dec 05 2008

O mundo ao revés: Migrando o correo de Mozilla Thunderbird a Ms Outlook

Published by makeijan at 8:30 am under Aplicacións, Cómo amañei...?, Mozilla.org, Windows XP

Nota: Esta entrada está baseada nesta outra, na que se utiliza a aplicación IMAPSize, unha ferramenta indispensable, para xestionar correo, copias de seguridade, etc, directamente nos servidores, e que podes utilizar para mover o teu correo IMAP de un servidor a outro por exemplo.

Non creo que esta anotación vaia ser moi popular, pero penso que o ideal é poder levar os teus correos dun lado para outro sen depender da aplicación que elixas para xestionala. Mozilla Thunderbird é un magnífico xestor de correo que agora mesmo vai pola versión 2.0.0.18, e estamos a utilizalo no traballo todos. Todos?. Todos non, hai un grupo de irredutibles xefes que queren utilizar o Ms Outlook, e coma onde hai patrón non manda mariñeiro, tiven que buscar o xeito de crear PST en momentos puntuais para que os puideran abrir nesa aplicación. Sendo esta a terceira vez que o fago, decidín documentalo para refrescar a memoria cando teña a necesidad e por se é de utilidade para alguén.

Qué precisamos?

  • Thunderbird cos datos que queremos converter
  • Extensión SmartSave
  • Outlook Express (si amigos, ese nefasto cliente. Se tes XP seguro que anda por aí).
  • Microsoft Outlook. Eu utilicei a versión 2007 pero coido que non hai problema con isto.
  • Adiante!

    Cando tiven por primeira vez este problema fixen a migración con IMAPSize e despois co complemento de Thunderbird SmartSave. A vantaxe do segundo fronte ao primeiro é que en IMAPSize vas realizando os pasos cartafol a cartafol, e no caso dunha árbore complexa (que era o meu caso), tiven que crear manualmente a estrutura e logo ir convertendo unha a unha, co que acabei un pouco cheo do procedemento, mentres que con SmartSave só seleccionas a conta, e xa se encarga de converter cada correo a .eml e no seu cartafoliño, cun par de golpes de rato. En resume, se vas converter enviados e recibidos, non vas notar diferenza, en caso contrario SmartSave.

    Imos aló entón.

    Primeiro instalamos o complemento ou extensión SmartSave, como calquera outro. Reiniciamos o Thunderbird e xa estará operativo.

    A continaución compactamos os cartafoles, facendo click co botón dereito sobre eles, e premendo en Compactar ;-)

    Unha vez rematado, prememos co boton dereito enriba da conta e prememos na opción: Exportar esta carpeta con SmartSave.



    Seleccionamos un camiño onde gardar os ficheiros .eml xerados, e agardamos deica o informe final.


    Convén botarlle un ollo porque poden aparecer erros normalmente debidos a nomes de cartafoles con símbolos non permitidos com a barra inclinada (/). Se todo está OK, continuamos.

    Agora executamos o Outlook Express e arrastramos os eml creados cartafol a cartafol. Se a estructura é complexa, débesese crear antes no Outlook. Esta parte é a máis tediosa, polo que recomendo, facer un mosaico na pantalla co outlook e un explorador aberto na pasta correspondente, armarse de paciencia e comezar: Ctrl+E para seleccionar todos os elementos, e arrastrar ao seu destino, as veces que fose necesario.

    Se o teu destino é OE xa rematache. Se pola contra, queremos facer un PST  e levalo a Outlook exportamos de OE a MO: Archivo -> Exportar -> Mensajes -> Seleccionar o perfil e listo. Agora tes os datos no Outlook do equipo no que se procesaron. Exportar o PST e entregarllo ao seu destinatario é o paso final. Quedou claro?

    Chuzame! chúzame -

    2 Responses to “O mundo ao revés: Migrando o correo de Mozilla Thunderbird a Ms Outlook”

    1. calidoniaon 06 dec 2008 at 4:15 pm

      Máis que claro. E aproveitando voulle contar dos meus problemas.

      Traballo sobre gmail o correo, o calendario e os contactos, e uso de cliente o Thunderbird.

      Emprego algunhas extensión moi interesantes para a xestión destas cousas, que veñen a sumarse á SmartSave (que descoñecía). Poden resultarlle interesantes a quen ande con estas cousas: GMail IMAP Account Setup, Lightning, Provedor de Google Calendar (sincronización bidereccional de calendario), Google Contacts, Duplicate Contact Manager, AddressContext, e Display Mail User Agent (para saber onde están os pecadores e poder evanxelizalos ;-) ).

      Porén, cando quero sincronizar todo isto (Gmail+Thunderbird) desde Windows Vista (esixencias do traballo) cun móbil Nokia con Symbian comezan os problemas, xa que Nokia só fornece aplicacións de sincronización con Windows Mail/MS Outlook/ e Vista Contacts and Calendar.

      Probei varias formas de sincronizar todo isto co meu E65 sen lograr unha solución satisfactoria. Se baixo as aplicacións móbiles de Google só me permiten usar unha conta, cando eu traballo con tres distintas que non quero redireccionar entre si, e se uso servizos como o Funambol de contado aparecen problemas relativos aos caracteres non ingleses, duplicidade de contactos, formatos de data nos calendarios e estruturas diferentes para almacenar a información de contactos. Aínda sigo a darlle voltas.

      A onde eu quería chegar é que ao final por querermos ser libres damos máis voltas que unha buxaina e a tentación de volver usar as aplicacións privativas sempre anda planeando sobre as nosas cabezas.

    2. makeijanon 07 dec 2008 at 10:33 am

      Moitas gracias.

      Vexo algúns plugins que non coñezo é os que terei que adicar algún tempo, porque teñen boa pinta.

      Só dous apuntamentos:

      1. Aínda non me metín ca sincronización de datos en platarformas alternativas. Supoño que todo está ligado ao ActiveSync (polo menos no meu HTC), e non sei de ningún sustituto, e non tiven tempo a adicarlle. Quizais sexa un bo (e económico) pasatempo para as vindeiras festas.

      2. Non o probei pero onte descubrin emoze, outro servizo de push mail, que poderás probar se non che vai ben Funambol (que descoñecía). Xa van ser moitos choios.

      E para rematar. Dende que Palm se deixou ir ao carallo (había que matalos), o WM é o novo rexidor mundial, dos trebellos de man, estamos así. Veremos o (Paranoid) Android se vai para adiante.
      Antes de que preguntes, non coñezo nin Symbian, nin Blackberry, pero non me chaman ;-)

    Trackback URI | Comments RSS

    Leave a Reply

    *
    To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture. Click on the picture to hear an audio file of the word.
    Click to hear an audio file of the anti-spam word

    Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Blog sen Fume