Bolachas de nata. As miñas galletas preferidas

O que ten este novo estado de gracia no que vivo, é que teño un horario de pitiño. Érgome cedo, e pola noite en canto marcha a luz xa non podo comigo. Poñamos por exemplo o día da X Xantanza. Normalmente o día de Xantanza adícase en exclusiva para iso. Máis nada. Nesta ocasión, ao coincidir a alborada cun troco de cueiros, aproveitei para facer unhas bolachinhas, coa tona tirada do Leite do Alle. Ao ser leite cru, é recomendábel  fervela para o consumo, e un lembra a diferenza entre o leite e o que se merca nas tenda. Esa tona traeme saudades doutro tempo, da casa da miña avoa cando aínda tiñan unha vaca, e tomabamos ese mar branco con escuma e algún lixo que sempre caía e aboiaba nel. Ao fervela, retirando a tona e xuntándoa coa de varios días, a miña nai facía unhas galletas de nata que adoraba.

A receita da miña nai era un parte de tona, outra de azucre e outra de fariña. A súa tendencia ao doce fixo que reducira o edulcorantes e  se convertera en:

  • 1 parte de tona
  • 1/2 parte de azucre moreno de caña
  • 1 1/2 partes de fariña (en realidade á que leve).

A que leve é un matiz que pode asustar inicialmente, pero unha vez que comeces a amasar notarás que por moito que indiquen as receitas, non todas as fariñas son iguais e o mesmo sucede con todo o resto dos ingredentes.
Unha vez amasadas, estiranse cun rolo co espesor desexado, e cortanse cun vaso, ou mellor un molde para darlles forma.



Fixen unha bandexa que pintei con ovo batido para que tiveran un remate máis atractivo, e logo probei a botarlle canela moida a unhas poucas e esencia de vainilla a outras. Sempre te atopas co problema de saber cales che gustan máis ;-)

Publicado en Gastronomía,Receitas | 4 Comentarios

O mellor festival

Asitir a un festival dende o backstage. Eis unha vella arela feita realidade. Non foi ningún dos que visitei os últimos anos: Primavera Sound, FIB, Summercase, LolaPop, Sonorama, DoloRock… Tampouco as bandas eran coñecidas, nin atopei ningún famoso. Alcohol e drogas non faltaron, pero non eran para min. Non me importou…

lolapop sonorama fib festival benicassim summercase primavera sound

1

Pasou un mes. Pode que o mellor da miña vida.

Publicado en Batallas,Persoal | 3 Comentarios

XX – A décima Xantanza na Culler de Pau – O Grove

Xa choveu dende aquela I Xantanza!. Case 3 anos e con ésta, xa son dez as ocasións nas que nos xuntamos para realizar a nosa particular peregrinaxe polos templos da gastronomía galega.

A X Xantanza correu da man de Geiko. Comezou cunha visita á adega Aguiuncho, a que recentemente premiaron co Mellor Branco de Galicia 2009 polo seu Aguiuncho Barrica 2007. Tras unha breve visita polas súas instalacións, procedemos a probar os caldos desa casa. Non me vexo capacitado para xulgar se é o mellor, pero levei unha botellíña para desfrutalo con calma na casa.


Unha vez rematamos en As Pedreiras, arrancamos cara o destino definitivo de calquera Xantanza que se prece: un restaurante. Desta volta un proxecto moi recente foi o que atraeu as nosas miradas, probablemente pola presenza de cociñeiros nipóns. Este artigo de LVG, inspirado pola visita de Capítulo 0 días antes, engadiuno á miña lista de pendentes, e o consenso dos BGG fíxoa efectiva. A continuación: A Culler de Pau, Javier Olleros e Takahide Tanaka.

Sito en Reboredo, O Grove, a cociña do Culler de Pau pasa por ter o corazón no noso mar, matizado por brillos orientais. O comedor está presidido por unha grande parede transparente, que introduce a mesa nun oceano de millo e bateas ao lonxe na Ría de Arousa. Na parede oposta, outro vidro separa aos comensais dos artesáns, unha imaxe, non menos interesante.

O menú abriuse cunha Sardiña con gazpacho de melocotón. Refrescante e atrevida.

Picou moi alto con este saboroso bocadillo de choco con xema de ovo, espinacas e redución das súas cabezas.


Presentou a primeira chiscadela oriental na albóndiga de boi de mar sobre caldo de crustáceos e aceite de herba boa, non tanto nos ingrendentes coma na presentación.


Artellada ao redor dunha das raiñas das nosas rías, apareceron as  vieiras con cebola caramelizada e lámina de touciño. Moi ben.


A presenza do xenxibre (e de Takiña) acompañou ás navallas a 75º sobre caldo dashi e aire de piñeiro.


Non menos saboroso, pero si menos sorprendente é foi o ovo da casa á carbonara de queixo de San Simón e migas de pan. Cando menos no meu caso, o ovo estaba algo pasado de cocción.


Curiosa a presenza da carne antes do peixe principal. Roastbeef sobre crema de patacas, verduras e mostaza


Bo punto, bo xénero, isto faise só. Pescada como unha caldeirada, chícharos e pérolas de tapioca.


Nas sobremesas máis atrevido este primeiro. Remolacha xeada con froitos vermellos, menta e iogur de coco e cítricos. 

Outro clásico recente da restauración actual. Torrada da avoa caramelizada, café, leite e cacao. Unha sorte de Tiramisú se queredes. Non precisei tomar café, preferín quedarme con ese goloso regusto.

Os viño acertadamente elixidos foron Val de Sil 2007 un Godello de Valdeorras e Abadía de Gomariz 2006, Ribeiro Tinto dos peculiares artífices da adega Coto de Gomariz. O Moscatel MR acompañou a sobremesa.

Tras as fotos de rigor, e unha visita sorpresa á cociña, agora xa recollida. Despedímonos cara unha longa dixestión axudada polos Gin Tonics de Hendrick’s nun non menos recomendable local na Ría de Pontevedra, O Nautico en San Vicente do Mar, onde rematamos unha xornada que dou comezo oficialmente ao outono a xulgar pola cantidade de auga que caeu esa noite.

As diferentes olladas sobre o mesmo evento permitirán ao lector facerse cunha idea máis fidedigna e cualificada ca miña. Así falaron  O Gourmet de Provincias, Capítulo 0Laconada, Pantagruel Supongo, La caja de los hilos, …

Publicado en Gastronomía,Restaurantes,Xantanzas BGG | 5 Comentarios