Dilogs en galego. Rede social de mergulladores e rexistro de inmersións
Teño dous novos amigos: Antonius e Gulliver. Sonche cousas derivadas do meu futuro cambio de estado. Aínda que me caen ben, son un pouco cansinos e cando zafo deles, procuro ir mergullarme. Por mor da miña teima de almacenar a información en liña, petei con dilogs.com, unha rede social para mergulladores, onde, entre outras cousas, pódense gardar e partillar as túas inmersións, planear os vindeiros lugares a visitar, procurando centros e os fondos que visitan, o seu estado metereolóxico, así como información e valoracións dos mesmos. Case perfecto.
E digo case, porque aínda que estaba xa en varias linguas, faltaba a miña. Adiqueille unhas horiñas, e problema resolto. Velaquí a versión galega de dilogs, que como se pode ver neste anuncio xa é oficial. Coma sempre agradécese calquera notificación de erros. Xa levo corrixidos uns cantos nestes días, pero sempre quedan atrás cousas.
Se che interesa botarlle un ollo a como queda a cousa, unha capturiña, de como se ven os meus mergullos, mais o mellor é que te deas de alta e probes ti mesmo como funciona.
Hoxe andiven polo Cabo Udra, na Ría de Pontevedra, e vin a nai de todas as centolas, que acobillada perto dunha fenda, evitaba as nasas esparexidas polo fondo.
Tamén pasei por Yayo Daporta ao que non voltaba dende a primeira xantanza, para comprobar que segue en forma, voltei á Casa dos Martínez a probar ese cava do que tanto fachendea e outras historias que quedarán na lista de rascuños, por quen sabe canto tempo…


