Por que non todos os xantares de amigos son iguais…

… e agora que o vexo, non sei se elixín ben o título. O que quero dicir, é que nesta altura do ano, se produce unha combinación de xuntanzas con amigos e compañeiros que se atopan todo o ano lonxe, e un pésima oferta hosteleira onde, en xeral, se aproveita para encher locales cobrar ben e dar un servizo non acorde ao mesmo. Certo é que nestes xantares o que importa é estar con quen un quere, e non tanto o que hai na mesa, pero iso non evita que un quede cunha sensación de qué ben o pasei, pero que mal comín! Por outra banda, non todo é culpa dos establecementos hosteleiros. En ocasións non se pode ou non se quere pagar o suficiente, e outra xente directamente non sabe comer.

Todo isto ben a conto, de que este ano desfrutei dunha xornada magnífica con compañeiros e ex-compañeiros de traballo, no R.C.M. de Aguete, gracias á Jano que organizou un abano de actividades ao redor do tradicional xantar do Nadal, quedando menos tradicional, e pode que por iso, gañando no resultado.

O programa abriu cun paseo a vela pola Ría, ou mergullo na mesma. As preclaras mentes que ocasionalmente me visitan, saberán cal foi a miña elección.


Da man do Centro de Buceo Beluga que ten as súas instalacións nos baixos do R.C.M. Aguete, fixemos unha inmersión na Pedra do Cabalo. Auga a 11 e 6 graos na supercifie foi toda unha experiencia para un novato coma min.

De volta como non podía ser doutro xeito, realizamos a descompresión na cafetería do clube desfrutando duns albariños e agardando a chegada do resto dos comensais, mentres ollabamos a exposición de fotografía submarina, con imaxes da Ría e de Sulawesi.

Unha vez reunido o grupo, subimos ao comedor e comezamos con este aperitivo que era un auténtico grolo de mar, e converteuse nun dos meus preferidos do menú. Bivalvos no seu caldo.

O primeiro entrante foi ensalada de centola, tomate asado e aceite de olivas negras.



Ovo, pataca e trufa como entrante quente.



Encantoume a combinación do Bacallao confitado, pil-pil de limón e pisto. Mágoa que non estivera completamente no punto o bacallao.



Foie asado, torrada e viño tinto foi outro dos puntos álxido. Non lembro a útlima vez que tomei foie pero este emparellamento cunha torrada non doce, foi un acerto. Escollín esta vista, á oposta á da presentaciómn para que se vira a pera confitada que agochaba o contrapunto do fígado.



E chegamos ás sobremesas. Froita da paixón, laranxa e iogur. Non esperaba atoparme esferificacións por aquí. Refrescante a estas altura do percorrido.



Chocolate quente e doce de leite, cun arxentino sentado á mesa isto sempre ía triunfar. Chamoume a atención moito a presentación nunha cunca desas que xa non se ven polos bares.



Todo isto regado con Codorniu Pinot Noir Brut, Viñas del Vero Gewüztraminer que me sorprendeu como acompañante do Foie, e un Pedro Ximénez de La Cilla como complemento das sobremesas.  Cafés e licores tradicionais galegos, do que saliento un licor de queimada que nunca antes tivera ocasión de probar, por 45 €, IVE incluido. Non hai queixa a verdade.

O xantar rematou aquí, pero a London Gin, unha animada conversa e o SingStar non permitiron a nosa retirada ata que a noite estivo ben fechada. Aínda así remato con este fermoso solpor que debeu coincidir co fin dos cafés, co chirleu no centro, e a miña promesa de repetir un día que non teñamos tantas actividades para prestar máis atención ao menú voltar falar con Miguel e coñecer a Noa que se atopa aos mandos da cociña.

Ventureiro 2009 a todos!

Publicado en Batallas,Gastronomía,Mergullo,Persoal,Restaurantes | 2 Comentarios

A que soa a cociña galega?

Unha feita feita a introducción no meu blog principal amplío algo máis o evento, con imaxes e comentarios do que alí pasou.

Na presentación da nova peza de comunicación do Grupo Nove descubrín que entre os afamados cociñeiros e un simple mortal que se mete na cociña, pode haber máis similitudes das que a simple vista pode parecer: a todos lles presta botar un grolo (de bo viño, iso si) mentres cociñan.



Non se pode ter unha copa na man mentres se quita a carne dunha centola para un txangurro (redundancia culinaria?), ou mentres se enche un canelón de faisán e trufa, pero unha vez as cousas están xa encamiñadas, a máis de un nos gusta servirnos un viño e, se cadra, ir picando algo. Ver aos cociñeiros do Grupo Nove facendo o mesmo que de cando en vez eu tamén fago, foi unha sorte.


Como comprobar que a eles tamén lles gusta falar de pratos, restaurantes, viños e comentar (como non podía ser doutro xeito) as tan controvertidas estrelas que unha mundialmente coñecida guía espalla polo mundo adiante. Aproveitando que os meus compañeiros blogastrónomos que tamén se atopaban alí teñen máis relación ca min coa maior parte dos integrantes do Grupo, tiven a oportunidade de compartir conversa sobre todos estes temas con cociñeiros cos que nunca tivera a ocasión de falar (eso si, despois de saúdar aos coñecidos).


