Ovos con cigalas e verduriñas

Onte tiven unha xuntanza que me obrigou a reincorporarme ao traballo. Por sorte, a cita era pola tarde, co que puiden adicar a mañá a facer lavadoras, lavar louza, e cociñar. Entre outras cousas preparei un bote de confitura de pemento amarelo, e logo pensei en utilizala para algo, porque sempre que preparas conservas, hai algún envase que non enches completamente e tes que consumir máis axiña.

Como a nova avoa Mercedes pensa que pasamos fame, trouxonos unha caixa de verduras e hortalizas, ovos e unhas cigalas. Tiña dúas opcións, metelo todo na Thermomix, temperatura varoma e velocidade 6 uns 10 minutos, ou ben inspirarme nun dos pratos da IX Xantanza no Restaurante Alborada. Xulgade vos mesmos.

Ovos con cigalas, verduriñas, co seu caviar e confitura de pemento

Acompañado de pan de centeo e unha das  derradeiras botellas de  Moraima 2007… non sei que máis se pode pedir.

O nome que tiña pensado era: Ovos con cigalas e verduriñas, acompañado do seu caviar e confitura de pemento. Ao escribilo, pareceume demasiado pretencioso e rematei por acurtalo.  E facédeme caso. Na vindeira ocasión na que poidades probar as ovas das cigalas, dicídeme se é posible concentrar máis o sabor a mar.

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

Receitas con philo (e V). Tartiñas de vieira, tomate e alfábega sobre pasta philo

O 21 de xaneiro de 2007 comecei a escribir esta receita. Así comezaba aquel rascuño:

Fai uns días falaba de Nick Nairn e anunciaba esta receita.

Pasaron máis duns días (máis de dous anos e medio), pero finalmente atopei lugar e tempo para él. Publicouse automáticamente esta mañá, sen revisar sequera, e dados os acontecementos desta fin de semana, xa vai quedar así.
Coma homenaxe a Island Harvest, a serie que me aprendeu que as vieiras se poden comer crúas; a xustificación do prezo dalgúns pratos aparentemente sinxelos e mil cousas máis, vou contarvos como preparo as tartiñas de filo.

Basicamente son tres partes, preparar o leito de verduras, enfornar as follas de filo e quentar as vieiras.

O leito leva cebola cociñada moi lentamente en aceite de oliva, ata case caramelizar, á que se lle engade tomate en cachiños e alfábega. Estes dous elementos quéntanse dándolle dúas voltas. Non se trata de cociñalos, só de potenciar o seu sabor. Na receita orixinal, retirábaselle a pel e a semente dos tomates. Eu penso que é moita leria. Se o tomate sabe ben, o prato será un éxito.

As follas de filo córtanse circularmente adaptándonos ao prato no que vaiamos servilas. Levan unha pincelada de manteiga, e van ao forno ata que collan unha cor dourada, coma a da foto. Tres ou catro son suficientes, aínda que o amigo Nick fai como 6 ou 8, e na miña experiencia iso pode facer moi complexo de comer. Cada un pode experimentar o seu equilibrio entre o punto crocante e as habilidades do comensal.

Finalmente as vieiras córtanse en forma de rombo (tíralle do aire), e pásanse uns segundos pola prancha ven forte.

A presentación sería, colocando varias follas de filo no prato, sobre as que se pousarán a salsa que preparamos previamente, e por riba os cachiños de vieira.  Máis ou menos como vedes na foto.



A dificultade está en ter todo listo a un tempo, para presentalo a unha temperatura axeitada.

Outras desfeitas que preparei con pasta philo: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá, Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel, Roletes

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados

In memoriam Keith Floyd

Fago unha forzada parada no meu relatorio de receitas pola nova do falecemento de Keith Floyd, que me chega da man de moraiminha. Xa choveu dende que o coñecín por medio das series que emitía Viajar: Floyd in Spain, Floyd on France… Anacos soltos de aquí e acolá.

keith floyd: gravata de lazo, sorriso e copo de viño

O que  teña visto algunha das series do finado, de seguro non quedou indiferente. A imaxe dun británico de imparable e expresivo lareteo, cun copo de viño que inevitablemente remataba consumindo, e a gravata de lazo, xunto a un perenne sorriso,  forma parte das miñas referencias televisivas. Máis aínda se as reducimos aos comunicadores gastronómicos.

Sirva de pequena homenaxe, este anaco de video de cinco minutiños (V.O.) do capítulo adicado a Galicia en Floyd on Spain (1992), no que cociña xunto a Moncho Vilas no seu restaurante de Santiago de Compostela os pratos que desfrutarán xunto a un Manuel Fraga (President of Galicia), que rematará cunha queimada ou nas súas palabras (quick or fast queimada, which is something I don’t approve).  Impresionante o dominio do inglés do ex-Consul.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/9cs3cTb1V0w" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Aproveito para agradecer a Borralleira por fornecerme destas xoias.

Publicado en Gastronomía | 2 Comentarios

Receitas con philo (IV). Roletes

Outro xeito, quizais o máis doado, de utilizar a pasta é facer un rolo con ela. O rolete salgado é de coello escabechado. Unha preparación fantástica de moraiminha que se conserva moitísimo tempo, e permítenos tomar coello de caza fora de tempada.



Esta outra preparación sería igual pero con queixo de Burgos e marmelo. En realidade non fago un rolo senon pregues coma os dun plano. Un para un lado, pouso unha lasquiña de queixo, prego para o lado contrario, estendo un pouquiño marmelo,coma nunha especie de zigzag continuo, ata que remata a folla.
Fixádevos que vai un tempo mínimo ao forno e apenas ten tempo de fundirse o queixo, mentras co marmelo se fusiona ca fina película de masa. De momento non sei facer queixo. O meu doce de marmelo saese do mapa.



Outras receitas: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá, Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 4 Comentarios

Receitas con philo (III). Saquiños de foie con confitura de amorodo e reducción de moscatel

Unha das moitas celebracións que fixemos cas boas novas que nos trouxo o noso bichoquiño, coincidiu ca presenza dun paquetiño de pasta filo, un pouquiño foie, as primeiras confituras de amorodo ás que lles engadin xelatina, e a idea de facer a reducción co Moscatel de Pasas Los Madroñales.

E dese xeito xa destripei a receita. Non hai moito misterio, nin orixinalidade, mais lembro con agarimo toda a experiencia. Unha vez tes todos os ingredentes a man, é doado de facer… e sabe aínda mellor. Cortar a pasta en cadros duns 10-15 cm (nada de risas con isto), e pousar no centro un anaquiño de foie. Recoller as catro puntas, e apretar no medio, abrindoas cara afora. Enfornar un ratiño, e presentar engadindo a confitura no alto do saquiño. A reducción de moscatel dalle un aquel, ao que me estou afeccionando…

Previously on Another cow in the corn: Philo Pizza , Philo pizza doce de mazá.

Non soi moi dado a estas cousas pero non me resisto a comentalo. Duascentas cincuenta (250) anotacións. Cando comecei non pensei escribir tantas parvadas.

Publicado en Gastronomía,Receitas | 2 Comentarios