Pontevedra Tapas 2010

É certo que saen coma cogomelos nesta época. Os concursos de tapas están por todas partes, pero só este me permite asistir sen coller o coche. Pontevedra Tapas (que así se chama) está a ser un éxito, ou cando menos esa foi a nosa percepción. Un día bastante morto como é o martes pola noite atopamos un par de locais sen existencias e noutro non tivemos espazo físico para entrar noutro.
Os datos para quen lle interesen: 26 locais da hostalaría pontevedresa compiten neste concurso, ofrecendo por un prezo fixo de 1,50 € por tapa, e 3 días os que quedan (remata o vindeiro domingo). Bulide!



O nivel está a ser máis elevado do que esperaba, en especial tendo en conta a limitación do prezo un bo criterio que facilita a valoración dos mesmos. As fotos do móbil non fan xustiza, e agardo sirvan para estimular a visita aos locais para observalos e sobre todo degustalos. Velaquí algúns a salientar:
Se visitas A Maquía ofrécenos un sorprendente pincho con xogo de palabras o Sushi Maki A, un sorte de falsos makis de polbo, choco e cocido acompañado de cadanseu prebe.


Os mexillóns con espuma de queixo de San Simón de La tienda de Clara, magníficos.


Pontetapas ofrécenos solombo de porco con queixo de tetilla e timbal de patacas coméntase só.


Pablo desde o Allo e Aceite usa como tapa un mítico prato da súa casa: Langostinos en tempura con mahonesa de soia.



Isto son os que mais nos gustaron de momento pero algún máis aparecerá nas visitas da fin de semana. Ireinos subindo a este album. Se tes unha recomendación é benvida!

Para rematar un pequena reflexión que me preocupa desta iniciativa, i é que algúns empresarios poden sentirse tentados poloLado escuro e se perda aínda máis a verdadeira tradición dos Pinchos en Pontevedra. Ambos costumes son compatibles ou iso espero…

Publicado en Eventos,Gastronomía | 1 Comentario

Máis receitas con philo (V). Apfelstrudel de pera estilo libre

Aproveitando as vacacións e para evitar perder moito tempo diante do ordenador, metinme na cociña. Como vedes o resultado é que estou a perder máis tempo diante da pantalla e compensando a falta de sol cun bonito moreno TFT.

O motivo de escribir esta receita é o seu ridículo título: un strudel de mazá nunca poderá ser de pera. Non hai máis explicación ca o meu esquecido alemán, e que as mazás gastáronse nunha saborosa compota, e só quedaban peras. Agora lembro unha receita de pastel de cabracho que moi amablemente me explicaron, e na cal había surimi, pescada e unha chea de ingredientes máis, e na que non aparecía o peixe homónimo por ningures. Moito me rin con aquela receita, e agora tamén con esta.

Quen queira facer unha receita en condicións mellor que se dirixa a este enderezo, se polo contrario, queredes perpetrar unha sobremesa relativamente doada de libre interpretación… alá vos.


Vexamos, utilicei 4 follas de pasta filo, unhas cantas peras (medio kilo máis ou menos), uvas pasas (ao gusto), arandos deshidratados (porque cadrou que había), ron checo Božkov Tuzemský, manteiga, pan relado (50 g), azucre panela, esencia de vainilla natural e canela en pó.

Penso que está todo. Preparación. Vexamos, hidratar as uvas e arandos. Escorrer e deixar de mollo en ron checo (pouca cantidade). Derretemos unha pouca manteiga (digamos 50 g) nunha tixola e douramos o pan relado, engadimos as uvas, arandos e ron (por iso dicía que pouca cantidade), a canela e unhas pingas de esencia de vainilla, e retiramos do lume para darlle unhas voltas coa idea de misturar e que non se queime. Reservar. Se es moi lambón aproveita para botarlle azucre antes de retiralo.

Cortar as peras ao medio, e retirar as sementes. Eu non retirei a pel (todo o mundo sabe que é onde están as vitaminas), e procedín a tirar unhas rodas de pera tan finas como me foi posible (que non foi moito). Non hai problema, a pera se está ben maduriña vaise cocer no forno perfectamente.

A parte da filo é a máis delicada, coma sempre. Armarse cun pincel e unha boa cantidade de manteiga derretida. Estender dúas follas de filo nun mesado e mollalas coa manteiga. Pousar un par de filas de fatias de pera, e/ou a mestura reservada, e pregar por riba, repetir ata que remates as follas, momento que aproveitarás para facer o propio con outras dúas follas de xeito que teña unha altura coma a da imaxe. Eu penso que fixen como catro veces o procedemento dúas de froita e dúas de zaragallada alternándose. Lembra fechar os extremos, para que non fuxa o contido.

Cando consigas rematar, máis manteiga para darlle un brillo dourado e un pouco de azucre panela por riba, daralle eses puntos escuros de caramelo. Forno 30 minutos 180º altura media. Isto non é lei, cada quen vixíe o seu pastel.

Acompañeino dun sorbete de mazá que tiña no conxelador, para botar por terra toda a miña exposición inicial, sobre peras e mazás (Isto lémbrame )

Publicado en Gastronomía,Receitas | Comentarios cerrados