XIII Xantanza. Se os BGG non van onda Ons, Ons ven onda os BGG

Non cabe dúbida de que esta décimo terceira xantanza foi especial. Aproveitando a nosa recentemente creada páxina de facebook abrimos a experiencia blogastronómica cunha máis que respectable cifra de 23 asistentes, que tendo en conta que tiñamos unha ponte, un temporal e que se convocou cun reducido marxe de tempo, é todo un éxito.  O temporal no mar evitou que nos trasladásemos cara a Illa de Ons tal como tiñamos previsto, pero non foi quen de anular unha convocatoria que Mónica reconduciu maxistralmente a uns quilómetros no noso destino primitivo, pero en solo continental.

O programa respectouse na medida do posible, agrupándonos inicialmente no Bar Alegre e unha vez no destino final, comezando cunha degustación de follas novas (ou baby leaves coma lle chaman eles) de Finca de los Cuervos. Un interesante proxecto que está ofrecendo produtos vexetais ecolóxicos á alta restauración galega. Santiago Pérez falounos de hibridación por polinización para crear unha sorte de herbas mestizas ao gusto do consumidor, todo isto sen modificación xenéticas, sempre ca bandeira dun produto o máis natural e ecolóxico posible. Puidemos probamos Pak-Choi, mostaza… e outras folliñas de poucos días, con potentes sabores, convenientemente acompañados dun Pedralonga, caldo da D.O. Rías Baixas  que utiliza técnicas biodinámicas na súa elaboración e que tamén nos acompañou nos primeiros pasos do menú principal.

O xantar foi concibido ca Illa e os seus produtos coma centro. Por 40€ por cabeza, o tándem formado por Lola de Casa Checho e o seu fillo, ofreceunos un menú que comezaba aló polas dúas e media cunha exquisita empanada de millo de zamburiñas,



continuamos cuns deliciosos percebes,



polbo á feira a seguir,



e xa entregados ao cocido co bolo do pote con nébeda,



finalizando cas sobremesas que redondearon o xantar:  o bandullo, un parente da vincha, que se prepara no estómago e non na vexiga do porco.
Para ser fieis á realidade nos tomamos compota, que é como lle chaman á zaragallada coa que enchen o estómago, e por extensión á mesma preparación cando se realiza noutro recipiente. Completaron o trío a  tarta de queixo e unha empanada de mazá que polo visto ten moita sona.



Non hai Xantanza sen G&T. Dúas casas descoñecidas para min das que demos boa conta Blogastrónomos e convidados e que amplían o abano de xenebras na nova era dourada deste espirituoso.  Pink 47 e Mombasa Club Gin son as novas marcas das cales sorprendeu máis a suavidade da Pink, a pesares dos seus 47º.



O forte vento que batía no istmo da Lanzada non impediu unha fugaz visita ás escavacións e aínda houbo quen colleu folgos para ir cear e aguantar deica ben pasada a media noite…

Como xa é case un costume, recollo outros puntos de vista do evento da man de Colineta, Capítulo 0, De Pinchos (por partida dobre)Laconada, La cocina de Lechuza, La caja de los hilos e Pantagruel Supongo.

Publicado en Gastronomía,Xantanzas BGG | 7 Comentarios

XIII Xantanza. Acompáñanos pola Illa de Ons

Queredes pasar unha xornada na Illa de Ons, degustando un menú tradicional e acompañando aos blogastrónomos?

Mapa da Illa de Ons
A continuación as repostas a todas as dúbidas que vos asaltan:

  • Que imos facer:
    1. Desprazarnos ata á Illa de Ons (Parque Nacional Illas Atlánticas)
    2. Durante o traxecto degustación de produtos de Finca do Corvo a cargo do cociñeiro Javi Olleros (Culler de Pau – O Grove).
    3. Visita pola illa.
    4. Xantar tradicional
  • Cando: O vindeiro sábado 30 de outubro. Saída ás 10:30 h retorno ás 18:30 h.
  • Como: En barco (pensamos no paracaídas pero igual non caiamos todos dentro da illa :-P).
  • Onde: Sairemos do Porto de Bueu
  • Porqué: Unha xornada coma esta merece ser compartida con máis xente.
  • Prezo: 55 € + Viño

Para acompañarnos, tes que cumplir estes estritos requisitos:

  1. Ser amigo da páxina facebook dos blogastrónomos.
  2. Responder a esta mensaxe indicando que queres acompañarnos (por favor, só unha resposta por persoa)
  3. Levar fame e gañas de pasalo ben :-)

No caso de que o número de apuntados supere a nosa capacidade organizativa, verémonos na obriga de realizar un sorteo.

O menú tradicional con:

  • Polbo
  • Percebes
  • Empanada de zamburiñas
  • Cocido con bolos do pote
  • Empanada de mazá
  • Bandullo

Quen quere vir?

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía,Xantanzas BGG | 1 Comentario

Restaurante El Laurel. Toñi Vicente rexurde en Noalla

Haberá uns seis meses que apareceu  en notas ciscadas acó e aló, o novo proxecto de Toñi Vicente. Non tiven a oportunidade de visitala en Santiago, e despois do rebumbio de hai dous anos, porque negalo,  nin apetecía. Foi a casualidade, quen nun casamento, non me digas como, sacou o tema e a conseguinte  recomendación, que non deixou lugar a dúbidas.

O restaurante Laurel atópase na Revolta – Noalla, moi perto da praia da Lanzada no Concello de Sanxenxo. O local resulta moi agradable e acolledor.

Optamos coma sempre que é posible polo menú degustación, deixando na cociña toda a responsabilidade da nosa experiencia.   Comezamos cun aperitivo de pastel de cabracho.



Co Salmón marinado, xeado de queixo do cebreiro e xelatina de tomate abriuse oficialmente o menú. Fantástico comezo.



Espárragos verdes, vieiras e crocante de xamón
.  Para min un prato cargado de mensaxe, e estaba moi bo.


Pescada en emulsión de aceite e infusión de limón.  Perfecto punto da pescada, acompañamentos que ensamblan coma un crebacabezas.



Entrecot de tenreira acompañado dunha curiosa tempura de pementos de padrón e un caldo (perdoade a miña memoria).



Torrada da miña nai con xeado de piña. Só esta sobremesa merecería escribir unha entrada soa, e iso que non me considero lambón.  Esta falsa torrija doume gañas de coñecer á nai de Toñi Vicente.



Rematamos cuns petit fours: pousos do café e bombón xeado, e o coche obrigounos á deixar os espirituosos para o regreso a Pontevedra (que non os perdoamos).  Acompañamos o ágape cun Crego e Monaguillo (Godello e Treixadura) da D.O. Monterrei, de entre unha pequena carta, que  sorprendía a pesares do seu tamaño.

Prezo final 48 € por cabeza (Menú degustación 35 € IVE incluido).
Na miña opinión o menú degustación está perfectamente dimensionado para unha cea, pero nun xantar quedaríase curto. A pesares disto, directo para a miña lista de recomendados.

Nota. Acabo de enterarme de que xa non está en Noalla senón en San Adrian de Cobres (Vilaboa).

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | Comentarios cerrados

Os BloGastrónomos Galegos xa estamos no facebook!

Non era sen tempo…

Pode pensar algún…

Non vivimos disto….

Penso eu…
O feito é que xa está e estades todos convidados a pasar polo noso recuncho e tomarlle algo…

BGG Blogogastrónomos

Xa sabedes…

Publicado en Actualidade,Eventos,Gastronomía | Comentarios cerrados