IX Xantanza no Restaurante Alborada. Homenaxe á cigala

É francamente imperdoable que non escribira nin unha liña da VIII Xantanza, e non me quedará máis remedio que facelo calquera día.  Non por iso vou deixar de comentar a recente xantanza (e xa van IX) que amablemente organizou o Sr. Foucellas, no Restaurante Alborada en A Coruña.

A estas alturas xa temos  análises pormenorizadas e imaxes de mellor calidade ca estas, pero non por iso vou quedar calado. Adiante pois co menú.

Inauguramos a mesa cuns petiscos que non viñan detallados sendo un sorpresa que resultou ser do máis agradable. En primeiro lugar unha divertida Filo-Pizza sobre cacahuetes agridoces, noz de macadamia en tinta de lura e tempura de pistachos (xa copiei algo).

Oliva esférica e en madalena. A esferificación de tamaño máis respetable que teña tomado ata o de agora.

A primeira aparición da raiña da IX Xantanza foi na Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla.

Espetada de cigala con mahonesa de soia e caranguexo  fritido sobre cama de pataca palla

A estas alturas xa comezaramos dar boa conta dun Antonio Montero Autor 2008 da D.O. Ribeiro, rexio consorte xunto ca cigala, durante boa parte do xantanza.

A partires de aquí os primeiros. Iniciamonos co Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis, un dos mellores do día.

Carpaccio de cigala e ourizo con xeado de lichis

A seguir veu a tosta de salpicón Alborada, cunha orixinal presentación invertida.

As Verduras grelladas en papel fata, nas que reapareceu a cigala, dando unha mellor presenza ao tradicional papillote. (Isto vouno copiar).

A sardiña desespiñada con queixo e foie, levou un ingredente extra. Das fotos é a que máis me gusta, pero o resultado non me acabou de contentar, o foie era méramente testimonial e non se apreciaba xunto a unha sardiña á que lle sobraba cocción.

Alcachofas de tempada con polbo e aceite de morcilla un acerto, pode que gañara co seu xamón, pero a presenza da morcilla foi suficiente como contrapunto, e o polbo tiña unha textura consistente moi agradable.


Un exceso de sal botou por terra un prato que a priori ía ser o meu preferido. Nin é espectacular, nin moi exótico, pero esta preparación de tintes mediterráneos da puntilla da ría con arroz negro e alioli, leva 3 elementos que me encantan. Mágoa.

Chegou por fin un clásico da carta, que en palabras do propio Luis Veira nunca van poder retirar: Ovos con cigalas, patacas e aceite de trufa

Eu fixen o cambio de viño a esta altura, aínda que xa estaba presente na mesa porque os amigos do tinto son un lobby en si mesmos. O Refugallo 2006 que curiosamente non aparece na páxina dos seus productores Dominio do Bibei.

Decidín entrarlle con este acompañamento ao Bonito de tempada con soia e caramelo de pementos. Igual digo unha barbaridade, pero o acompañamento estaba delicioso.

O fin da etapa salgada chegou cun porquiño con pó de pistacho iraní, orellóns e sal negra.

A complexa tarefa de habilitar espazo para que os doces atoparan o seu lugar, correu da man dun Mojito, que trala disiquisición de geiko sobre a variedade de menta utilizada, cumprimiu sobradamente co seu cometido. Só me pesa non aceptar a oferta do maitre e ter recuncado.

Como compañeiro das sobremesas unha aposta arriscada: María Castaña. Viño doce aromatizado con castañas torradas, que non pareceu chegar a convencer. Estivo ben como experiencia.
A continuación,baixo o suxestivo nome de Primavera, se atopaba vainilla, cardamomo (que confundín visualmente conkiwi), e outros sabores frescos.

A torrada temperada con xeado de torrada, foi o redundante e saboroso remate do xantar.

Mais non da nosa estancia no Alborada, que se alongou con cafés, caña, petit fours e os inevitables gin tonics, con debate incluido.
Dende xa, sabede que un Fever Tree con Hendrick’s é o Gin Tonic da casa, ou así é dende que pasei por alí.

Non quero deixar de salientar o impecable servizo de sala. Atentos a calquera comentario, que nin cas dificuldades engadidas dos obstáculos móbiles, deixaron un só detalle por cubrir. A miña noraboa a todos.

Como xa ven sendo habitual, as visións doutros comensais complementarán e enriquecerán a experiencia, tal como fixeron ca súa presenza:
Gourmet de Provincias, Capítulo 0, Pantagruel Supongo, Laconada, Borralleira, De Pinchos e o convidado de honra, Melvin.

E xa por fin, agradecer a moraiminha todas as fotos dos pratos.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 7 Comentarios

7 Comentarios so far

Suscríbete a los comentarios RSS

  1. Xul 9, 2009 a las 8:15 p.m.

    Gourmetdeprovincias dice,

    As miñas verduras non levaban cigala!
    http://2.bp.blogspot.com/_6rJZaviC4NY/SlDh1-xoaqI/AAAAAAAAGDY/Y4CxI-rGKJM/s1600-h/x4.JPG

    Tres cigalas nun mesmo menú foron suficientes, pero non deixa de resultar curioso. Con razón tiña eu a sensación de que ó prato lle faltaba algo.

  2. Xul 10, 2009 a las 11:14 a.m.

    makeijan dice,

    Seica houbo unha permutación por mor da multiplicidade de menús. Xa sabes da miña oposición a esta nova modalidade…

    Con 4 pratos é máis homenaxe… ;-)

  3. Xul 10, 2009 a las 11:21 a.m.

    xmanoel dice,

    Moi ausi!! (que tamén publiquei o meu post sobre a Xantanza e non me linkas)

  4. Xul 10, 2009 a las 11:45 p.m.

    eSedidió dice,

    Que ben vivides, carallo!! Estou desexando rematar co do Kobe para enfiar os cañóns cara os devoradores de cigalas en pratos raros :-)

    E, en serio, obrigado pola visita. O final da serie Kobe rematará a vindeira semana, que esta andiven emocionado pola novidade e estou a publicar deprisa demáis. A este paso remato nun mes coa miña produción melódica, e tampouco é plan.

  5. […] ca primeira suxerencia. Completamente inspirada no primeiro snack da memorable xantanza no Alborada, decidín converter o snack nun primeiro prato, para o cal utilizamos a estructura […]

  6. […] na Thermomix, temperatura varoma e velocidade 6 uns 10 minutos, ou ben inspirarme nun dos pratos da IX Xantanza no Restaurante Alborada. Xulgade vos […]

  7. Mai 31, 2014 a las 4:33 a.m.

    throne-rushhack.blogspot.com dice,

    throne-rushhack.blogspot.com…

    IX Xantanza no Restaurante Alborada. Homenaxe á cigala at Another Cow In The Corn…

Lo sentimos, pero los comentarios están cerrados para esta entrada.