Aceite de oliveiras galegas. O día que Bendilló aparece nos mapas.

Catrocentos quilómetros fixemos hoxe mesmo para visitar o muiño de aceite de Bendilló, unha desas peregrinacións longamente adiada á que finalmente puidemos asistir. Todolos anos, dende hai 11 xa, por estas datas (non sei moi ben con que criterio) celébrase a Mostra do Aceite de Quiroga, do que por certo se pasas pola vila non atoparás nin un só sinal ou indicación, carencia que os traballadores das gasolineiras saben suplir, afortunadamente.


O vello Muiño das Farrapas abre as súas portas ao público aproveitando esta data, amosando o proceso tradicional de elaboración deste produto atípico na nosa terra, e simultaneamente, os cinco románticos que apostan por ofrecernos o aceite que obteñen a partires das, por muito tempo, esquecidas oliveiras locais, atenden ao público asistentes entre sons de gaita, viño, churrasco e polbo.

O obradoiro é pequeno e non está deseñado para visitas, todo o espazo é preciso para traballar, así con dúas ducias de espectadores, xa non é posible nin escoitar as explicacións e difícilmente tirar unha foto decente. Como as miñas son francamente malas, tiro de buscador e ligo unha a xeito documental, e outra serie dun muiño abandoado na veciña Vilaster, que a pesares das mutilacións sufridas polo edificio, a pía de moer  e o lagar parécenme mellor conservados có de Bendilló.


Vimos por aceite, mais os ollos revíranse ante a presenza desas bolas de pan, e cae unha nunha oficialísima bolsa de papel verde, tamén mel que o pai é lambón, pero o fillo non queda atrás. Un palleiro non se fai sen palla. Finalmente o noso dourado obxectivo, xusto antes de marchar.

Xa na casa, parte do noso tesouro en ouro líquido. Á esquerda aceite da veciña vila de Montefurado (moito buraco fixeron os romanos), de ton amarelo mate, turbio e con pousos no fondo, do que infiro que non sufriu ningún tipo de filtrado. Se alguén quere contactar con eles están no facebook.

Á súa beira, a producida por Guillermo Nogueira, no muiño tradicional que acababa de visitar. De cor verdosa, transparente e sen pousos, adiviño sen esforzo que a caste das oliveiras non pode ser a mesma.  Acordaron para a feira valorar en 7 € o cuarto de litro e en 15  os tres cuartos, que son cartos pero en realidade non ten prezo.

Certo, resta describir o sabor, a qué sabe o aceite galego artesán? Vai quedar pendente para unha cata cega realizada ad hoc, con zumes de oliveira do sur… a ver se o meu padal é quen de distinguir os matices das terras regadas polo Río Lor.

Publicado en Eventos,Gastronomía | 8 Comentarios