Restaurante La Oca. Un salón-comedor cheo de sabores

Disto moito de ser un gran cociñeiro, pero as veces cando me meto entre olas e tixolas, recibo un inmerecido cumprido:

Nunca pensaches en montar un restaurante?

Un que, por sorte ou desgracia, ten a unha profesional na familia, sabe ben que non é mesmo preparar un xantar ou cea para 4 ou 6 amigos que alimentar un sala chea de comensais, sen esquecer a anarquía horaria que acostumamos practicar, e que as datas que consideramos festivas ou de descanso, son as habituais de producción para estes traballadores e empresarios deste sector.
Todo isto ven a conto, porque o Restaurante La Oca estivo virtualmente vedado para nos durante ben tempo. A apertura habitual e ao mediodía durante a semana e as noites de venres e vesperas de festivos. Precisamente un festivo local era unha desas raras oportunidades que decidimos aproveitar.


O comedor lembroume ao salón da miña casa (ou de tantas outras) nun día de festa. As cadeiras, as paredes inzadas de pratos, imaxes e cadros, as lámpadas e apliques, o chinero… non sei se foi casualidade, pero ata os comensais que nos acompañaban, semellaronme figurantes escollidos para recrear un ambiente máis fidedigno. Un, ao que xa lle branquean os cabelos e as pernas alcanzan ao chan,  sentiuse máis novo, coa presión das debidas advertencias antes dunha visita, para causar unha boa impresión comportándose correctamente.
O trato cordial e cercano de quen nos atende (xunto con algunha chamada de móbil, sempre fora de lugar), dispersa eses pensamentos e centranos na carta. Chegamos cunha idea fixa. O menú degustación sorpresa que cun prezo de 35 € (+ IVE) e o noso obxectivo inicial, mais asexar os segredos da carta por desbotar algún prato con un ingredente menos apetecible (todos temos algún) e facer unha quiniela
mental sobre que pratos escollerías, forma parte do ritual.

A elección do viño xa é amolado sabendo o que vas comer, nin te atrevas se o menú é sorpresa. Os espumantes son o noso comodín, e o Champagne vaise de prezo, un cava servirá. Comezamos.



Ensalada de lamprea con aceite de pementa verde



Revolto de centola, laminas de bacallao e mazá



Ovo pochado con especias e trufa branca do piamonte



Bacalhao a 65º con pilpil de allada e pisto



Solombo de cervo, confituras caseiras e salsa de foie, queixo de cabra e azafrán



Torrada e xeado de turrón

Acompañamos a aventura cun Juvé & Camps Reserva de la Familia Brut Nature, augas e unha infusión foise a algo menos de 60 € por cabeza.

Unha homenaxe en toda regla, do que salientarei especialmente a ensalada de lamprea, coa que teño unha relación desigual, e que non agardaba probar novamente este ano, xunto co bacallao (impecable), e os surtido de acompañamentos para o cervo, realmente un espectáculo.

Definitivamente, entrará nos meus recomendados de Vigo, e nas candidaturas de futuras xantanzas, o que non sei é como imos facer para organizar a data… quen sabe… quizais a primeira Ceanza?  (Academico ou morte  para este neoloxista afeccionado ;-))

Publicado en Gastronomía,Restaurantes | 1 Comentario