A presentación tivo lugar na cociña (si, na cociña) de Pepe Vieira Camiño da Serpe. Os cociñeiros prepararon para os invitados (e para eles mesmos, faltaría máis) algúns dos pratos que serven nos seus restaurantes, mentres os asistentes dabamos voltas polo medio facendo fotos e probando todo o que alí se cociñaba.




E remato ca foto que lle tería gustado tirar a Sole…

Publicado en Eventos,Gastronomía | Comentarios cerrados

Os BGG forman parte da nosa historia

Hoxe saiu á venda Xornal de Galicia, un curioso salto inverso, da web ao papel. O caso é que moraiminha mercou un exemplar e hai uns minutos estaba a ver o caderno de lanzamento onde se atopa un gráfico a dobre páxina denominado Roteiros pola historia de Galicia. Por motivos técnicos non puiden reproducir o gráfico, pero si o fragmento que nos chamou a atención: o relacionado coa gastronomía.


Alí salientanse fitos coma aparición de distintas D.O., publicacións de Julio Camba e Álvaro Cunqueiro,  o nacemento da Grupo Nove, a apertura do primeiro restaurante de Toñi Vicente , a Cristina Alcalá, e ao final datados coma S. XXI, aparecen…


Ou aparecemos, porque ao fin e o cabo algo Blogogastrónomo ou Blogastrónomo (como finalmente nos autoproclamamos, mentres non salte a idea dunha nova votación) tamén son.

Pola pequena parte que me toca, agradézolle a David Lombao e Ángela Costas autores do grafismo a nosa inclusión. Aínda que non me parece que teñamos tanta importancia, xa me cambiou a cara para toda a semana.

Publicado en Actualidade,Batallas,Gastronomía,Intres,Persoal | 3 Comentarios

O mundo ao revés: Migrando o correo de Mozilla Thunderbird a Ms Outlook

Nota: Esta entrada está baseada nesta outra, na que se utiliza a aplicación IMAPSize, unha ferramenta indispensable, para xestionar correo, copias de seguridade, etc, directamente nos servidores, e que podes utilizar para mover o teu correo IMAP de un servidor a outro por exemplo.

Non creo que esta anotación vaia ser moi popular, pero penso que o ideal é poder levar os teus correos dun lado para outro sen depender da aplicación que elixas para xestionala. Mozilla Thunderbird é un magnífico xestor de correo que agora mesmo vai pola versión 2.0.0.18, e estamos a utilizalo no traballo todos. Todos?. Todos non, hai un grupo de irredutibles xefes que queren utilizar o Ms Outlook, e coma onde hai patrón non manda mariñeiro, tiven que buscar o xeito de crear PST en momentos puntuais para que os puideran abrir nesa aplicación. Sendo esta a terceira vez que o fago, decidín documentalo para refrescar a memoria cando teña a necesidad e por se é de utilidade para alguén.

Qué precisamos?

  • Thunderbird cos datos que queremos converter
  • Extensión SmartSave
  • Outlook Express (si amigos, ese nefasto cliente. Se tes XP seguro que anda por aí).
  • Microsoft Outlook. Eu utilicei a versión 2007 pero coido que non hai problema con isto.
  • Adiante!

    Cando tiven por primeira vez este problema fixen a migración con IMAPSize e despois co complemento de Thunderbird SmartSave. A vantaxe do segundo fronte ao primeiro é que en IMAPSize vas realizando os pasos cartafol a cartafol, e no caso dunha árbore complexa (que era o meu caso), tiven que crear manualmente a estrutura e logo ir convertendo unha a unha, co que acabei un pouco cheo do procedemento, mentres que con SmartSave só seleccionas a conta, e xa se encarga de converter cada correo a .eml e no seu cartafoliño, cun par de golpes de rato. En resume, se vas converter enviados e recibidos, non vas notar diferenza, en caso contrario SmartSave.

    Imos aló entón.

    Primeiro instalamos o complemento ou extensión SmartSave, como calquera outro. Reiniciamos o Thunderbird e xa estará operativo.

    A continaución compactamos os cartafoles, facendo click co botón dereito sobre eles, e premendo en Compactar ;-)

    Unha vez rematado, prememos co boton dereito enriba da conta e prememos na opción: Exportar esta carpeta con SmartSave.



    Seleccionamos un camiño onde gardar os ficheiros .eml xerados, e agardamos deica o informe final.


    Convén botarlle un ollo porque poden aparecer erros normalmente debidos a nomes de cartafoles con símbolos non permitidos com a barra inclinada (/). Se todo está OK, continuamos.

    Agora executamos o Outlook Express e arrastramos os eml creados cartafol a cartafol. Se a estructura é complexa, débesese crear antes no Outlook. Esta parte é a máis tediosa, polo que recomendo, facer un mosaico na pantalla co outlook e un explorador aberto na pasta correspondente, armarse de paciencia e comezar: Ctrl+E para seleccionar todos os elementos, e arrastrar ao seu destino, as veces que fose necesario.

    Se o teu destino é OE xa rematache. Se pola contra, queremos facer un PST  e levalo a Outlook exportamos de OE a MO: Archivo -> Exportar -> Mensajes -> Seleccionar o perfil e listo. Agora tes os datos no Outlook do equipo no que se procesaron. Exportar o PST e entregarllo ao seu destinatario é o paso final. Quedou claro?

    Publicado en Aplicacións,Cómo amañei...?,Mozilla.org,Windows XP | 2 Comentarios