ocasión. Ámbas son descubertas da Parada das Bestas de onde son fornecedores.

No camiño de volta a casa, atravésasenos a Feira de Melide, obrigándonos a mercar uns Ricos e como non a tomar polbo nun deses enormes locales, verdadeiras imitacións de feiras situadas no baixo dun edificio.

Moitas actividades e planificación, pero cun ritmo pausado, rematan co corpo canso e a cabeza despexada e chea de experiencias e boas lembranzas.

Non foi este o derradeiro momento da viaxe, pareceume unha máis que expresiva imaxe para rematar. Pambre, Isto sí que é un skyline!


Chuzame! chúzame -

3 Responses to “Actividades para unha fin de semana na Parada das Bestas”

  1. Gourmetdeprovinciason 07 nov 2008 at 10:51 am

    ¿Makeijan señor do Castelo de Pambre e das terras da Ulloa? Pintoresca imaxe. Pero non eres o único con esas esperanzas. Os meus euromillóns irían para algunha antiga fábrica de salgadura nas rías ou para a casona da Illa da Creba (illa incluida, por suposto). Seguro que despois poderíamos facer un intercambio estacional de residencias.

    Só un pero ó post. O dos cruceiros románicos non o vexo nada claro. Ten en conta que os que se consideran máis antigos en Galicia (Bonaval, Melide e Vilar de Francos) dátanse no gótico pleno. Chámalle deformación profesional se queres.

  2. makeijanon 07 nov 2008 at 11:08 am

    Que queira un castelo, non implica que desexe ter un sangue azul. Coido que pasear entre as marelas da eira do lado sería suficiente para colmar as miñas ansias de poder.

    Respecto aos cruceiros, gracias pola ilustración, ou ben o lin ou o imaxinei (colle máis forza esta opción, lendo o teu comentario). Agora estou a buscar onde lin que formaba parte dun viacrucis e non o atopo.

    O bo que ten isto, é que o modifico e xa está ;-)

    Por certo, xa que teño a túa atención, non son curiosos este capiteles esféricos? (desculpa se non uso a terminoloxía correcta)

  3. pfgareaon 09 nov 2008 at 12:06 pm

    uff, eu que inda non me erguín da cama neste domingo, leer según que cousas deixame morriñento. Eran os domingos cando meus pais nos levaban á feira de melide a comelo polvo, melindres, churros (non tan enxebre pero ben clavados na memoria), empanadas, o pan de broa que lle gustaba a meu pai,…, e o queixo ibámolo buscar a Golan (parroquia de Melide-se non me equiboco) á casa dunha señora que o facía moi bo. O castelo de Pambre foi tamén visita de domingo, visita rápida que como estaba pechado…, e eu que sei máis, cousas de domingo na casiña, hoxe o conto é outro.

Trackback URI | Comments RSS

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
Click to hear an audio file of the anti-spam word

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume