IX Xantanza no Restaurante Alborada. Homenaxe á cigala
É francamente imperdoable que non escribira nin unha liña da VIII Xantanza, e non me quedará máis remedio que facelo calquera día. Non por iso vou deixar de comentar a recente xantanza (e xa van IX) que amablemente organizou o Sr. Foucellas, no Restaurante Alborada en A Coruña.
A estas alturas xa temos análises pormenorizadas e imaxes de mellor calidade ca estas, pero non por iso vou quedar calado. Adiante pois co menú.
Inauguramos a mesa cuns petiscos que non viñan detallados sendo un sorpresa que resultou ser do máis agradable. En primeiro lugar unha divertida Filo-Pizza sobre cacahuetes agridoces, noz de macadamia en tinta de lura e tempura de pistachos (xa copiei algo).
Oliva esférica e en madalena. A esferificación de tamaño máis respetable que teña tomado ata o de agora.
A primeira aparición da raiña da IX Xantanza foi na Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo fritido sobre cama de pataca palla.
A estas alturas xa comezaramos dar boa conta dun Antonio Montero Autor 2008 da D.O. Ribeiro, rexio consorte xunto ca cigala, durante boa parte do xantanza.
A partires de aquí os primeiros. Iniciamonos co Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis, un dos mellores do día.

A seguir veu a tosta de salpicón Alborada, cunha orixinal presentación invertida.

As Verduras grelladas en papel fata, nas que reapareceu a cigala, dando unha mellor presenza ao tradicional papillote. (Isto vouno copiar).

A sardiña desespiñada con queixo e foie, levou un ingredente extra. Das fotos é a que máis me gusta, pero o resultado non me acabou de contentar, o foie era méramente testimonial e non se apreciaba xunto a unha sardiña á que lle sobraba cocción.

Alcachofas de tempada con polbo e aceite de morcilla un acerto, pode que gañara co seu xamón, pero a presenza da morcilla foi suficiente como contrapunto, e o polbo tiña unha textura consistente moi agradable.

Un exceso de sal botou por terra un prato que a priori ía ser o meu preferido. Nin é espectacular, nin moi exótico, pero esta preparación de tintes mediterráneos da puntilla da ría con arroz negro e alioli, leva 3 elementos que me encantan. Mágoa.

Chegou por fin un clásico da carta, que en palabras do propio Luis Veira nunca van poder retirar: Ovos con cigalas, patacas e aceite de trufa

Eu fixen o cambio de viño a esta altura, aínda que xa estaba presente na mesa porque os amigos do tinto son un lobby en si mesmos. O Refugallo 2006 que curiosamente non aparece na páxina dos seus productores Dominio do Bibei.
Decidín entrarlle con este acompañamento ao Bonito de tempada con soia e caramelo de pementos. Igual digo unha barbaridade, pero o acompañamento estaba delicioso.

O fin da etapa salgada chegou cun porquiño con pó de pistacho iraní, orellóns e sal negra.

A complexa tarefa de habilitar espazo para que os doces atoparan o seu lugar, correu da man dun Mojito, que trala disiquisición de geiko sobre a variedade de menta utilizada, cumprimiu sobradamente co seu cometido. Só me pesa non aceptar a oferta do maitre e ter recuncado.

Como compañeiro das sobremesas unha aposta arriscada: María Castaña. Viño doce aromatizado con castañas torradas, que non pareceu chegar a convencer. Estivo ben como experiencia.
A continuación,baixo o suxestivo nome de Primavera, se atopaba vainilla, cardamomo (que confundín visualmente conkiwi), e outros sabores frescos.

A torrada temperada con xeado de torrada, foi o redundante e saboroso remate do xantar.

Mais non da nosa estancia no Alborada, que se alongou con cafés, caña, petit fours e os inevitables gin tonics, con debate incluido.
Dende xa, sabede que un Fever Tree con Hendrick's é o Gin Tonic da casa, ou así é dende que pasei por alí.

Non quero deixar de salientar o impecable servizo de sala. Atentos a calquera comentario, que nin cas dificuldades engadidas dos obstáculos móbiles, deixaron un só detalle por cubrir. A miña noraboa a todos.
Como xa ven sendo habitual, as visións doutros comensais complementarán e enriquecerán a experiencia, tal como fixeron ca súa presenza:
Gourmet de Provincias, Capítulo 0, Pantagruel Supongo, Laconada, Borralleira, De Pinchos e o convidado de honra, Melvin.
E xa por fin, agradecer a moraiminha todas as fotos dos pratos.



