Casa Solla. Voltarás

Fai uns días, coa escusa de vir coñecer ao Roi Mariño, os Sres. de Foucellas se enfrontaron ao temporal para achegámonos a Casa Solla en Poio, a xantar nun (recoñézoo) dos meus restaurantes favoritos, ao que intento ir un par de veces ao ano. Con máis retraso que D. Manoel, procedo a comentar o menú.

Coma sempre, a comida estivo á altura do esperado, e foi unha sorte comprobar como apenas coincidiu o menú degustación que tomamos desta volta co que probaramos aló por abril, na última visita que lle fixeramos a Pepe Solla e á súa cociña. Nesta ocasión, puidemos comprobar as influencias da cociña chinesa, despois da súa visita (a de Pepe, non da súa cociña) a Shanghai: Unha infusión do coral da vieira acompañounos durante gran parte do xantar, lembrándonos que os chineses beben té durante as súas comidas; o cala-mar en aros , tenro a máis non poder, e cun sabor ben asiático por mor dun aceite de sésamo, que pedía a berros uns palillos para comelo (Foucellas, copiácheslle o comentario a Makeijan!); e un dim sum de centola que me lembrou aos que tomaramos en Beijing, nun chino pijo ao que nos levara un amigo de Makeijan e que fora toda unha revelación en comparación coa comida que serven nos restaurantes chineses aos que tiña ido ata entón.
Pero aínda así, quizais o prato máis salientábel fose a navalla lima-limón, prato sinxelo, pero sen dúbida foi a mellor que teño probado ate agora (en abril, tomarámolo con ostras, tamén espectaculares); e que nos lembra a esa vella costume da xente de mar de comer os bivalvos crús, só cunhas pinguiñas de limón… por se acaso!
Moi ben coma sempre o peixe, mero nesta ocasión, e como prato de carne,  outra vez Pepe Solla xogando co punto das aves, neste caso perdiz, deliciosa en dúas coccións e cun escabeche do máis delicado, pero non apta en parte para quen, coma min, ten certo reparo en comer carne de ave pouco feita.
O xa clásico carro co queixo e marmelo antes das sobremesas redondearon o menú.

As imaxes. Non son tan boas coma as de Foucellas, pero cada un fai o que pode.
O polbo



A infusión



As navallas



O calamar



A “croqueta”



O dim sum



Os cogomelos



Del mar el mero…


A caza


As sobremesas






A conversa con Pepe Solla é un pracer engadido á boa mesa, do que tivemos a sorte de disfrutar, mentres un Gin Tonic de Blackwood’s con Fever Tree culminaba o xantar.
Quero rematar con esta pequena anécdota:
Non hai moito pasamos por un restaurante da Costa da Morte, e aínda que non sexa moi axeitado, non puidemos evitar oir a conversa do responsable de sala con outro comensais. Fago miñas a súas verbas cando dixo:

Casa Solla es el templo de los puntos de cocción del pescado.

E non teño nada máis que dicir.

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 5 Comentarios

Un novo fito na historia dos BGG: A primeira cata de Gasosas

Os Blogastrónomos temos un aquel de tentar innovar en gastronomía. A nosa última aventura foi a cata de gasosas celebrada hai escasa horas na enoteca  Bagos en Pontevedra.

Entre os seis asistentes xuntamos unha nada desprezable cantidade de bebidas carbonatadas producidas na nosa terra. Entre elas, por citar algunhas estaban: Xiada, Feijoo, El Pombal, La Pitusa, Nieto, Espiña, Pousada, Lareva, Xenio, etc.  e así ata 15 envases diferentes. A continuación unha instantánea do que alí se xuntou.

Escolma de gasosas utilizadas na cata

Nesta segunda imaxe amosamos os representantes do segmento máis alto. Con envase de vidro e mesmo precinto de garantía nos exemplares máis senlleiros.

gasosa-1

O certo é que detallar unha cata tan ampla, e con tantas mostras  sería unha ardua tarefa, por iso quero agradecer a Magago e Sole a idea de gravar en video os momentos máis significativos, de xeito que quede constancia e mesmo, porqué non dicilo, como unha guía para que calquera afeccionado se inicie neste apaixoante mundo das burbullas.

Tras o visionado do mesmo quédalle a un a sensación de que hai produto, e que quizais falte un pequeno pulo para posicionalo no lugar que lle corresponde. Déixoo caer para abrir o debate: Por qué non unha D.O. Gasosa de Galicia?

Outras visións: Capítulo 0, Laconada, La caja de los hilos, O Viticólogo e De Pinchos.


Actualización: Obviamente trátase dunha pequena farsa montada para o día de onte. Certo é que debería ter sido o 1 de abril, pero como a idea xurdiu na última xantanza decidimos facela desta volta.

Agradecémoslle a Fernando e Adrián do Bagos que se prestaran a seguirnos o xogo. Non vaiades na procura de gasosas alí porqué non ás atoparedes, como tampouco cervexa e outras bebidas que non sexa estrictamente un amplo abano de viños, e unhas magníficas tapas para acompañalos. Supoño que haberá que facerlles unha entrada para compensalos…

Publicado en Batallas,Eventos,Gastronomía | Comentarios cerrados

A conquista da Iberia comeza en Vimianzo

Toda unha estratexia. Mentres os cataláns andan enleados coas súas consultas pro-independencia, os vascos ca resaca do plan Ibarreche, e os españois pendentes de todos estes movementos, dende Vimianzo, unha vaga avanzará paseniña convertendo toda a península ibérica en galega.

conquista-iberica-vimianzo

É un segredo. Non se vaian enterar os de Galicia Bilingüe ;-).

Publicado en Intres,Persoal | Comentarios cerrados

OfficeScan non se instala por mor dunha presenza pantasma de VirusScan

Para non quedar a durmir o primeiro día despois das vacacións, programei unha xuntanza para que me formaran minimamente nas opcións básicas de Trend Micro OfficeScan. Dúas horas pendurado do Skype para obter os alicerces dunha correcta migración dende McAfee VirusScan.

Mais coma sempre, as cousas non son doadas, e menos cando se fala de solucións de seguridade. O OfficeScan non se instalou co script; nin o fixo remotamente dende a consola web; tampouco utilizando a ligazón do servidor e na derradeira posibilidade, o instalación a partires dun pacote, dou o erro máis informativo:

Error. Although OfficeScan supports automatic uninstallation of ePOAgent3000, Setup encountered prolems with the uninstaller program. Please remove ePOAgent3000 manually before installing Trend Micro OfficeScan Client. Setup will now terminate.

Como non quedaba rastro de servizos nin ficheiros nos camiños por defecto, comecei a procura no rexistro. Limpei o que atopei relacionado con VirusScan e McAfee, pero o erro persistía. Esta entrada doume a pista que precisaba.
A solución pasaba por eliminar esta chave:

[HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Network Associates]

(e as que colgan dela):
[HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Network Associates\ePolicy Orchestrator]
"LogLevel"=dword:00000007
"LogSize"=dword:00000001
"LogHiRes"=dword:00000000
[HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Network Associates\ePolicy Orchestrator\Application Plugins]
[HKEY_LOCAL_MACHINE\SOFTWARE\Network Associates\ePolicy Orchestrator\Application Plugins\EPOAGENT3000]
"PluginPkgInstallDate"="20080421170635"
"PluginPkgVersion"="20080205201339"

A ver se un día me animo e fago unha escolma cas solucións que máis utilicei con McAfee. Que non as precise non quere dicir que non lle sirvan a ninguén.

Publicado en Cómo amañei...?,Trend Micro OfficeScan | Comentarios cerrados